«Súa nai está sometida a un suicidio pasivo»: os mortos en vida que deixaron os asasinos de Samuel

A Coruña.- Desde hai uns días xa non hai unha tribo de xornalistas, fotógrafos e cámaras esperando ás portas da Audiencia Provincial da Coruña a chegada dos avogados, acusados e testemuñas do caso Samuel Luiz. A vista oral dura máis de tres semanas, e o xuízo xa non sae nas portadas. Ademais, a catástrofe de Valéncia absorbeu todo o interese do ecosistema mediático do país, e os faladoiros de radio e televisión xa nunca falan de Samuel, nin os directos dos matinais se fan sobre a beirarrúa fronte ao número 1 da rúa Cigarreiras, onde se atopa a sede da Audiencia da Coruña. Agora son sobre o barro de Paiporta, Benetúser, Catarroja, o barranco do Poio…

Cando deixa de ser noticia unha traxedia? Cando desaparece o lodo que adoita acompañar as riadas de dor que provoca? Como se miden no tempo a pena e o sufrimento unha vez que as augas baixan? Cúranse algunha vez, chéganse a esquecer? Quizá sexa imposible establecer pautas para contestar a esas preguntas se llas facemos a unha sociedade enteira. Pero os expertos aseguran que si poden ofrecer respostas se se refiren a individuos concretos.

Os psiquiatras, psicólogos e peritos forenses que compareceron este mércores no xuízo de Samuel expuxeron a tráxica situación que seguen padecendo os seus pais, Maxsoud Luiz e Dolores Muñiz, desde que unha manda de asasinos linchou o seu único fillo ao berro de «maricón de merda!» na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da cidade. Ambos caeron enfermos esa mesma noite por mor do estrés agudo, a ansiedade e a depresión severa que lles provocou a morte de Samuel.

Terapia psiquiátrica, psicolóxica e farmacolóxica

Ese mesmo mes empezaron terapia psiquiátrica, psicolóxica e farmacolóxica, pero só Maxsoud as seguiu e, aínda que obtivo da Seguridade Social a declaración de incapacidade permanente que lle impide traballar, empeza a recuperarse. Dolores, con todo, padece un trastorno depresivo con síntomas psicóticos e ideas delirantes sobre a súa responsabilidade na morte do seu fillo, que a levan a rexeitar calquera tratamento.

«Ela considérao un castigo divino, imposto, cre que ten que padecer e sufrir», sostén Arturo Parada López, médico especialista en valoración de dano psicofísico, durante o seu testemuño fronte ao xurado a petición da acusación particular. «A súa vida consiste en saír co seu marido unha hora de paseo pola mañá e outra pola tarde. O resto (é dicir, as relacións sociais, familiares, laborais…) practicamente non existen», afirma.

Varios cámaras, fotógrafos, xornalistas e axentes da policía, ás portas da Audiencia Provincial da Coruña nunha imxae de arquivo / J. O.

José Manuel Crespo Iglesias, médico psiquiatra con 25 anos de experiencia na sanidade pública e diplomado en Criminoloxía, expón tamén diante do tribunal o sentimento de culpa e de absoluta desesperanza que experimenta desde hai tres anos e catro meses a nai de Samuel, sometida desde a súa morte a un lento «suicidio pasivo» que vai aumentando aos poucos o dano funcional que o provoca. «O prognóstico é moi malo. Se non recibes tratamento, cando máis tempo transcorre con todos eses síntomas activos, máis difícil é que poidas recuperarte», engade.

Desde que mataron a Samuel, a vida de Maxsoud e Dolores enlamouse de dor: padecen insomnio, teñen pesadelos cando conseguen durmir e experimentan con frecuencia ansiedade e angustia, explica Belén Peña, a primeira psicóloga clínica que empezou a tratalos apenas unha semana despois do crime.

Depresión maior de evolución crónica

Peña derivounos a unha psiquiatra, Sonia Segade, que agora xa só trata a Maxsoud e que onte confirmou o mesmo diagnóstico e as súas traumáticas secuelas: «Tristeza profunda, dificultade para experimentar calquera sesanción de pracer ou goce, problemas de sono e concentración …». Segade só puido ver dúas veces a Dolores, en agosto e setembro de 2021. Pero xa entón puido comprobar que padecía «un estrés traumático brutal». «É unha depresión maior de evolución crónica», que se agrava polo seu rexeitamento para recibir tratamento, conclúe a experta.

Aos pais de Samuel avaliáronos tamén dous psiquiatras forenses do Instituo de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Máximo Rodríguez Vázquez e Juan Molina, que confirmaron sobre o estrado o mesmo diagnóstico e as enormes secuelas que sofren. «Forma parte da enfermidade non recoñecer a enfermidade», advertiron.

«Ela considérao un castigo divino, imposto, cre que ten que padecer e sufrir»

O seu ditame é relevante porque del deduciranse as indemnizacións ás que terán que facer fronte os acusados do asasinato de Samuel –Diego Montaña, Catherine Silva, Kaio Amaral, Alejandro Míguez e Alejandro Freire– se son finalmente condenados.

A efectos desas indemnizacións, o informe pericial oficial contabiliza 530 días de baixa de Maxsoud, é dicir, desde que mataron a Samuel ata que se iniciou na Seguridade Social o procedemento da súa incapacidade permanente. No caso de Dolores son só 78 días, desde o 3 de xullo ata que se tivo constancia de que non quería seguir tratamento. En total son 608. Desde que a morte de Samuel arrasou de barro e dor as súas vidas pasaron 866 días.

A fiscal e as acusacións desmontan un perito da defensa que alegou trastorno mental dun dos acusados

A defensa dun dos presuntos asasinos de Samuel, Alejandro Freire, alias Yumba, para quen as acusacións piden 22 anos de cárcere por asasinato con saña e aleivosía, presentou este mércores na vista oral un perito psiquiatra que asegura que o acusado padece patoloxías que deberían atenuar a súa responsabilidade na súa morte.

Segundo Indalecio Carrera, doutor en Psiquiatría e profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e contratado pola familia de Freire, este padecería un trastorno de déficit de atención con hiperactividade (TDAH) con personalidade presicótica, ademais de adiccións a substancias tóxicas, especialmente a cocaína, que ao seu xuízo deberían darlle algunha «vantaxe» no caso de que lle fose imposta algunha pena que, en calquera caso, pola súa situación e na súa opinión, debería cumprir con medidas extracarcelarias

Varias testemuñas, así como os policías que analizaron as gravacións dos feitos, sinalan a Freire como autor de varias das patadas e puñadas que recibiu Samuel durante o seu linchamento, así como do intento de estrangulalo durante a primeira das agresións que padeceu. Salvo pola súa propia declaración durante a instrución, non existe proba algunha que indique que o día dos feitos non era consciente do que facía.

David Freire, avogado de Alejandro Freire, ‘Yumba’, acusado do asasinato de Samuel Luiz, á saída da Audiencia Provincial da Coruña / J. O

Especialmente a fiscal, pero tamén a avogada da familia de Samuel e o letrado da acusación popular, desmontaron o informe de Carrera, que elaborou a partir do que lle contou o pai do acusado e de dúas entrevistas dunha hora no cárcere. Mesmo chegou a alegar unha predisposición xenética ao TDAH do presunto asasino, que só tería como sustento a versión da familia Freire de que un tío de Yumba tamén o padecía

O perito tratou de convencer o xurado de que esa suposta enfermidade, que non lle foi diagnosticada ata o de agora ao acusado, sumada ao consumo de drogas e á súa personalidade, fixérono máis vulnerable ao descontrol e ás respostas violentas. Preguntado pola fiscal sobre se tiña algunha analítica ou informe médico que demostrase que na madrugada do 3 de xullo de 2021 Freire ía tan drogado e bebido como insinuaba, recoñeceu que non, e que a súa peritaxe se baseaba só no que o acusado lle trasladara.

O testemuño de Carrera provocou que o xurado lle pedise á xuíza que preguntase ao perito dúas cuestións: que tipo de TDAH cría que padece Freire, e que efectos teñen as substancias psicotrópicas en pacientes con esa enfermidade. O psiquiatra respondeu que o trastorno do acusado era mixto, e que a cocaína e o alcol nos enfermos de TDAH poden exercer un efecto depresor e mesmo de acougo sobre a súa personalidade. É dicir, o contrario do carácter violento e agresivo que mostrou o día dos feitos en virtude do testemuño de varias testemuñas e das gravacións mostradas no xuízo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail