Unha didáctica para un outro ensino

Vanme desculpar que me refira neste artigo a un meu libro de 1995, escrito e publicado en colaboración con Xoán Costa Casas e editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Démolo en titular O ensino da língua. Por un cámbio de rumo, nada menos. Nada menos, que confianza e ilusión na modificabilidade docente-administrativa!, porque a evolución do ensino do ponto de vista das programacións, temarios, bur(r)ocracia, papelame absurdo… que desde aquela se produciu, converten o noso entusiasta afán de outrora nunha utopía, un non-lugar, por tanto.

O libro en cuestión dáballe unha volta completa á didáctica habitual da lingua galega no ensino pre-universitario e, aínda, no ensino universitario. Ía encabezado por unha ampla introdución teórica de carácter epistemolóxico e metodolóxico, que tiña, a efeitos prácticos, dous obxectivos centrais: privilexiar o uso pragmático da lingua, conceptuando a ensinanza gramatical como un instrumento e non como un fin do ensino, e procurar á mantenta o diálogo lingua-literatura-artes plásticas, en beneficio de todas. A seguir, as unidades didácticas, en número de vinte e seis, que tiñan como eixo a obra de Castelao, organizada do seguinte xeito:

  1. Unha sección denominada «Retrincos», onde figuraba unha estampa ou viñeta do grande artista, seguida dun texto do mesmo autor.
  2. Un comentario ad hoc de ambas pezas, a cargo dun personalidade contemporánea, que demos en agrupar baixo o rótulo «Un ollo de vidro».
  3. Unha sección titulada «Nós», en que incluíamos unha serie de perguntas para estabelecer o necesario debate-coloquio na aula.
  4. Un apartado titulado «Da fala e da escrita» dirixido á explicación de cuestións gramaticais.
  5. Afinal, unha sección chamada «Cousas» (todas elas imitaban ou reproducían directamente a espléndida tipografía de Castelao), onde se propuñan actividades varias para o alumnado (deseño, redaccións, sketches teatrais…).

A maiores, o libro contiña o maior número de caricaturas ou autocaricacturas  de Castelao que demos localizado. Como se ve, o noso afán era claramente interdisciplinar, termo hoxe tan na moda e tan distante, temo, de se levar a termo. Quen foron, a petición nosa, os nosos amábeis colaboradores?. Ei-los, por orde de aparecemento: Manuel Rei Romeu, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Ricardo Carvalho Calero (un texto del, claro está, pois tiña falecido cinco anos antes), Xosé Manuel Beiras, Guillerme Vázquez, Lidia Senra, Francisco Carballo, Lois Diéguez, María do Carme García Negro, María do Carme Kruckenberg, Encarna Otero, Pilar Pallarés, unha servidora, Manuel María, Victorino Pérez Prieto, Xosé Neira Vilas, Mª Xosé Queizán, Xosé Chao Rego, Daniel García Ramos, Victorino Gutiérrez Aller, Xosé Lois Seixo, Bieito Lobeira, Marica Campo. A clausura do libro incluía senllos poemas de Ramón Cabanillas, Arístides Silveira (= Celso Emilio Ferreiro) e Darío Xohán Cabana dedicados a Castelao. Pola parte artística, unha estampa do álbum Nós de forte simbolismo.

Vinte e sete anos despois, fondas saudades de todas as persoas que xa non nos acompañan neste mundo, a comezar polo ilustre prologuista que nos honrou co prefacio, D. Jenaro Marinhas del Valle. Falecido Carvalho Calero, el e mais María do Carme Kruckenberg eran para nós presenzas imprescindíbeis, como coñecedores persoais que foran de Castelao. Saudades e, tamén, mágoa por non poder levar á práctica a finalidade de libro tan misceláneo. Como dixen, o ensino oficial, nas súas orientacións e prescricións, transitou por vieiros ben diferentes. A historia interesa cada vez menos e o diálogo pasado-presente, idem. Porén, a lingua é ubicua e, por iso, non sobra coñecela no seu uso amplo e variado, fálese de demografía, de pesca, de xustiza, de relixión ou de nós como povo e cultura específicos.

Só unha consolación serodia. En 2015, fun convidada por Mª Victoria Carvalho-Calero Ramos a dar unha conferencia sobre Castelao no campus ourensao da Universidade de Vigo. Alí me informaron alumnos que dela foran (Diana Vilas Meis, Óscar Rodríguez García, Laura Carpente Tielas, Manuel Rodríguez Conde) da realización dun proxecto que deu despois en libro: A nenez galega a través dos anteollos de Castelao. Viñeron informarme de que a idea do tal volume nacera da leitura daquel libro noso. Vinte e dous anos despois, aquela nosa ilusión tiña descendencia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail