A empresa galega fundada polo franquista Barrié, adquirida pola catalá en 2009, verteu en 2001 500.000 metros cúbicos de lodos putrefactos acabando cos ecosistemas da zona e co modo de vida de miles de descendentes de escravos africanos.
A Coruña.- O 21 de xullo do ano 2001 a empresa galega de enerxía Unión Fenosa decidiu abrir as comportas da central hidroeléctrica do río Anchicayá, na rexión colombiana de Val do Cauca. A idea era desfacerse dos máis de 500.000 metros cúbicos de lodos tóxicos que se foran acumulando no leito do encoro durante medio século, e que apodreceron porque ninguén dragaba o encoro desde había lustros. A consecuencia foi un ecocidio que matou a varias persoas, acabou cos ecosistemas da zona e tamén co modo de vida dos 6.000 habitantes das ribeiras do río e as selvas que as rodean.
Apenas un ano antes, un grupo paramilitar asasinara a tiros a dez persoas e ameazara as testemuñas con continuar coas matanzas se non abandonaban os seus fogares a carón do leito. Máis de 2.000 persoas fuxiron da zona, nun éxodo que para moitos deles aínda non terminou máis de 20 anos despois. «Estamos seguros de que foi Unión Fenosa a que promoveu eses asasinatos para forzar a fuxida da poboación», asegura un membro do Consello Comunitario Maior do Río, o órgano reitor e de representación das comunidades que o poboan. Pide gardar o seu anonimato por medo a que se cumpran as ameazas de morte que recibiu.
Desde os tempos da invasión española, no Anchicayá fóronse asentando colonias de escravos e escravas de orixe africana, que buscaban unha vida de homes e mulleres libres nunha contorna natural agreste e de difícil acceso. Eles e os seus descendentes foron creando as súas propias comunidades, mantendo desde entón as súas formas tradicionais de vida, a súa cultura e os seus valores. Entre eles, o aproveitamento respectuoso dos recursos que lles ofrecía o río que lles proporcionaba refuxio e sustento durante séculos.
A vertedura de Unión Fenosa acabou con todo aquilo. Os lodos putrefactos asfixiaron a fauna e a vexetación acuática, depositáronse no leito do río impedindo a navegación e o transporte, esnaquizaron os cultivos contiguos e modificaron os reximes de mareas que o renovaban diariamente desde o Pacífico. Máis de dúas décadas despois, nin as aguas do Anchicayá nin a súa contorna foron recuperados, ninguén indemnizou as vítimas e, o que é peor, a presa volve estar repleta de lodos e ameaza cunha nova catástrofe, xa que se calcula que os fondos do encoro acumulan outros catro millóns de metros cúbicos de veleno.
A situación agravouse coas últimas choivas. O pasado venres, o novo presidente de Colombia, Gustavo Petro, declarou o estado de desastre natural por precipitacions extremas en todo o país, con inundacións que ameazan a vella estrutura da presa. «Hai apenas dous días o río estaba totalmente fóra de control e o encoro, que xa ten 65 anos, atopábase colmatado por completo», relata Juan Santoyo, portavoz de Human Conet, unha ONG franco-colombiana comprometida coa defensa do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e polos dereitos humanos.
Desprazamentos masivos de poboación
Santoyo relata como a catástrofe do Anchicayá obrigou a miles de familias da comunidade negra a desprazarse abandonando os seus fogares, tanto polos efectos do envelenamento do río como pola presión das mafias e os grupos armados que operan na zona, e que tentan agora sacar partido do proceso xudicial aberto desde hai máis de vinte anos. Moitas desas familias denunciaron ameazas, represalias como a queima de vivendas e bens e mesmo asasinatos e secuestros.
O último ocorreu o pasado 12 de xuño, cando Omar Delgado, membro do Consello Comunitario Maior do Anchicayá, foi capturado por un grupo guerrilleiro disidente das FARC. Afortunadamente, puido ser rescatado polo Exército dous días despois. «Aquí temos que durmir cun ollo aberto, pasaron 21 anos de loita e seguimos sendo perseguidos», sostén a citada fonte anónima.
O relator de Nacións Unidas sobre a situación dos defensores e as defensoras de dereitos humanos en Colombia, o francés Michel Forst, recolleu en decembro de 2018 no seu informe de fin de misión os testemuños de activistas que dixeron ser ameazadas «por empresas internacionais e nacionais, en particular dos sectores mineiro e hidroeléctrico». «Adicionalmente, escoitei alegacións de conivencia entre empresas e políticos, ás veces de moi alto nivel», aseguraba no seu relato.
O relator de Nacións Unidas sobre os dereitos humanos en Colmobia, Michel Frost, constatou en 2018 ás ameazas aos activistas por parte das multinacionais mineiras e hidroeléctricas
Tras a catástrofe do 2001, o Ministerio de Medio Ambiente de Colombia ordenou a Unión Fenosa executar un plan de recuperación do río Anchicayá; outro para construír lagos artificiais para a cría de peixe ao obxecto de garantir a produción de alimentos para as comunidades, e outro de asistencia técnica agropecuaria para recuperar os cultivos danados. Ningún deles chegou a executarse.
No ano 2002, meses despois da vertedura, as comunidades locais expuxeron unha demanda común contra Unión Fenosa na xustiza colombiana, que en 2009 estableceu para elas unha indemnización de 169.000 millóns de pesos colombianos, uns 34,10 millóns de euros, que serían hoxe 42 millóns actualizando a cantidade ao incremento do prezo do diñeiro. Tamén declarou culpable por omisión ao Estado colombiano. Con todo, Naturgy –daquela Gas Natural Fenosa–, que adquirira Unión Fenosa uns meses antes, decidiu desfacerse de EPSA, a súa filial colombiana, propietaria da presa e polo tanto responsable das indemnizacións.
O acordo de compra incluía que Naturgy deixase unha provisión de fondos para pagar as indemnizacións persoais aos afectados, pero non para cubrir os danos ambientais nin a recuperación do río, que poderían ser moito máis elevadas. A compradora, a firma Celsia, propiedade da multinacional colombiana da construción Argos, tamén se negou a pagar tanto os danos persoais como os ecolóxicos, e tampouco afrontou a limpeza do río e a súa contorna. Ao contrario, iniciou un novo procedemento xudicial.
O conflito atópase enquistado, e unha decisión da Corte Constitucional sobre un recurso de Celsia-Argos, dando por probado que a vertedura causara danos pero ordenando unha nova e dificilmente viable valoración dos mesmos once anos despois, e reclamando novas probas para validar a listaxe de afectados, renovou as presións sobre os activistas, os membros da comunidade negra, os seus líderes e as súas familias.
Mafiosos locais, narcotraficantes, guerrillas e grupos paramilitares queren beneficiarse das posibles indemnizacións, e ameazan os portavoces comunais, os defensores dos dereitos humanos e os representantes legais. Esixen baixo ameazas que os inclúan entre os afectados e reclaman mordidas sobre as cantidades que estes poderían cobrar algún día, pero que aínda non cobraron nin saben con certeza se chegarán a cobrar.
Un dos que tiveron que fuxir é o avogado Germán Ospina, apoderado legal de sete das trece comunidades afectadas, artífice da estratexia xurídica que logrou os seus primeiros triunfos nos tribunais e quen desde hai uns meses busca asilo político en España coa súa familia tras recibir ameazas de morte.
Ospina, que acaba de preparar un escrito para pedir ao Estado colombiano que declare ao río Anchicayá como suxeito propio de dereitos, asegura que a catástrofe arruinou as vidas de miles de persoas. «Son comunidades pobres e vulnerables que non tiñan máis sustento que o río. Hai familias que se alimentan hoxe con só cen gramos de peixe por persoa ao día e moitos nenos padecen desnutrición. Ademais, o departamento de Val do Cauca é un dos máis conflitivos de Colombia, e a moitos deses mozos non lles quedan máis saídas de futuro que unirse a un grupo armado, a unha banda de delincuentes ou de narcotraficantes ou emigrar a Buenaventura (a gran cidade máis próxima) para prostituírse».
«O que as comunidades queren é que as escoiten, recuperar a súa dignidade, que Naturgy sexa consciente da situación na que as deixou a vertedura de Unión Fenosa, que recoñeza que nunca reparou o dano ambiental, que non repoboou o río e que non cumpriu con ningunha das medidas ordenadas», di o avogado, quen confía nas expectativas que se abren co novo executivo colombiano: «Petro dixo no seu discurso de investidura que ía basear a súa acción de goberno en tres eixos: xustiza social, xustiza ambiental e paz. Anchicayá é o exemplo perfecto da necesidade desas tres cousas».
Unión Fenosa, a empresa do banqueiro franquista Pedro Barrié de la Maza
Unión Fenosa era a empresa do banqueiro franquista Pedro Barrié de la Maza, quen a través do Banco Pastor financiara o golpe de estado que acabou coa Segunda República española. Franco recompensouno entregándolle a empresa Electra Popular Coruñesa, propiedade do empresario republicano José Miñones, competidor directo de Barrié, quen xa posuía entón unha fábrica de gas e electricidade na Coruña. O banqueiro fíxose coa empresa de Miñones despois de que este fose fusilado polos fascistas en decembro de 1936 no Campo da Rata da Coruña.
Co apoio da ditadura, Barrié converteu a firma nunha multinacional que se fixo coa propiedade e a xestión de infraestruturas enerxéticas en América Latina, entre elas, a presa do Anchicayá. Tras a súa morte en 1971, e aínda que a empresa sempre estivo baixo mando galego, pasaría por mans de varios accionistas. En 2008, cando foi vendida a Gas Natural pouco antes da sentenza que recollía a indemnización para as comunidades do Anchicayá, o seu socio maioritario era o grupo ACS de Florentino Pérez.
Tras a compra de Unión Fenosa, Gas Natural pasou a denominarse Gas Natural Fenosa, que foi reconvertida a partir de 2018 en Naturgy, un acrónimo que parece sustentar a idea de que a compañía se dedica á produción de enerxía de forma respectuosa coa natureza. Unha imaxe que non se corresponde en absoluto co que representa a catástrofe de Anchicayá e os sufrimentos que causou a miles de persoas. Tampouco cadra coa propaganda do Grupo Argos, que se xacta de ser «a empresa máis sostible do mundo na industria de materiais de construción».
«Queremos que se recoñeza o que sucedeu, porque a mentira representa unha nova revitimización na memoria colectiva das comunidades», explica o portavoz de Human Conet. «A comunidade indíxena non é inxenua, pero un recoñecemento público de Naturgy non só serviría de reparación moral, senón que axudaría a presionar a Celsia-Argos: ‘Eu causei a catástrofe e todos os danos e a dor que se derivou dela, e eu vendinlle a vostede a miña presa. Como o resolvemos agora?», engade Ospina. «Naturgy demostraría así que está comprometida coa protección da natureza e a defensa dos dereitos humanos, e que o seu cambio de nome non foi só unha operación de maquillaxe», conclúe.
«Nós, unha comunidade negra pobre de Colombia, gañámoslle nos tribunais a unha poderosa multinacional, algo que non sucedera nunca antes na historia do país. E queremos que isto sexa un exemplo para todas as multinacionais do mundo», lembra o membro do Consello Comunitario Maior que pide ocultar a súa identidade. E lembra que aínda que hai unha explotación hidroeléctrica que leva 65 anos producindo electricidade no río, nove das trece comunidades aínda non teñen luz eléctrica. As outras catro empezaron a tela fai apenas catro anos. Tampouco contan con outros servizos básicos como rede de sumidoiros ou subministración de auga potable.
«Nós, unha comunidade negra pobre de Colombia, gañámoslle nos tribunais a unha poderosa multinacional, algo que non sucedera nunca antes na historia do país»
Luzes-Público contactou con Naturgy para saber se a multinacional eléctrica que preside Francisco Reynés está ao tanto do caso, coñecer a súa versión e preguntar aos seus responsables se teñen previsto facer ese acto de recoñecemento público que reclaman os poboadores do Achincayá. Ao peche deste artigo, Naturgy non respondera. A empresa rexistrou o ano pasado 1.214 millóns de euros de beneficios. Reynés obtivo 4,96 millóns en ganancias da empresa.
Luzes-Público tamén tentou sen éxito solicitar as versións de Celsia e do seu matriz, o grupo Argos. Só o ano pasado, Argos tivo beneficios de 523.936 millóns de pesos colombianos, é dicir 105,6 millóns de euros, máis do triplo da cantidade inicial que a xustiza do país atribuíu como indemnización ás comunidades afectadas pola vertedura.
Tanto Ospina como Santoyo e o membro anónimo do Consello Comuntario con quen contactou este diario cren que a vitoria de Gustavo Petro abre novas expectativas de resolución do caso. Tamén pola presenza no seu goberno de Francia Márquez, a vicepresidenta descendente de escravos e escravas africanas, orixinaria de Cauca, departamento veciño a Valle do Cauca, exrepresentante legal doutro Consello Comunitario e con ampla experiencia na defensa dos dereitos humanos e en loita contra os desprazamentos de poboación provocados polos abusos das multinacionais mineiras. No seu currículo tamén figuran ameazas e atentados contra a súa vida.
Todo iso representa unha esperanza de comprensión e de cambio, pero as comunidades do Anchicayá non queren quedar aí, e por iso buscan apoios no Parlamento Europeo a través da eurodeputada Ana Miranda, do BNG, adscrito na Eurocámara ao Grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea. «Compartimos uns valores universais e cremos que Europa, as súas institucións e as súas empresas teñen que mostrar o seu compromiso real coa sustentabilidade, a protección do medio ambiente e a defensa dos dereitos humanos en todo o planeta», conclúe Santoyo.