Carlos Jiménez: «A sentenza contra a CRTVG é, desgraciadamente, histórica»

A condena á CRTVG por sancionar ilegalmente a Carlos Jiménez demostrou que as represalias existen en San Marcos. O deste traballador da Radio Galega é o caso máis grave dunha longa restra de traballadores que ven con preocupación a deriva dunha compañía pública na que non se cumpre a lei. Once anos despois da aprobación da norma reguladora dos medios públicos audiovisuais de comunicación de Galicia, na CRTVG segue sen haber Estatuto profesional nin Consello de Informativos. Tampouco un plan de igualdade.

Cando se lle pregunta ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, pola manipulación, a falta de pluralismo, o uso do galego ou o machismo dalgúns contidos, a resposta é sempre a mesma: a estabilidade financeira da compañía. Como se no seu estatuto non figurasen tamén os principios de legalidade, obxectividade e bo goberno. Leva trece anos á fronte, os últimos tres, en funcións. Acompaño a Carlos Jiménez ao Parlamento para atender a comparecencia da nacionalista Olalla Rodil, que leva ao pleno unha proposición non de lei para a renovación do cargo do director xeral. Nela fai alusión á condena en firme contra o medio público pola «vulneración dos dereitos fundamentais do traballador».

Acabamos de presenciar a comparecencia. Que che pareceron a intervención e as réplicas do Partido Popular?  Pois pareceume unha situación de balóns fóra e de patadas cara adiante. As respostas do PP en sede parlamentaria van na liña das que fixo o director xeral, o señor (Diego) Calvo falando do «e ti máis» cando estaba o bipartito.

«As respostas do PP en sede parlamentaria parécenme unha situación de balóns fóra, falando do e ti máis cando estaba o bipartito»

Nesas seguimos trece anos despois.  Eu creo que a cidadanía, os traballadores e traballadoras da CRTVG, o que queren é saber que pasou. Preocúpalles a deriva desta compañía, e non se lles dá resposta. Creo que é un tema moi grave o desta sentenza, que consideramos histórica, desgraciadamente histórica, na que se recoñece que se conculcaron dereitos fundamentais como a tutela xudicial ou a liberdade de expresión ou de pensamento e a liberdade política. A resposta é a de «veño aquí falar do meu libro», do superávit da compañía, e referíndose a tempos pretéritos que a ninguén interesan. A un goberno que leva trece anos fóra da Xunta. Á xente o que lle importa é o hoxe e o agora.

Antes do teu expediente disciplinario non formabas parte de ningún sindicato. Agora estás na CUT e no Comité de Empresa. Foi a túa situación de indefensión a que te levou a facelo? Si, eu non estaba afiliado nin formaba parte do Comité nin de ningún outro órgano. Pedíronmo os compañeiros. O sindicato brindoume o seu apoio desde o principio co seu avogado, Brais, que foi de moita axuda. Hai tres anos propuxéronme presentarme como candidato en representación da radio. Un compañeiro acababa de deixalo. Eu levo 29 na CRTVG, a maioría na radio, e coñézoa bastante ben. Tamén as compañeiras e compañeiros.

E continúas, máis de 200 venres negros despois, formando parte tamén de Defende A Galega.  Si. O meu expediente nace a raíz, fundamentalmente, de dúas cousas. Non o digo eu, pono na sentenza. En primeiro lugar, do meu apoio público a Tati Moyano. Paréceme moi inxusto o que se fixo con ela, e creou unha grande indignación entre as compañeiras e compañeiros. Eu fixera un chío cun cancelo creado pola corporación, aquel de «presume da galega», poñendo algo así como: «Aquí un que tamén #presumedagalega e por iso cre que defender aos seus compañeiros, como Tati Moyano, é de xustiza, e por iso #DefendeAGalega». A partir de aí, empezan a pasar cousas raras.

O chío de Jiménez en apoio á xornalista Tati Moyano, tras o que afirma que comezaron a acusalo dende a CRTVG de competencia desleal.

Ademais, como boa parte do cadro de persoal, estabas en xuízos laborais coa compañía.  Si, e aínda que o señor Sánchez Izquierdo diga que gañan a maioría destes xuízos, son centos e centos as sentenzas en contra da CRTVG, e de todo tipo, non só no laboral, senón na conculcación de dereitos fundamentais, por despedimentos improcedentes… Eu estaba en litixios coa empresa e gañeille quince xuízos, a maioría por reclamación de cantidades non cobradas, pero tamén gañei a miña indefinición e antigüidade. Entón é cando me expedientan. Eu levaba dez anos traballando na dobraxe e locución para programas que se emiten na empresa, sendo parabenizado por directivos da mesma.

«Aínda que o director xeral diga que gañan a maioría destes xuízos, son centos e centos as sentenzas en contra da CRTVG, e de todo tipo»

E coa compatibilidade aprobada.  Si, eu creo que eles non o sabían. A compatibilidade na función pública solicítaa un traballador, pero ten que ter un informe favorable da empresa. Eu facía dobraxe e locución para programas da TVG. Recordo a unha alta directiva da empresa dicirme que non fixera máis, que a miña voz xa soaba moito

É dicir, sabían de sobra que facías ese traballo fóra da Radio Galega. Efectivamente, e cando aparece o famoso chío pois empeza a dicírseme que fago competencia desleal… facendo un programa para eles! Non para Telecinco. Dinme que descobren «con sorpresa», como pon no expediente, que fago esa outra locución e ábrenme un expediente. Entón eu presento o informe de compatibilidade, que penso que crían que non existía.

Menos mal que o conservaches estes anos. Si, menos mal que o tiña gardado porque, senón, estaría na rúa. O expediente que me abriron era por unha falta moi grave que podía rematar en despedimento. Ao final, a sanción quedou en 6 días de suspensión de emprego e soldo, que foron reconvertidos en 9 pola persoa que asinou o expediente. Non aceptei a sanción, cría que era inxusta e leveina ao xulgado. Nestes casos é no demandante no que recae o peso da proba e demostramos non só que se conculcaron os meus dereitos no referente á liberdade de expresión, senón que a CRTVG trataba de castigarme pola miña posición en defensa da liberdade e a miña participación en Defende A Galega. Isto sumouse a que tiña diversas demandas favorables contra a CRTVG pola miña situación laboral, a isto chámanlle conculcación do dereito á tutela xudicial porque todo o mundo ten dereito a defenderse contra o que considera inxusto. Aportamos todas as probas testemuñais e probamos que todo fora unha montaxe da CRTVG para castigarme. O xulgado deume a razón en primeira instancia e no TSXG confimárona punto por punto.

E a CRTVG non recorreu. O único camiño que lle quedaba era acudir ao Supremo e, para iso precisaban unha sentenza de casación que fose moi semellante á miña. Como comprenderás, non a había.

Que implicou a sentenza para a CRTVG?  Tivo que retirar a sanción e pagarme unha indemnización por danos e prexuízos de 6.251 euros, que era o mínimo. Na práctica, non mudou nada.

A nivel persoal estes procesos sempre deixan marcas. Ninguén che pediu perdón? Non, ninguén o fixo. É un tema moi duro, e a xente máis próxima a ti é a que sabe o que pasas. Inxenuamente pensas que alguén che vai pedir desculpas. Unha persoa da empresa moi próxima á dirección díxome que «a cousa se desmadrara», que «nese momento non souberan medir a repercusión que podía ter». A inxenuidade deses primeiros días xa me pasou. Non creo que ninguén se vaia desculpar en nome da compañía, as persoas implicadas seguen no seus cargos. O director xeral ten dito nalgunha das súas comparecencias na sesión de control no Parlamento que el defende sempre os seus traballadores. Debe pensar que eu, que levo case 30 anos na empresa, non o son. A min en ningún momento me defendeu, dixo que o meu caso supoñía unha litixiosidade moi baixa, un 0,00 non sei que por cento. Só faltaba que houbera un 30% de sentenzas condenatorias por conculcación dos dereitos fundamentais!

Desde o Comité de Empresa vides denunciando unha manipulación informativa constante. Como opera esta práctica, contraria ao código deontolóxico da profesión? Como acabamos de escoitarlle á deputada, antes a CRTVG era un órgano de propaganda dun candidato. Agora teñen dous a quen louvar: o que xa non está, pero que o temos en Madrid candidatándose, e o que quedou. E fano dun xeito moi groseiro. Que o outro día, celebrando os cen días de goberno de Alfonso Rueda, saia a señora Paula Prado cun micro do PP nun Telexornal porque a CRTVG non envía xornalista a cubrilo, dá idea do nivel ao que chega a manipulación. Por non falar dun tema tan grave como o dos represaliados da guerra civil, cando a Ione Belarra lle pregunta un xornalista dun medio de ultradereita, Twitter péchalle a conta ao individuo por ese vídeo, el denúnciao nesa rede social e o vídeo acaba saíndo no Telexornal.

Carlos Jiménez e varias compañeiras e compañeiros de Defende A Galega, que levan máis de 200 venres negros de protesta.

No Telexornal dun medio público…  Si, e ademais contextualizando como única opinión unha cuestión como a da guerra civil e o levantamento dos ósos de vítimas do franquismo dunha foxa común para preguntar sobre Paracuellos. A resposta a todo isto: «Vostedes manipulaban máis na súa época».

O tema central da comparecencia foi o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que hai tres anos que esgotou o mandato que marca a lei. Si, o que se pedía era a súa renovación desa dirección xeral. É algo que recolle a lei de 2011. Tampouco temos un Consello de Informativos que nos permita defendernos en casos coma o meu ou calquera outro que afecte á liberdade de expresión e que sexa efectivo contra a manipulación. Non reclamamos nada estraño, pedimos algo que xa está aprobado en sede parlamentaria desde hai 11 anos, igual que a remuda do director xeral, que se atopa nunha situación de excepcionalidade.

«Non temos un Consello de Informativos para defendernos en casos coma o meu ou calquera que afecte á liberdade de expresión»

Excepcionalidade grazas a unha argucia legal do PP. Efectivamente, a través dun acompañamento na lei de presupostos.

E por que cres que o director xeral é intocable? Porque non hai outra figura de consenso ou é medo a perder o control? Pois penso que un pouco todo. Tamén se di habitualmente nos mentideiros, chamémoslle así, que o señor Sánchez Izquierdo tería marchado hai tempo, que non quere seguir, que non ten forzas, pero non hai unha remuda nin unha proposición. O único que se pide aquí é que se candidate xente e haxa un acordo.

E ves isto factible? Unha persoa que acade a maioría necesaria no Parlamento?   O que temos claro é que a figura actual non representa o que necesitamos na CRTVG. O que son os seus principios fundacionais, a defensa da liberdade de expresión, o pluralismo ou a defensa do galego, que é un dos puntos máis importantes. Se nós temos un motivo de ser é que somos unha radio e unha televisión en galego, pero somos unha tele na que se empregan o castelán ou o castrapo.

«Se temos un motivo de ser é que somos unha radio e televisión en galego, pero empréganse o castelán e o castrapo»

Hai mesmo faladoiros nos que o castelán é a lingua maioritaria… Temos aí o Conexión Madrid, que comezou a temporada pasada e ao que non lle viamos necesidade porque a conexión Madrid témola todos os días nos medios de comunicación xeral e nós temos que diferenciarnos diso. Non é que non sexa interesante o que pasa en Madrid, pero xa teñen cobertura abondo, xa se fai bastante propaganda, e máis co candidato que hai agora ás próximas eleccións.

E as denuncias por machismo na CRTVG? En que punto está o plan de igualdade?  Pois temos un plan de igualdade nun caixón desde hai un ano, coas compañeiras que o están a negociar atopando só atrancos. Recentemente vimos un caso moi grave, o anuncio dun programa da televisión que dicía cousas como «o amor de verdade faite sufrir» ou «o amor de verdade é unha loucura». Parece que se trata de banalizar, e frases coma estas acaban provocando mortes. É así. Están morrendo mulleres todos os días por este tipo de mensaxes que semellan anecdóticas, pero que realmente teñen moita carga de profundidade. O feito de que saia así, tan alegremente, e non se lle dea importancia desde un medio como o noso é o que nos preocupa desde a representación sindical.

Calquera medio, pero un público debería ser, se cabe, máis escrupuloso con este tipo de mensaxes.   É dar exemplo. Pero se banalizas eses discursos, as persoas que exercen violencia contra as mulleres atopan normalización, o mesmo que sucede coas mensaxes de ultradereita. Cando dás cabida aos seus discursos nunha televisión ou emisora coma a nosa estaslle dando azos a xente á que antes non se lles daba. Ao mellor agora hai necesidades espurias ou intereses políticos porque igual son necesarios no futuro para volver ou acadar o poder.

Volvendo á renovación, unha que si que non falla é do Consello de Administración. Como recibistes no Comité o acordo entre PP e PSdeG? Nós como Comité fómosllo dicir directamente aos parlamentarios do PSdeG. Eles argumentáronnos que había unha serie de acordos de tradición democrática, que non votaban en contra da renovación de certos organismos coma este, que tiñan fóra deste outros acordos e que ían en bloque. Nós dixémoslles que todo iso o poden dicir cara dentro da organización, e sabemos que hai xente do propio partido que non está de acordo. Pero teñen que explicarlle aos traballadores e á xente que ve o que pasa na TVG o porqué. Para nós foi unha decepción moi grande e así llo trasladamos ao portavoz do PSdeG, que nos recibiu en sede parlamentaria o día da votación.

Esta situación imaxino que provoca fastío entre o persoal da CRTVG. Tamén no movemento Defende A Galega? Si, claro, porque somos xente moi significada. Haina que traballa moito nese movemento, está aí todos os venres. Agora queremos facer un chamamento para que se unan outras asociacións. Constituír unha plataforma e mobilizarnos. De Defende A Galega hai quen marchou e agora ves que están en pantalla ou cun plus, que lles están dando prebendas, e ao revés, a xente máis comprometida cada vez está máis invisibilizada. Quen ía cubrir actos políticos ou culturais agora vai buscar o cogombro máis grande de Vilalba. Ou a política de facer corredores: quítante de presentar, como foi o caso dun rostro tan recoñecible como o de Marga Pazos. Iso é unha presión, un acoso moi difícil de demostrar, como a esa xente a van afastando de postos de responsabilidade, da pantalla, dos micros e doutros labores para os que están sobradamente preparadas. E a política laboral pois é cada vez máis precaria, xente cada vez máis nova, máis dócil… E hai medo. E xa sabes que a autocensura é a peor das censuras. Moita xente se curta, queda en silencio.

«En Defende A Galega hai xente moi significada; quen antes ía cubrir actos políticos ou culturais agora vai buscar o cogombro máis grande de Vilalba»

Como mudar todo isto? Desde Defende A Galega e a parte social, o que queremos e o que defendemos é que teñamos liberdade para traballar, para expresarnos, e que os medios públicos, a radio e a televisión galegas, cumpran a función para a que foron creadas, e que todo isto se faga con pluralidade. Que se cumpra a Lei de Medios, que teñamos un Consello de Informativos e un Estatuto profesional… Vemos que todo isto se incumpre e que a situación para os traballadores e traballadoras se volve cada vez máis asfixiante. Estou seguro de que se houbera Consello de Informativos, o meu caso tería máis transcendencia. Seguramente sería insuficiente, pero a min faime graza a declaración do director xeral afirmando que a lei «está obsoleta» e tamén que está moi «cumprida». Cando non se cumpre é porque hai interese en que así sexa. Oxalá puidéramos dicir que o Consello de Informativos non serve. Isto fainos ver, cando lles molesta tanto, que realmente podería resultar útil.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail