Fenómeno The Rapants: seseo, feira e Rock & Roll

«Pero, tíos, que facedes repartindo barriles cando podedes ir bebelos?», espetoulles aos seus compañeiros de banda Xanma, voz principal e guitarra de The Rapants, alá polo ano 2019. Viñan de abrir o concerto de Belako e The Sounds no festival Noroeste, unha das grandes citas musicais do verán coruñés, ao resultaren gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM. Despois chegou o Caudal Fest, en Lugo, e case deseguido a pandemia, que podía ter truncado a progresión do que hoxe xa é un dos grupos referenciais da escena musical de Galicia. Non o fixo. Nada máis lonxe do que rematou por acontecer.

A comezos deste 2024 as entradas do concerto de presentación do que polo momento é o seu último disco, La máquina del buen rollo, voaron en poucos minutos, así que optaron por dobrar data. Fixérono con fundados receos ao tratarse dun aforo como o da sala Capitol, en Santiago de Compostela, un dos auditorios tótem dos músicos galegos. As prudencias quedaron axiña esvaecidas cun novo sold out instantáneo. Hoxe non hai praza que non sexan quen de encher. E como xestionan todo isto? «Pois no Google Calendar», resume Samuel, voz e guitarra, sen lle dar excesiva importancia.

A historia de The Rapants comeza na localidade de Muros, da que os seus compoñentes fan emblema, e aínda se descoñece onde vai rematar. Para entender o que xa derivou en fenómeno de masas hai que falar primeiro das historias individuais de Matías, Xanma, Xaquín e Samuel, catro amigos da infancia formados nas escolas de música da vila ou de xeito autodidacta, que seguiron traxectorias dispares no profesional e no académico pero que acabaron confluíndo no seu ecosistema natural: o escenario. A idea, porén, naceu nun botellón, no que comezaron a matinar na posibilidade de xuntar unha banda sen moita máis pretensión que pasar o tempo.

«Os nosos primeiros cinco concertos foron en Muros, Louro, Negreira, Madrid e Santiago. Quen lle dera esa xira a Arde Bogotá!», aseveran. No 2018 chegou o seu primeiro EP, The Rapants, que xa apuntaba maneiras. Despois da publicación de varios traballos intermedios, elevados na actualidade a temas míticos, a banda estouraba en 2023 coa publicación de O corasón como un after, gravado nos estudos Drum&Roll da Coruña. O resto xa é historia. «Hai pouco invitáronnos ao palco de honra do Deportivo e estaba Djalminha. Pensei: pero quen somos nós?», reflexiona Xanma.

«Invítannos a estreas de pelis ou a galas, coma se fósemos influencers. A min non me mola un carallo. Mólame a feira, ir na furgo,  a aventura, a faena» (Samuel)

O xermolo do grupo puxérono, precisamente, Xanma e Samuel. Este último, ademais, prestou o alcume para o nome. «A Samuel chámanlle rapante. Un día, cando chegamos a tocar a unha sala, dixeron: ‘aí veñen os rapantes’. Necesitabamos nome porque nos tiñan que poñer na lista para os ensaios, e o tipo púxoo en inglés para vacilar. E quedou», conta Xanma. Antes de ser oficialmente un rapant, estudou Historia da Arte. Compartiu pupitre con Aida Tarrío, unha das Tanxugueiras, e mais con Clara, compoñente de Grande Amore. «Acabaron coma min, no rock and roll, porque da Historia da Arte non se pode vivir», conta o vocalista, con sorna.

Tamén el fixo colchón antes de converter a guitarra en ferramenta de traballo. Na alforxa carga dous mestrados e mais unha variopinta vida laboral. «Traballei nun museo de Muros, nun cámping de Louro, co meu pai na construción… Intentei sempre compaxinalo co de tocar e co de seguir formándome na música», recolle. A experiencia previa que entronca, porén, co seu presente rapant é a única que non consta no seu currículum. «Eu fun o mellor rapeiro da historia de Louro, Lil Chachi. Aí quedou, algún día volverei», promete.

Samuel foi o outro socio fundador daquel conxunto inicial que subiu ao escenario das festas do Furón (en Muros, como non) no que foi o seu primerísimo debut, antes daquel Noroeste no que decidiron que podían tentar dedicarse a aquilo. A do Furón foi unha experiencia que definen como «desastrosa», que hoxe lembran con cariño e que non os desanimou, nin moito menos, a continuar polo camiño. «Foi fatal. Non tiñamos nada mirado, era todo ilusión. Rompíannos as cordas novas… Pero que festón», di Samuel, o rapante orixinal, que glosa a súa traxectoria A.R. (antes dos Rapants) sen omitir notas de cor. «Fun repartidor de bebidas, audiólogo protésico, vendedor de luz e gas… É dicir, estafador», precisa respecto do último. «Tamén toquei no primeiro grupo maioritariamente feminino da historia de Muros, Aquilea», repasa.
Como integrante de Aquilea, e tamén como repartidor de bebidas, a súa etapa previa á eclosión emparenta coa de Matías, que chegou a baixista da banda despois de xurar e perxurar que nunca tocaría o baixo. Matías tivo que contentarse coas catro cordas, pero iso non lle fixo perder nin un chisco de carisma sobre o escenario. Nin cando toca nin cando fala é posible quitarlle os ollos de enriba. «De pequeno era un neno con inquietudes. Apuntáronme a moitas actividades extraescolares. Fun karateka, patinador, xogador de baloncesto, fun a informática… Todo iso valeume para acabar estudando produción audiovisual e para decatarme de que son o peor produtor audiovisual que existe no mundo. Antes facía eu os sándwichs e agora fanmos a min», resume o baixista, que non deixa sen engadir como parte fundamental dos seus pasos previos a súa andaina en Baketazo, «o grupo máis punki que pasou por Galicia», que deixou como única pegada dixital un vídeo en Youtube das festas de San Roque de 2010.

«La máquina del buen rollo» é o seu último disco, con nove cancións cheas de festa.

O que sempre tivo claro que o seu futuro pasaba si ou si pola música é Xaquín, o batería do grupo. Polo menos, dende que unha lesión no xeonllo tronzou definitivamente as súas perspectivas como futbolista, deporte que na altura practicaba nas filas dos Miúdos de Muros. A música, porén, sempre estivo en primeiro plano nas súas prioridades. «Toquei en grupos locais en Muros, formeime en moitos instrumentos e despois metinme nunha orquestra, na verbena. Un ano marchei a Madrid a estudar Son e Produción Musical. Tíñao bastante claro», conta Xaquín, que aínda compaxina as baquetas nos Rapants co seu traballo como técnico de emisións en Radio Nacional de España. Dende os mandos do control xa lle tocou poñer algunha vez os seus propios temas. Cada día ten unha sorpresa agardando. «Ás veces invítannos a movidas como estreas de pelis ou galas de aniversario, coma se fósemos influencers ou xente da crónica social», ri o batería. Samuel retruca. «A min non me mola un carallo. Mólame a feira, ir cos chavales na furgo, a aventura, a faena». Asenten todos.


The Rapants volveron ao festival Noroeste en 2023, xa como cabeza de cartel e non abrindo concertos doutros. A comezos de 2024, o xornal La Opinión de A Coruña fixo unha enquisa entre a súa audiencia para coñecer as súas preferencias musicais de cara á edición deste verán. A resposta foi categórica. The Rapants compartiu podio con Arde Bogotá e Love of Lesbian. De Baketazo a Capitol. De repartir barriles a, efectivamente, bebelos, como barruntaba a profecía. Os catro muradáns son o fenómeno indie do momento en Galicia, pero tamén o mesmo grupo de amigos da infancia que xa unira instrumentos na igrexa e na verbena. Os quilómetros na autovía danlles perspectiva, bagaxe e, tamén, novas leccións para o día a día. Aquelas máis importantes séguenas reafirmando con cada viaxe. Matías pon o ramo para concluír: «Aprendemos moitas cousas. A máis importante é que fóra de Galicia se come mal».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail