Un respiro

Nas cousas da violencia, se ninguén intervén, os animais segue pegándose ata morrer. O primeiro ministro de Israel, ese inhumano que non quero nomear, insiste en buscar os secuestrados cada vez máis lonxe e, mentres, vai arrasando con todos os vivos que encontra no camiño. Hoxe, paseando o canciño, pensei que na vida, como no amor, fai falta parar. Hai tempo, tiven unha noiva que sempre me dicía que parásemos cando enredabamos en risas e bicos ata case chegar a ese lugar onde só existe paz. Detiñámonos uns segundos, non máis, pero esa separación repentina xa fora tempo dabondo para logo retomar a marcha cun pracer sen igual. Ao comezo da relación costoume un pouquiño abrazar esta nova maneira de amar, pero o desexo pode mover as mentes máis empedradas. Entendín que uns segundos de respiro multiplicaban o pracer por mil. Así estivemos gozando por máis dun ano. Logo, como case sempre ocorre coas cousas boas, desapareceu o misterio e as dúas tomamos camiños distintos.

Ás veces pregúntome que fixen eu para ter o privilexio de vivir onde vivo, libre de bombas, e poder ser quen me veña en gana. Incluso neste ano de merda no que as autoridades alemás, e máis concretamente as berlinesas, mostraron a súa verdadeira razón de estado ao censurar e golpear cidadáns que se manifestan a favor de Palestina. Incluso nestas rúas, que de súpeto xa non son dos miles de palestinos, turcos e árabes que viven nelas, senón dos xigantes da Polizei berlinesa. Incluso deste xeito temos a sorte de que os robocops aínda non saquen as pistolas.

O tema de Israel e Palestina ten confundido ao más rico de Europa. Os sionistas xogan coas cartas do Holocausto dunha forma inmoral, e os alemáns, que nunca deixaron de sentirse culpables polos crimes dos seus avós, déronlles a baralla enteira. O primeiro ministro de Israel tamén goberna no Bundestag alemán e, canto máis se acerca a AfD (os pseudonazis) ao Reichstag, aínda máis poder lle dan ao goberno de Israel. Ser unha vítima eterna nunca pagou máis a pena.

E mentres o planeta enteiro mira como a guerra se vai estendendo polo medio oriente, eu pregúntome cando tempo nos queda ata que veñan buscar os reféns nun país europeo. Vistas as barbaridades cometidas este ano, non se me vai da cabeza que os seguintes imos ser nós, por estar mirando e comentando sen mover un dedo.

Nas escolas alemáns ensínanlles aos nenos aquel poema do pastor luterano Martin Niemölle, que dicía algo así: primeiro viñeron por este, e non fixemos nada; logo, viñeron polos outros e tampouco fixemos nada; cando viñeron buscarme a min xa non había ninguén para defenderme. A curiosa esquizofrenia da sociedade deste país debería ser un tema de estudo. Por un lado, non teño dúbida de que, nun futuro non tan lonxano, nas mesmas escolas alemás onde agora estudan o nazismo tamén estudarán o papel que xogou o Reichstag no xenocidio palestino. E, por outro lado, esta terra sofre unha culpa tan enorme polo seu pasado que o mesmo que foi culpable permite que a antiga vítima cometa crimes tan aberrantes coma os que lle fixeron eles.

Xusto por isto, hoxe pensei en que ben nos viría a todos facer como aquela noiva miña. Parar un momento, tomarnos unos segundiños para respirar e logo retomar as nosas vidas libres de bombas con moitísimo máis gusto e aprecio. Porque quen sabe cal será o próximo lugar onde o tolo sionista veña buscar os reféns.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail