Molière é unha película de hostias

Dende ben pequenos sabemos que manda o que paga a festa, ao igual ca o dono do balón é quen fai os equipos e marca o final do partido. Son cuestións de primeiro de pensamento concreto. E algo diso debe haber –de concreto, non de pensamento– na actuación dos altos capataces da Xunta recortándolle o título do cartaz a unha obra de teatro no Centro Dramático Galego (CGD). Algúns chamaranme conspiranoico, pero esta xente –coma’modemo– fíxoo con segundas. Precisamente porque se titulaba así: Recortes (caneos e outras formas de driblar). E porque ían acudir á súa estrea e parece que quedaba mal na foto. Rezan os papeis que a obra teatral en cuestión é unha colaboración entre a produtora Ainé e o CDG, featuring Consellería de Cultura. Así que, non se sabe se por driblar a opinión pública ou por canear a conciencia moral, o adestrador Román fixo o máis desatinado: meterlle uns recortes aos recortes para evitar que se asociase a palabra recortes con quen a recortou do cartaz. É o verso clásico de Parra: ordeñar unha vaca e botarlle o caldeiro cheo de leite por riba da cabeza. Pero malia querer recortar a verdade –ou ordeñala–, un dos principios elementais da mentira é que lle podemos mentir a todos, agás a nós mesmos. O contido da chamada á empresa gráfica houbo ser ao xeito de Pinter:

Cambiar la lona, quitarle los recortes.

Silencio.

Como quitarlle os recortes?

Silencio.

Sí, quitarle los recortes.

Silencio.

¿Por qué? Porque sí.

Silencio.

Silencio. O primeiro recurso dramático. Mais parece que, no plano do concreto, todo saíu segundo a didascalia: «Fachada del Salón Teatro. Noche realzada por la luna (o farol dos pobres, que lle din por Guntín). Bajo el cartel recortado de la obra (de aquí en adelante Caneos e outras formas de driblar)» aparece en escena Anxo Lourenzo, sorrindo, dende a esquerda –ten sentido–. Aparece pola dereita o conselleiro de Cultura, directamente dende as caldeiras de Lalín, sorrindo tamén. Ao seu carón, Rafael Louzán, «un clásico» xa da vida social de Ribadumia e presidente da Federación Galega de Fútbol. Din os entendidos que menos pase, regate, control, velocidade e tiro, «el chaval lo tiene todo». E pode ser que o teña todo, pero non lle carguemos aquí a el a culpa. El só viña ao palco: un día toca Molière e outro día o Rápido de Bouzas. Ah, Molière… Non será una película de hostias?

Pero é no plano do abstracto onde xorden algunhas dúbidas –ademais das hostias– arredor desta montaxe. A primeira ten que ver co Paradoxo da Palabra: malia o desprezo que esta Xunta mostra por quen a traballa, porén, sabe ben da importancia do seu significado. As palabras outórganlle un sentido á realidade que esta non ten por si soa. E pode que a Xunta lle quixese aforrar a algún fiel votante perspicaz, atragoar o cruasán ao abrir por erro as páxinas de cultura de La Voz. Recortes!? Iso non pode ser. Ademais, xa o dixo nun pleno o sucesor do «grande» alcalde do Porriño, respondéndolle a un edil do BNG: «No se hace constar, que ya está constado!».

Doutra banda, hai quen pode pensar que por máis que un político esixa retirar parte do título dunha creación artística, alguén terá que negarse a facelo. Agás no caso de que sexa máis importante conservar o status quo ca conservar intacta a nosa obra. Outros dirán que é doado cuestionar certas actitudes cando non periga o soldo dun. E é certo. Por desgraza, o sector teatral galego é un dos máis castigados e precarizados dentro da cultura polo goberno da Xunta, máis proclive aos festivais multitudinarios de camiseta dos Ramones, antes dos domingos de suntanza e camisa azul opción Sanjenjo.

Por iso, dirixamos as nosas dúbidas cara á cidadanía, xusto nun tempo moi preocupante para a nosa democracia: o deterioro evidente do país polas políticas despóticas da Xunta, adornadas de comportamentos fondamente antidemocráticos coma este, non pasan factura. Ningunha, porque a cidadanía parece non reaccionar. Até cando? Talvez até que apareza en letras grandes no cartaz o título do drama que todas estamos a representar con diferente desempeño: Galicia, un verdadeiro Centro Dramático Galego.

Silencio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail