S02E02: Cárceres

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos afirma que toda persoa ten dereito á liberdade e á seguridade da súa persoa. O mesmo dereito proclámao a Constitución Española no seu artigo decimosétimo. No entanto, nos cárceres do Estado Español viven máis de 55.000 persoas en situación de privación de liberdade, das cales algo máis dun 10% son mulleres.

Neste episodio, preguntamos a Iris Malvido, psicóloga penitenciaria en Mansilla de las Mulas, que tipo de infraccións levan as mulleres a prisión. Aprendemos con ela algunhas circunstancias que afectan a vida cotiá das internas e as diferenzas entre os módulos ordinarios, máis coñecidos a través dos medios de comunicación, e os chamados módulos de respecto, onde con frecuencia conviven incluso homes e mulleres.

Iris Malvido infórmanos da relación entre o consumo de drogas e os cárceres e que tipo de atención psicolóxica precisan as persoas en situación de privación de liberdade.

Debatimos con ela tamén sobre a moral crecentemente punitivista que se percibe na cidadanía, alimentada por uns medios que, con frecuencia, poñen unha atención morbosa naqueles crimes máis alarmantes e violentos, e sobre as alternativas aos cárceres que se están a experimentar noutros países da nosa contorna.

As Womansplaines S02E02 – Cárceres

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail