A Audiencia Nacional condenou a oito anos de prisión ao expresidente de Pescanova por maquillar os libros da empresa para conseguir financiamento bancario e ocultar as perdas millonarias con mentiras e enganos.
Péchase o capítulo para Manuel Fernández de Sousa e a súa fama de bo xestor. A Audiencia Nacional condenouno a oito anos de cárcere por encabezar as prácticas irregulares de Pescanova: manipular as contas da compañía para seguir gozando de financiamento bancario cando a empresa daba perdas. Fiscalía Anticorrupción imputoulle ata oito delitos e con el arrastrou a unha vintena de acusados, a súa familia, o seu equipo de confianza e antigos socios, condenados agora algúns deles con penas que van desde os seis meses a tres anos e medio de prisión.
Caen os que foran os máximos representantes dos departamentos da firma galega: Alfredo Pérez Uros, de administración, Antonio Táboas de finanzas e empregados estreitos para Fernández de Sousa como José Manuel Gil e Ángel González Domínguez. Fai tan só uns días, a Sala do Penal absolveu á súa muller, Rosario Andrade, e a dous dos seus fillos, Pablo Javier e Ignacio José Fernández Andrade. A primeira estaba acusada por un delito de alzamento de bens ou branqueo de capitais e os irmáns foron imputados por delitos de falseamento de contas, falseamento de información económica e financeira e delito de estafa. En total, os maxistrados absolven a sete dos 19 acusados e penan aos 12 restantes, e ademais a Audiencia Nacional condena a Pescanova SA e a BDO auditores a multas que pasan os 51 millóns de euros.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
As condenas son inferiores ás que pedía a Fiscalía Anticorrupción, que solicitaba ata unha trintena de anos de prisión para o executivo por un total de oito delitos e 21 millóns de euros en multas. Segundo recollen os feitos probados da sentenza, a cúpula da que foi a maior empresa pesqueira de Europa traizoou a bancos e acredores ocultando unha débeda millonaria para poder conseguir financiamento, e todo iso dirixido por Manuel Fernández de Sousa, que gozaba dunha notoria reputación no mundo dos negocios e o respaldo do Goberno autonómico de Galicia.
O caso rebentou fai sete anos cando Pescanova non puido presentar o balance xeral ante a Comisión Nacional de Valores (CNMV) e de debaixo da alfombra saíron á luz as operacións falseadas durante cinco anos. A sentenza explica que a compañía pesqueira dependía dos créditos externos debido ao esforzo de investimentos nos anos anteriores que coincidiron coa crise financeira de 2008. Por iso é polo que se considera a maior quebra empresarial non inmobiliaria de toda España. Fernández de Sousa e socios mentiron aos investidores, accionistas, acredores e organismos reguladores. En 2012 ocultáronse ata 1939 millóns de euros de débeda bancaria. A cúpula encargábase de obter financiamento dos bancos para tapar buracos de perdas millonarias que non se reflectían despois nos libros anuais da entidade.
Entre 2007 e 2013 Pescanova levou a cabo un forte investimento por un importe de 830 millóns de euros, co obxectivo de pasarse ao negocio de acuicultura – a paixón do magnate- lagostino, salmón e rodaballo. A partir de 2010, aumentaron os préstamos bancarios, a débeda foi crecendo e non se xeraron fluxos de caixa positivos, e tiñan que ser de novo financiados. Non parecía haber final ata que os artificios non se puideron estirar máis no tempo. Fernández de Sousa cualificouse como o «maior prexudicado» e sinalou á empresa auditora BDO e á CNMV por non repasar as contas e clarificar se existían ou non irregularidades nos balances. Con todo, explicou no seu momento que os bancos saíron gañando grazas a Pescanova. «A ninguén se lle escapa que o que faciamos non era regular, e estou seguro que moitas empresas en España usaron o mesmo sistema», alegou.
Fernández de Sousa forma parte da lista de amizades perigosas e vínculos comprometidos do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que finalmente terminan no cárcere, como o narcotraficante Marcial Dorado ou o expresidente de Pemex, Emilio Lozoya. Con Fernández de Sousa tamén hai foto, cando o barón galego do PP lle otorgou o premio Grelo de Ouro en 2009 e homenaxeou a súa figura e resaltou a súa importancia para a economía galega. En palabras de Feijóo, o expresidente de Pescanova soubo transformar «os desexos en realidades e as ideas en feitos».
Por iso, o vínculo entre Fernández de Sousa e o Goberno galego era directo e estreito, e o empresario levantaba o teléfono se as cousas non funcionaban ao seu gusto ou a favor do seu grupo. Unha desas veces ocorreu cando o expresidente de Pescanova conseguiu no último momento que a Xunta cancelase o emprazamento dunha depuradora por centos de metros dunha das súas piscifactorías, porque segundo el, embazaba a imaxe do seu produto. Unha chamada cambiouno todo e a veciñanza de Morás (Lugo), viu de lonxe como o barco daba media volta. A intención da instalación da Consellería do Mar era levar alí o marisco contaminado para a súa posterior recuperación, e vender o molusco limpo e fresco nesas zonas, pero non puido ser.
Á súa vez, a autoridade de Fernández de Sousa cos medios de comunicación quedou patente é máis dunha ocasión. Foi o patrón da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que leva o nome do propietario do grupo La Voz de Galicia. Inxectaba grandes cifras aos xornais galegos con publicidade da súa empresa, e reprobaba as noticias en función dos seus intereses. Cando secuestraron a un palangreiro de Pescamar, unha filial de Pescanova, os medios non o publicaron aínda a pesar de ir a bordo dous mariñeiros galegos. A noticia non saíu á luz e esixiu que se ocultase o logotipo da súa marca no caso de que publicasen fotografías para non saír prexudicado.
Ata o de agora, Manuel Fernández de Sousa atopábase fóra de España dedicado ao oficio da acuicultura. É o xefe de operacións da empresa saudita Naqua ( National Aquaculture Group) e xestiona ambiciosos proxectos de piscifactorías. O xuízo comezou o pasado dous de decembro, pero interrompeuse pola pandemia. Sete anos despois do derrube de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa e colaboradores ingresan no cárcere, o último golpe de temón para os artífices dun dos maiores fraudes da historia galega.