Baixar o volume

«I want muscles

All, all over his body

(Make him strong enough from his head down to his toes)».

Diana Ross. «Muscles».

 

Penso que era en Os comedores do patacas –xa me corrixirá O’Rivas se me trabuco– onde o protagonista dicía que prefería ver os combates de boxeo nun garito no que os proxectaban mentres soaba a música que na tele de casa. Viña dicir que así era moito máis doado saber que o púxil estaba a piques de caer sobre a lona que se estabas escoitando como o comentarista che contaba que nacera en Chicago hai 25 anos… É xusto o que me pasa a min coas noticias no ximnasio.

Dende hai uns meses, a miña maior exposición á actualidade alén Padornelo píllame suando e en pantalón curto. No subterráneo do Ensanche compostelán onde me vou arrastrar varias tardes por semana teñen sintonizado, permanentemente, o 24h de TVE (na metade das pantallas, na outra toca o TeleDeporte). Mentres atrona esa música motivacional que só poñen alí e no Bershka, un pode seguir o que pasa no mundo grazas a un creativo subtitulado –imaxino que automático– que, entre outros achados, decidiu coroar como monarca de Catalunya a un tal King Torra.

Vista da sala do Tribunal Supremo onde se levou a cabo o xuízo polo 1-O.

Precisamente, todo empezou durante o xuízo do procés. Seguino como se fose unha serie de Netflix. Del lembro especialmente a dignidade dun Jaume Asens que provocou que durante un anaco me acomodase na máquina do press de peito coma se estivese no cine. Ata botei de menos uns flocos de millo; tal sacrilexio nese templo de bíceps e abdominais só sería comparable a sacalos nunha sesión de Cineuropa…

Ultimamente, vendo as imaxes con ese chunda chunda de fondo, as caras, os xestos toman un protagonismo que doutro xeito terían as palabras, cada vez máis grandilocuentes e baleiras dos líderes mesetarios. Só cambiaron a playlist unha vez: xusto o día seguinte a que Errejón dese o paso adiante para presentarse ás xerais. Optaron por unha música épica, como de banda sonora de drama bélico, que daba un ambiente perfecto de batalla final á sucesión de rostros que tomaban partido na enésima implosión da esquerda.

Andaba eu embebido nestas reflexións o outro día cando caín na conta de que, mentres continuaba o desfile de caretos preelectorais lanzándose réplicas e contrarréplicas, pola parte baixa da pantalla, en letra miúda, desfilaba unha restra de titulares que case pasaban desapercibidos. Foi empezar a lelos e xa non puiden volver prestar atención ao asunto principal. De súpeto, descubrín que todo o que pasaba por alí era o realmente importante. Alí souben do anuncio do peche da central de As Pontes –tiven que velo pasar varias veces para estar seguro de que iso era realmente o que dicía– ou das acusacións de Trump contra Venezuela na ONU por «infrinxir os dereitos humanos». Si, o mesmo Trump que propuxo disparar nas pernas aos inmigrantes e construír na fronteira un foxo con caimáns e serpes, pero quen define o marco de pensamento, define o marco de pensamento. E punto.

Na tele como na vida, o ruído non nos permite escoitar o realmente importante. Ás veces é necesario baixarlle o volume aos que falan para descubrir o que nos queren dicir de verdade e se, pese ao seu triunfalismo, están a piques de bicar a lona. Outras, iso non é dabondo e só a letra pequena –sexa nunha pantalla, sexa nun contrato– agocha a realidade detrás da propaganda ou dos grandes titulares.

Cando dentro dun mes teñamos que votar, outra vez, cal de todas esas cousas terá un maior peso? De entrada, se sigo a este ritmo devorando información subido á elíptica, creo que non vou ser eu…

Nin peso, nin volume. Non nos vai tocar perder sempre.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail