Dúas e dúas non son cinco

No 1984 de Orwell, unha técnica de interrogatorio para dobregar os disidentes era obrigalos non só a dicir, senón tamén a crer que «dúas e dúas son cinco».

Hai grupos reaccionarios que teñen como un dos seus firmes principios o rexeitamento da teoría da evolución. Na súa defensa da literalidade da Biblia, considerado relato infalíbel, hai postulados científicos que consideran inaceptábeis e artificios do astuto Mefistófeles. Para os fundamentalistas, todo o que lle cómpre saber á parroquia sobre a orixe do universo está no Xénese e a súa teima é impoñer o «creacionismo» no ensino e desterrar ás illas Galápagos aos discípulos de Darwin e compaña.

O que resulta aínda máis estraño é que un devoto das Sagradas Escrituras apoie con entusiasmo no campo político a involución das especies.

Unha cousa é estar contra o evolucionismo e outra moi diferente levar á práctica unha especie de lei de involución das especies políticas. E ese é o caso. As especies involucionistas fixéronse co poder, digamos, necropolítico en gran parte do mundo. E en contra da biopolítica.

Facer ciencia nalgúns eidos en Estados Unidos, e non só alí, converteuse nun oficio de risco. Sobre todo no relativo ao cambio climático ou quecemento global. É moi rechamante que a primeira web de datos oficiais que se eliminou coa chegada do «trumpismo» fose Climate and Economic Justice Sreening Tool, unha ferramenta que tiña por tarefa informar as poboacións máis vulnerábeis ante perigos climáticos. Van acabar por prohibir o libro do Apocalipse, onde se di: «Eu vin un ceo novo e unha terra nova porque o primeiro ceo e a primeira terra desapareceran e o mar xa non existe». Habería que saír en manifestación cunha pancarta que diga simplemente o que Galileo Galilei: Eppur si muove! 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail