E ti, onde estabas?

Xa en xuño deste ano avisaban os expertos da ONU de que un novo perigo se achegaba á poboación de Gaza: a fame. Despois de case dous anos de bloqueo por parte de Israel á axuda humanitaria, incluídos tanto os alimentos como os medicamentos, a poboación gazatí depende por completo do que lles mande o mesmo país que bombardea hospitais.

Desde finais de xullo, 188 persoas morreron de fame en Gaza, das cales 94 eran nenos. Israel manufacturou a fame a base de limitar e controlar a comida que entra a Gaza, da mesma forma que permitiu que a falta de vacinas trouxera de volta a polio, que levaba erradicada en Palestina 25 anos.

Ao forzar a fame na poboación gazatí, Israel e, principalmente, Netanyahu asegúranse de cumprir o obxectivo de todo xenocida; localizar e concentrar os que queren erradicar. Desesperados de fame e sede, os gazatíes non teñen outra opción máis que acudir aos escasos sitios onde Israel permite que entren alimentos, onde os soldados do IDF están á espera. Deste modo, as opcións que ten unha persoa en Gaza agora mesmo son morrer de fame ou ser masacrado a tiros mentres vai a buscar comida.

Ademais, os informes médicos que chegan dos doutores en Gaza apuntan a que estes soldados utilizan os gazatíes como dianas para practicar a súa puntería. E é que, segundo o día, vén xente con disparos en zonas distintas. Un día, todo tiros na cabeza; o seguinte, nas pernas. Un médico británico relatoulle á BBC que tratara había uns días un grupo de adolescentes que soamente recibiran disparos nos xenitais.

Dende o 7 de outubro de 2023, van 61.020 mortos confirmados en Gaza, número que sobe dramaticamente cando se teñen en conta as estimacións dos corpos atrapados debaixo das ruínas. E mentres tanto a maioría dos gobernos occidentais seguen exercendo o papel de Poncio Pilatos, lavándose as mans e negándose a aplicarlle consecuencias reais a Israel, ou rexeitando incluso deixar de venderlles armas.

No Reino Unido, o mes pasado, o grupo Palestine Action, que leva anos protestando contra a venda de armas británicas ao IDF, foi declarado organización terrorista. A xustificación foi que estragaron propiedades do exército británico ao coarse nunha base da forza aérea e pintar dous dos avións de cor vermella, como símbolo do sangue gazatí da que o goberno británico é responsable pola continua venda de armas a Israel. Esta nova clasificación implica que calquera persoa que proteste no nome da organización pode ser arrestada e condenada a ata 14 anos de prisión.

Ademais, tanto o Reino Unido coma Canadá declararon que recoñecerán o estado palestino en setembro, se a situación non mellora. Si, lestes iso ben. Só pensaron recoñecer Palestina se a súa poboación continúa sufrindo un xenocidio activo durante na data na que esta condición foi anunciadames e medio máis. Poñerlle a condición do xenocidio ao recoñecemento dun estado oprimido é unha das accións políticas máis inhumanas que vin na miña vida.

Cando estudamos a Segunda Guerra Mundial no instituto, unha das cousas que todos nos preguntamos, creo eu, é como foi posible que pasara todo o que pasou sen que ninguén intervira. Preguntámonos onde estaban as demais nacións, e onde estaban os cidadáns que crían nos dereitos humanos. Que como é posible que deixaran que o masacre das poboacións xudía, romaní, LGBT e discapacitada continuara durante tantos anos.

Todos queremos pensar que formariamos parte da resistencia, loitando contra o Terceiro Reich, da mesma maneira que todos queremos pensar que seriamos parte do ferrocarril clandestino que liberaba escravos durante os séculos que durou a escravitude nos Estados Unidos. Todos queremos pensar, creo eu, que se estivésemos vivos nesas épocas, teriamos unha boa resposta se alguén nos preguntase onde estabamos e que fixemos para axudar.

Os gobernos occidentais, empezando polo Reino Unido e Canadá e o seu apoio condicional, pasando polos cartos que inviste o goberno de España en armamento comprado a Israel (o país da EU que máis lle compra), e rematando co megalómano nos Estados Unidos que quere construír complexos vacacionais sobre as ruínas e os mortos en Gaza, xa deron unha resposta clara.

Onde estaban cando a poboación gazatí estaba sendo masacrada a tiros e bombardeada a diario? Vendéndolle as armas aos asasinos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail