A cámara galega abre as súas portas este venres con 36 caras novas. Só tres partidos ocuparán O Hórreo: PPdeG, BNG e PSOE, sen Podemos, Ciudadanos nin Vox.
Galicia chega á XI Lexislatura despois dunhas históricas eleccións que deixaron uns resultados insólitos. Exceptuando a maioría absoluta que xa se esperaba do PPdeG, o BNG adiantou a un PSdeG-PSOE adquirindo a súa maior marca e desbancando ao grupo Galicia en Común, que se convertera en 2016 na segunda forza política con En Marea. Neste novo período haberá 36 novos deputados no Parlamento e dos 75 que o conforman, 38 homes e 37 mulleres.
A primeira incógnita a despexar foi quen ocuparía a presidencia do Parlamento, e terminou por ser reelixido o popular Miguel Santalices. Ao comezo da sesión levaron o mando o PSOE e o BNG ao presidir a mesa de idade co deputado máis vello e máis novo. Cando se constitúa a Cámara autonómica, o presidente terá 30 días para propoñer candidato á Xunta de Galicia, que será antes do 6 de setembro. Este presentará o seu programa político e abrirase o período de votación. En 2016, Alberto Núñez Feijóo non tardou en tomar posesión, xa que a súa maioría absoluta facilitoulle, como agora, o proceso, sen necesidade de acordos co resto de forzas parlamentarias.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Nesta xornada especial, sen invitados e con biombos que separan os escanos, sentaron 42 integrantes do PPdeG, 19 do BNG e 14 do PSdeG-PSOE. Os populares obtiveron un deputado máis que nos comicios anteriores concedido polo voto exterior e será o grupo con maior número de novos membros, exactamente 14. Así mesmo, debido ao sorpasso dos nacionalistas nas urnas, o grupo de Ana Pontón multiplica os seus representantes con 13 estreas. Por detrás, o PSdeG queda cos 14 deputados que tiña na anterior lexislatura, aínda que con nove renovacións nas filas que encabeza Gonzalo Caballero.
Sen máis formacións políticas en O Hórreo, Galicia en Común abandona o Parlamento, deixando os seus 14 asentos para os demais partidos. Foi En Marea a marca que lles permitiu igualarse aos socialistas en 2016, pero por discrepancias internas romperon a coalición, derivando en dous grupos de esquerda na Cámara e repartíndose os escanos entre ambos. A fragmentación política auguraba nos estudos demoscópicos unha caída ata os seis deputados, pero o panorama debuxouse aínda peor a medida que avanzou o escrutinio e terminou por expulsar finalmente á formación de Antón Gómez Reino.
O mesmo aconteceu para Marea Galeguista, tamén restante dese acordo en 2016 e que gozou de cobertura de información e de minutos na TVG por quedar coa marca. Outra lexislatura máis Ciudadanos queda fóra da Cámara, con Beatriz Pino á fronte, que concorreu en solitario tras resultar negativo un acordo co PPdeG. O presidente da Xunta non quixo renunciar ás súas siglas e decidiu continuar por separado, aínda que non pechou portas a que integrantes da formación laranxa formasen parte dos seus. Galicia tampouco votou á ultradereita e Vox non entra no Parlamento.
As eleccións máis atípicas da historia galega teñen como resultado unha Cámara lonxe do multipartidismo da lexislatura anterior, pasando de cinco grupos a tres. Algúns partidos xa teñen obxectivos marcados para o 2024, como o BNG e a súa intención de chegar a presidir a Xunta de Galicia e desbancar finalmente ao PP. Moitos cren que Alberto Núñez Feijóo non terminará este período por ocupar o lugar de Pablo Casado en Madrid, aínda que el asegura que o seu sitio está no territorio galego. Polo momento, o debate de investidura terá lugar entre finais de agosto e principios de setembro e aí coñeceranse finalmente a totalidade dos nomes do novo Goberno galego.