A causa das causas, o caso dos casos

En decembro de 2023, a catástrofe do vertido de 26 toneladas de pellets, mereceu este comentario «científico» do flamante conselleiro do Mar: non había problema se os peixes inxerían os plásticos porque estas partículas «entran por onde entran e saen por onde saen».

Esa declaración implacábel ben podería converterse en axioma de certa política na Galicia contemporánea. Un problema moi serio e complexo convértese en obxecto de cháchara insubstancial e mesmo de burla, seguindo o ronsel histórico dos «hilitos de plastilina». A declaración dun responsábel máximo, neste caso da xestión dos asuntos do mar, sáldase cun titular-chanza, que é o que marca o rumbo informativo. Non hai contexto, non hai causalidade, non hai emerxencia. Un grave accidente ambiental fica como anécdota. O problema non son as toneladas de pellets, senón os ecoloxistas e a xente do mar máis consciente. O conselleiro, o goberno da Xunta e a facción política que ten o poder sábense en posición de forza informativa. Como noutros moitos casos, ter a razón non é o importante. Como di Humpty Dumpty en Alicia a través do espello:

–A cuestión está en saber quen manda aquí. Iso é todo!

Aquel conselleiro, Alfonso Villares, que despachou cunha brincadeira a crise ambiental na beiramar galega, puido comprobar o ben que funcionaba esa especie de Decisionismo autóctono. O importante é saber quen manda aquí. E o que di e o que di e fai, o que manda vén sendo a palabra de orde. O «normal»: o estabelecido. Ao cabo, hai tempo que aquí rexe o estilo far-west trumpista. A oposición, a disidencia, non se considera interlocutor ou alternativa. Teña ou non razón, o seu papel, o da esquerda en xeral, é ser «un saco de boxeo», como ben sinala Le Monde Diplomatique (xuño, 2025). Algo no que mallar. Ese é o espazo marxinal onde tenta encurralar gran parte do mundo mediático a quen resisten a ondada reaccionaria e os negacionismos campantes. Esa interiorización do Hiperpoder, empolado e coa sensación de impunidade, de tanto ten, como arrincar unha palla no palleiro, propio do que Eric Sandin chama «individuo tirano», pode ser o factor principal que explique a secuencia de despropósitos que se produciu no caso do exconselleiro do Mar da Xunta de Galicia. A denuncia, por (presunta) agresión sexual, é gravísima. Hai un atestado, unha investigación policial e un proceso xudicial en marcha. Mais durante meses, dende o 27 de nadal de 2024, funcionou a lei do silencio. Esa omertá foi decidida pola presidencia da Xunta, segundo a declaración do propio Rueda.

Cando a realidade estoupou foi porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a quen trasladou o caso o xulgado de Instrución nº 2 de Ferrol, e por ser aforado AV, comunicou que a denuncia se admitira a trámite e que ían practicarse dilixencias. Foi cando o caso da presunta «agresión sexual» foi presentado publicamente en sede da Xunta, e polo investigado, co eufemismo neutro de tratarse dun asunto da «esfera estritamente persoal». Fóra de atril, filtrábase dende círculos da propia Xunta a natureza da «esfera». Esfera privada? A despedida foi unha foliada! O que seguiu a continuación semella propio dun manual de «malismo».

O conselleiro vaise, evitando que a causa prosiga no TSXG e prenda nas silveiras xudiciais. Mais o realmente abraiante é a despedida pública en sede institucional. Semella que quen se ía non era un acusado por «agresión sexual», senón un triunfador, un heroico referente da política galega. Nesa apoteose de «malismo», non houbo ningunha mención á causa das causas. Nin unha lembranza para a vítima. Nin un aceno de ética da empatía. Nin sequera polos responsábeis da política de Igualdade e da Muller. A vítima? Mentres o abarrotamento sectario afundía a Xunta na descivilización, algúns medios xa corrían para converter a vítima nun punching bag. 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail