A Plataforma de Medios Independentes expresa a súa repulsa ao tuit que sinala ao presidente da empresa editora de El Jueves e exixe das autoridades que cumpran co seu deber actuando contra esta chamada ao linchamento
Nas partes do mundo nas que non se debate sobre se hai liberdade de expresión, senón sobre se determinadas expresións pódense acoller a ela ou non, adoitan usar como vara de medir o diferenciar as opinións das imputacións dun delito ou as incitacións para cometelo. A liberdade de expresión ampara o dereito a que se emitan opinións que non gusten a todo o mundo, sobre todo ás clases dirixentes e á maioría social, aínda que sexan de mal gusto ou directamente desprezables. A liberdade de expresión é dicir o que a xente non quere oír, dicía Orwell. O outro –imputar/incitar– é unha infracción punible legalmente.
Vox construíu o seu discurso sobre os lamazais non desecados do franquismo, enfouzando de lama para disfrazar todos aqueles conceptos que lles poidan servir de camuflaxe. A liberdade de expresión ampara o seu dereito para propagalos aínda cando os seus efectos, como podemos ver día a día, empezoñan a convivencia.
A liberdade de expresión permítelles tamén expresar o seu rexeitamento aos contidos de calquera medio, empezando por El Jueves–de non ser así, é de supoñer que na revista satírica sentiríanse bastante defraudados–. Pero o tweet da súa conta oficial identificando o presidente da empresa editora, o seu nome, a súa fotografía e o seu lugar habitual de traballo, á vez que chama aos seus simpatizantes a «esixirlle responsabilidades á saída do seu despacho», é unha clara incitación, cando menos, ao acoso, e unha clara ameaza á revista e ao seu persoal.
Unha clara reedición, nestes amantes das tradicións hispanas, daquela «partida da porra» que a mediados do século XIX arrasaba a bastonadas as redaccións das publicacións, fosen carlistas, republicanas ou anarquistas, que disentían dos «verdadeiros intereses de España». Un sinalamento que recorda moito tamén aos da Alemania nazi ou a Italia fascista, e que debera ser respondido de oficio pola Fiscalía cunha denuncia por incitación ao odio e á violencia, e polo resto de partidos políticos co inmediato illamento institucional da formación de extrema dereita.
Posiblemente a ultradereita veuse arriba e desafiou os principios máis elementais desa Constitución que camuflaron con lama porque desde hai tempo –curiosamente, o mesmo da súa irrupción no escenario político– algunhas leis e sentenzas foron na súa mesma dirección. Desde a lei mordaza –cuxa derrogación seguimos esixindo ao Goberno debido ás súas consecuencias sobre o traballo xornalístico e para o conxunto da sociedade– ata decisións xudiciais que expoñen a dúbida de se a dereita extrema manobrou para consolidar os seus postulados nas postos claves da xudicatura, ou se esas decisións reflicten o pensamento da maioría desta. Cada opción é máis temible que a outra, e a consecuencia é que os tribunais están a emitir día tras día perlas xurídicas que permiten á ultradereita sentirse por riba das normas que nos incumben ao resto. Enxalzar un réxime que se instaurou e se despediu con sangue non é delito. Facer chistes sobre o atentado no que morreu un dos instigadores daquelas matanzas, si.
Difamar a todo un colectivo de menores de idade «con independencia de se esas cifras que se ofrecen son ou non veraces, porque eses menores representan un evidente problema social e político» –segundo que informe?– e porque «deben admitirse outras de signo contrario, pero tan criticables ou máis que estas», non é delito. Poñer en dúas ducias de carteis a un toureiro vestido de marciano, ou difundir información veraz e contrastada «se se fai cunha redacción malintencionada», é punible.
A sensación de impunidade é tal que mesmo se permiten o luxo de considerar papel mollado as escasas sentenzas desfavorables contra as súas prácticas, como a de prohibir o acceso aos seus actos aos medios que non lles son gratos. Os medios que subscribimos este escrito non só expresamos a nosa repulsa diante deste novo intento de intimidación, senón que esiximos que as autoridades, que con tanta dilixencia rastrexan chíos irrelevantes con opinións que consideran desafectas para poñer a quen os asina perante os xuíces, cumpran co seu deber actuando contra esta evidente chamada ao linchamento.
Alternativas económicas, Carne Cruda, Catalunya Plural, CTXT, El Salto, La Marea, Luzes, Mongolia, Nortes, Pikara Magazine, Praza. gal, Público, Nueva Tribuna