As interrogantes sobre o asasinato de Samuel

O brutal asasinato de Samuel Luiz Muñiz desatou a indignación nun país no que o discurso homófobo da ultradereita parece normalizar a persecución ideolóxica e mesmo física das persoas pola súa orixe, raza, crenzas ou orientación sexual. O secreto do sumario decretado pola xuíza que instrúe o caso deixa moitos interrogantes abertos sobre como ocorreu a salvaxe agresión. E o feito de que a policía só detivese tres persoas e deixase caer que non ve indicios de odio en quen matou a puñadas a un rapaz de 24 anos fráxil e pacífico, desconcertou á opinión pública.
Luzes-Público tentou aclarar algunhas desas cuestións atendendo á narración do suceso que se desprende dos testemuños de quen viron a agresión, de fontes próximas ao caso e da valoración penal que algúns xuristas atribúen aos feitos.
Houbo provocación previa na agresión? Non, segundo a versión da acompañante de Samuel. O seu agresor dirixiuse a el e espetoulle o primeiro insulto homófobo: «Deixa de gravarme ou mátote mato, maricón!». El só respondeu «Maricón, de que?». Entón recibiu dúas puñadas na cara.
Estaba Samuel gravando ou fotografando ao seu agresor? Non. Segundo a versión da súa acompañante, estaban a realizar unha viodeochamada que quizá fixo pensar ao agresor que o estaban gravando. Pero non.
Coñecía Samuel aos seus agresores? Segundo a policía, nada parece indicar que fose así. Nunca se viron e nin sequera coincidiran nos locais aos que ambos acudiron esa noite.
Alguén auxiliou a Samuel? Non durante a agresión múltiple que acabou coa súa vida. Pero si inmediatamente despois, e parece demostrado que tamén antes daquela. Tras recibir os dúas primeiras puñadas, un mozo africano interpúxose entre el e o seu agresor para evitar que lle seguise propinando golpes.
Por que a amiga de Samuel non estaba con el cando varias persoas empezaron a pegarlle? Tras as dúas primeiras puñadas, Samuel quedou conmocionado. O primeiro mozo que o auxiliou levouno do lugar da primeira agresión, pero el advertiu que perdera o seu teléfono móbil. Pediu á súa amiga que fose buscalo, pero cando ela volveu, xa había unha turba de persoas pegándolle patadas e puñadas.
Respondeu ou golpeou Samuel aos seus agresores? Non. As gravacións mostran que o mozo tentou escapar mentres lle pegaban ao longo de case douscentos metros de rúa, ata que caeu moribundo fronte ao número 2 da Avenida de Buenos Aires.
Recibiu Samuel insultos homófobos mentres o mataban? Si. As testemuñas que viron a agresión coinciden en que os seus agresores berráballe «maricón» mentres mallaban nel.
Imaxe da manifestación polo asasinato de Samuel o pasado luns na praza de María Pita da Coruña / Foto: Aitor Neira
Se varias cámaras gravaron a agresión, por que a policía tardou tanto en identificar e deter aos presuntos autores do asasinato? É certo que hai varias gravacións, tanto dun local da Avenida de Buenos Aires como das cámaras de tráfico do Paseo Marítimo da Coruña, que flanquea esa rúa, e de varias persoas que rexistraron os feitos cos seus móbiles. Pero non todas as imaxes teñen a calidade suficiente nin foron tomadas desde os ángulos necesarios para poder identificar con claridade a todos os participantes no linchamento. A policía afirma que tivo que analizalas coidadosamente, comparalas unhas con outras e contrastalas cos testemuños das persoas interrogadas para poder identificar a quen aparecen nelas. Tamén tivo que investigar os rexistros dos locais de copas contiguos, que, seguindo as normas de prevención contra o covid-19, anotaron os nomes e os DNI dos seus clientes desa noite.
Cantas persoas participaron na agresión? Quen viron as gravacións afirman que polo menos unha ducia de persoas golpearían ou patearían a Samuel nalgún momento ao longo dos case 200 metros que puido percorrer mentres se asañaban con el. Finalmente, quedarían entre seis e sete que o rematarían no chan.
Quen son os detidos? Son dous homes e unha muller, de entre 25 e 30 anos, veciños da Coruña e de nacionalidade española. As súas identidades non transcenderon.
Por que non se fixeron máis detencións? Haberá máis acusados? A policía interrogou ata o de agora a quice persoas, pero a varias delas só como testemuñas, sen que se sospeite que puidesen participar no linchamento. Fontes próximas á investigación indican que esta debe ser moi precisa á hora de establecer que grao exacto de implicación na morte de Samuel tivo cada un de quen o golpearon, e tamén para distinguir a estes de quen os acirraban sen participar fisicamente na agresión, ou de quen seguiu os feitos pola rúa. Todo parece indicar que os novos interrogatorios aos tres detidos darán lugar a novas detencións.
Por que hai tan pouca información sobre o caso? A xuíza decretou o secreto do sumario, o que indica que ningunha das partes ten acceso ao seu contido. É dicir, nin ás probas -as gravacións de cámaras e móbiles- nin aos testemuños dos acusados nin das testemuñas interrogadas pola policía e pola propia xuíza.
Por que a policía non ve indicios de odio e homofobia na agresión? Resulta o máis desconcertante do caso. Primeiro, porque o primeiro contacto de Samuel coa primeira persoa que lle agride consiste precisamente nunha ameaza de morte homófoba -«Deixa de gravarme ou mátote, maricón!»-, que poucos minutos despois leva traxicamente á práctica coa participación dos amigos de quen a efectúa. Segundo, porque as testemuñas afirman que os insultos homófobos seguiron producíndose mentres a Samuel o mataban a golpes, e que só deixaron de chamarlle «maricón» cando xacía ferido de morte no chan. Algunhas fontes xurídicas sinalan que a policía estaría limitándose a establecer os feitos mediante probas e testemuños sen forzar ningunha valoración sobre a súa tipificación penal, que correspondería en exclusiva á xuíza que instrúe o sumario. Pero algúns medios recolleron testemuños de fontes policiais que, asombrosamente, descartarían a motivación homófoba, alegando que a agresión inicial produciuse non pola condición sexual de Samuel, senón por un malentendido co seu móbil, e que, dado que non se coñecían, os agresores non podían saber da orientación sexual da vítima. O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, dixo o luns que a investigación, con todo, non exclúe a hipótese dun delito de odio.

 

Mensaxe dunha persoa que se identifica como pai de Samuel, onte no lugar do crime
A morte de Samuel debe ser cualificada como homicidio ou como asasinato? O homicidio é o tipo penal que no Código Penal español define ás accións con resultado de morte. Castígase con penas de dez a quince anos de cárcere. Se o homicidio é doloso e se realiza en concorrencia con motivacións como a aleivosía -a intención de cometer un crime sen ser descuberto- ou o asañamento -elevar innecesaria e inhumanamente o padecemento da vítima-, considérase asasinato. O asasinato, por tanto, non é un delito diferente do homicidio, senón un tipo agravado deste. A Samuel ameazárono con matalo e pouco despois o mataron a golpes, e resulta imposible describir o sufrimento que debeu padecer. Se os xuíces consideran que quen acabaron coa súa vida tiñan a intención de facelo, e que lle inflixiron un sufrimento inhumano, deberían castigalos non como homicidas, senón como asasinos. O Código penal reserva para eles penas de quince a vinte e cinco anos de prisión.
Que relevancia penal ten a motivación homófoba na tipificación dun asasinato? O delito de odio está descrito no artigo 510 do Código penal, que castiga con penas dun a catro anos a quen fomenten ou inciten ao odio ou a violencia por motivos racistas, ideolóxicos, de relixión, crenzas, orixe ou orientación sexual, entre outros. Pero non existe como agravante do tipo penal do asasinato. O feito de que a morte de Samuel se producise por motivacións homófobas non agravaría por tanto as penas pola súa morte, senón que constituiría, se os xuíces así o consideran, un delito engadido tanto para os seus asasinos como para quen os alentaron.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail