Un mes do PP en Lugo tras a moción de censura: adeus á bandeira palestina e azul para o logo do Concello

A Coruña.- Un mes despois de que a popular Elena Candia recuperara para o PP a Alcaldía de Lugo mediante unha moción de censura apoiada pola concelleira tránsfuga María Reigosa, o balance político da nova etapa segue marcado pola controversia que rodeou a súa chegada ao poder.

O 7 de maio, o PP puxo fin a 27 anos de gobernos progresistas grazas ao voto decisivo dunha edil elixida nas listas socialistas, incorporada á corporación apenas uns meses antes tras ascender nas listas polo falecemento de varios concelleiros do PSOE, incluída a histórica alcaldesa Paula Alvarellos. A operación provocou unha intensa contestación cidadá e mobilizou centos de persoas diante do Concello baixo o lema «Lugo non se vende». Segundo denunciaron PSOE, BNG e distintas organizacións sociais, a manobra vulneraba o espírito do pacto antitransfuguismo. Candia, pola contra, xustificouna pola suposta «parálise» do Goberno municipal.

A nova alcaldesa herdou unha cidade con orzamentos aprobados e ducias de actuacións xa en marcha ou en fase avanzada de tramitación, segundo sostén o exalcalde Miguel Fernández. «Nin Candia nin o PP teñen proxecto para Lugo. Todo partiu dunha indecencia política. E é mentira que houbese unha parálise no noso traballo, como dixeron para xustificala. Tiñamos aprobados os orzamentos, había proxectos aprobados, en execución ou en avanzado estado de tramitación», afirma.

Simbolismo

Á espera de que o novo Executivo concrete as preto de medio cento de medidas incluídas no denominado Plan de Acción para Lugo anunciado polo PP, as decisións máis visibles deste primeiro mes tiveron un forte compoñente simbólico. A primeira foi a retirada da bandeira palestina que ondeaba no Vello Cárcere desde a etapa do bipartito PSOE-BNG, unha medida que o Goberno popular executou apenas 24 horas despois de tomar posesión. O xesto foi interpretado pola oposición como unha declaración de intencións ideolóxica. «Quitar a bandeira palestina foi un xesto de provocación», sostén Lois Pérez, poeta e novelista e portavoz da plataforma Democracia Si, Transfuguismo Non.

Outra das decisións máis comentadas foi o cambio da imaxe institucional do Concello. O novo Goberno substituíu nas redes sociais e nos soportes de comunicación o logotipo baseado na muralla empregado durante os últimos mandatos polo escudo tradicional da cidade e posteriormente recuperou versións anteriores do emblema municipal tinguidas de azul escuro, en vez de vermello. O debate chegou mesmo ao ámbito da comunicación institucional, onde distintos expertos interpretaron o cambio como unha forma de marcar distancias co Executivo anterior. «O de cambiar a identidade corporativa ten unha importancia relativa, pero demostra iso, que non teñen proxecto e que se dedican a improvisar con medidas propagandísticas», sinala Pérez.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, con outros cargos e militantes do partido na protesta frente ao Concello de Lugo o día da moción de censura / Foto: PSdeG

En paralelo, o novo organigrama municipal eliminou a área específica de Política Lingüística que existía durante o mandato anterior, unha decisión criticada pola oposición como outro exemplo de reorientación ideolóxica. Miguel Fernández sostén que «ata agora só adoptaron medidas ideolóxicas: retirar a bandeira palestina dun edificio municipal, cambiar a imaxe corporativa do Concello, eliminar a área de política lingüística no novo organigrama e apropiarse de iniciativas nosas coma se fosen súas».

Esa última acusación fai referencia ao recoñecemento obtido por Lugo nos premios Pajaritas Azules, cos que as patronais da reciclaxe distinguen a excelencia na recollida selectiva de papel e cartón. O Concello recibiu a finais de maio a máxima distinción, tres pombiñas, unha mellora respecto dos anos anteriores. Fernández asegura que o galardón é froito de políticas desenvolvidas polos gobernos anteriores e reprocha a Candia terse presentado como receptora dun éxito alleo tras acudir recoller o premio en Madrid. Os populares, pola súa parte, presentaron o recoñecemento como un logro da cidade.

Reunións

Máis alá destes movementos, o novo Goberno centrou boa parte da súa actividade pública en reunións con representantes sindicais, Policía Local, bombeiros e distintos colectivos, ademais de anunciar acordos relacionados coa conexión da estación intermodal e a reorganización interna do Concello. Candia defendeu que a prioridade é mellorar os servizos públicos, a seguridade e a atención á cidadanía. Porén, ata o momento non presentou proxectos novos que permitan identificar un modelo alternativo de cidade respecto do impulsado polo bipartito.

No BNG, o seu portavoz local e extenente de alcalde, Rubén Arroxo, xa advertira antes da moción de censura da súa preocupación pola continuidade de numerosas actuacións urbanísticas e infraestruturas que estaban en marcha ou aprobadas, entre elas novas rotondas, aparcadoiros, melloras en contornas escolares ou a pasarela sobre a Rolda da República Arxentina. Tras perder o Goberno, nacionalistas e socialistas acusaron o PP de paralizar ou ralentizar expedientes que viñan da etapa anterior.

Elena Candia e Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo / Foto: PP de Lugo

A controversia tampouco remitiu arredor de María Reigosa, a concelleira cuxo voto fixo posible o cambio de goberno. O PP reservoulle funcións de supervisión transversal vinculadas ás infraestruturas dentro do novo executivo. «Téñena de floreiro», sostén Lois Pérez. Reigosa denunciou publicamente episodios de fustigamento e acoso e a súa figura continúa sendo un dos principais focos de tensión política na cidade.

Todo isto prodúcese nun contexto político máis amplo. A moción de Lugo foi interpretada pola esquerda galega como parte dunha estratexia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para recuperar alcaldías e deputacións gobernadas por outras forzas mediante acordos con edís desmarcados dos seus partidos. O propio PSdeG chegou a denunciar que a operación lucense se xestara aproveitando a debilidade provocada polas recentes perdas humanas sufridas pola agrupación municipal. A dirección popular e o propio Rueda defenderon, en cambio, a lexitimidade democrática das súas mocións.

Paradoxo

A 11 meses das eleccións municipais, o primeiro balance da era Candia deixa así un paradoxo. O PP logrou recuperar unha Alcaldía simbólica que levaba case tres décadas fóra do seu alcance, pero o principal debate político segue xirando arredor de como alcanzou o poder e non de que está facendo realmente con el. Polo de agora, os cambios máis visibles foron unha bandeira retirada, un logotipo substituído e unha reorganización interna. Para a oposición, iso demostra que a moción respondía máis a unha operación de poder ca a un proxecto para Lugo. O reto de Candia será demostrar durante o próximo ano que existe algo máis detrás daquela maioría construída co voto dunha tránsfuga.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail