Os Casares no ano de María

Din que todo volve. Non contabamos que a guerra e o exilio nos trouxesen como un golpe máis forte de mar a figura de María Casares. Certas cousas xa podían «pasar de moda». A gala dos Premios do Teatro Galego foi dirixida este ano por Carlos Álvarez-Ossorio, andaluz afincado en Galicia que leva percorrido todos (ou case) os roles no teatro: director, actor, dramaturgo, pedagogo, iluminador e xestor cultural. Seis actrices foron as encargadas de levar a gala: Sheyla Fariña, Marián Bañobre, Marta Pérez, Mónica de Nut, Nerea Brey e Rosa Puga. A música en directo púxoa o trío de jazz que acompaña a Mónica habitualmente.

O máis destacado da gala foi que non o pareceu. Vaia, que estivo concebida por Ossorio como un espectáculo sobre María Casares. Con varias partes. Evitouse por tanto caer na búsqueda do «entretemento» para procurar facer dos premios deste ano un acto poético. O percorrido foi a vida de María Casares, un camiño parecido ao do espectáculo Continente María, producido por A Quinta do Cuadrante e o CDG. A posta en escena, moi cerca da performance, foi deixando as nominacións como parte dunha nebulosa que formaba parte do «Universo María». A proposta estética foi apostar por un Teatro Rosalía espido, no que se visen as costuras do espazo. Parece que Carlos buscou restar para buscar certa pureza na proposta, para non caer en efectismos. Colleron a palabra e déronlle amor de teatro. Seguramente por iso fose utópica a posta en escena. No literal, fóra do tópico. Ou tamén incluso imposible por buscar un imaxinario propio a toda costa. O propio director pensaba antes que non lle ía gustar a ninguén, e quedou sorprendido coa boa acollida que resultou ter entre a profesión.


Podemos dicir que gañaron «os de toda a vida». Nun acto que reivindicaba a memoria parece máis que coherente. Cándido Pazó levaba sen levar un Casares (de mellor dirección) dende o ano 1998. Levaron tamén as «súas» Cigarreiras o mellor espectáculo. É un texto baseado en A Tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Voltamos á memoria. Parece que o mar da Coruña segue traendo cousas que quedaron perdidas en diversos naufraxios. Completou Contraproducións o seu terceiro premio da noite coa escenografía que fixo o tamén actor Dani Trillo. O CDG e o seu Terceiro Acto levaron os galardóns da actriz e actor protagonistas: Tatán e Belén Constenla. Unha peza dirixida por Teatro en Vilo (Noemi Rodríguez e Andrea Jiménez) que fala precisamente dos recordos e de como afrontar a recta final da vida.

Tamén dous galardóns levaron Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (actriz secundaria para Anabell Gago e maquillaxe para LaPelu F. Silva) e Othello, de Voadora (iluminación para Nuno Meira e vestiario para Silvia Delagneau). Completan a lista de premiados A lúa vai encuberta, de Incendiaria, e A Quinta do Cuadrante, que conseguiu o galardón de adaptación-tradución para Vanesa Sotelo; A parábola do angazo, de Talía Teatro, mellor texto orixinal para Marta Lado, Araceli Gonda, Jose Prieto, Artur Trillo, Séchu Sende e Diego Rey; A cazola de Lola, de Tanxarina, conseguiu o premio á música orixinal, que firma Ailén Kendelman; e Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro, fíxose co de actor secundario.

Houbo espazo tamén para homenaxear a Lino Braxe, gran figura do teatro galego. Luma Gómez dixo: «O seu era un big bang de creatividade, que non se acovardaba e que sempre atopaba unha causa na que militar».

Se falamos de ciclos, seguramente a memoria de tempos futuros nos lembre estes tempos de ansiedade nos que a crise trouxo a nós pantasmas de tempos pasados que queren quedar. Por iso a memoria non debe ser un elemento pasivo, senón unha forma de activismo do presente. Lembrar é unha necesidade, non un eco circunstancial. Por evitar máis Marías Casares, por darlle un sentido e unha sensibilidade que batallen coa barbarie. Ou, polo menos, que nos dean unha resistencia mellor. Ide ao teatro ;).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail