Gonzalo Caballero, candidato polo PSOE: «Feijóo tenta ser un Gallardón, pero representa á dereita conservadora e rancia»

Caballero, que prefería eleccións autonómicas en setembro, sostén que durante a crise da COVID-19 Feijóo foi un «peón» na estratexia de confrontación do PP contra o Goberno estatal.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), preséntase como candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Actualmente é deputado no Parlamento galego e atende a Luzes unhas semanas antes da campaña electoral.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Que valoración fai da xestión da COVID-19 por parte da Xunta?

Feijóo tenta trasladar un discurso de éxito, pero foron as decisións de confinamento decretadas polo Goberno de España as que impediron unha circulación máis alta do virus, e en cambio, alá onde ten competencias a Xunta, a xestión de Feijóo foi inexistente e ausente. A dereita estivo máis preocupada no relato e na súa versión parcial da crise que en estar a acompañar aos profesionais sanitarios, aos traballadores nas residencias e aos concellos á hora de facer fronte ás dificultades desta crise.

E do Goberno de España? Que fixo mal?

Creo que hai que poñer en valor as medidas que adoptou nun escenario tan complexo, no que todos os gobernos do mundo tiveron deficiencias e erros. Hai que recoñecer que no principio do ano ningún goberno de occidente prevía o que podía ocorrer nos nosos países. Todos fallamos á hora de detectar con anticipación suficiente o que ía pasar.

Vostedes criticaron firmemente a celebración de eleccións en xullo porque «está en perigo» a saúde dos galegos, con todo, foi o Goberno de Pedro Sánchez o que chegou a ese acordo con País Vasco, significa entón que descoñecen a realidade galega da COVID-19?

Desde a nosa perspectiva, era mellor non mesturar o proceso de desescalada cunha convocatoria electoral. Cremos que era preferible acudir á desescalada sen unhas eleccións e, unha vez superadas con éxito todas as fases, poderiamos celebrar comicios a principios de setembro.

Falou con Pedro Sánchez sobre as eleccións autonómicas e por que non apoian a convocatoria de xullo?

Falo co presidente e o secretario xeral do meu partido de moitos aspectos e coincidimos no enfoque de como atender unha crise económica e social desta dimensión.

Que expectativas ten o PsdeG-PSOE para o 12X?

Sempre hai que saír a gañar. Galicia necesita un cambio progresista á fronte da Xunta. Somos o cambio con garantías no que a maioría pode confiar.

 Beneficioulle a Feijóo encarar a pandemia para conseguir votos?

A campaña electoral aínda non está aberta. Cando se aprazaron as eleccións en marzo, o PSdeG-PSOE estaba como unha moto para liderar un cambio. Esta crise é de enorme profundidade e necesitamos un Goberno.

E ao PSdeG? Fixo unha dura oposición contra Feijóo.

Esta crise non beneficiou a ninguén. Desde que se aprazaron as eleccións tendemos a man ao presidente da Xunta. Todas as forzas entendemos que había que aprazar os comicios e deixar que o presidente tomase as decisións, pero Feijóo colleu ese depósito de confianza e quíxoo converter nun cheque de apropiación que non lle corresponde. Incumpre o acordo de convocar eleccións despois do estado de alarma e de emerxencia sanitaria e tenta buscar unha estratexia personalista.

En Marea xustificou como un dos seus motivos para concorrer a estas eleccións que a oposición estivo desaparecida durante a xestión da COVID-19. Que opina desta valoración?

Respecto esas valoracións, pero non fago ningún tipo de comentario. O 12 de xullo hai dúas grandes opcións: o bloque da dereita, que integra á ultradereita, ou o bloque progresista liderado polo PSdeG. Por iso pedinlle a Feijóo que teña a valentía de debater cara a cara comigo.

Por que insiste tanto en ter un cara a cara con el?

É o que ocorre nas democracias avanzadas e sería bo en Galicia.

Que fará o PSdeG se non gaña as eleccións?

A Galicia convenlle un cambio de Goberno e que o PSdeG o lidere, e ese é o escenario que contemplo e polo que traballo.

Con que queda destes 11 anos de mandato do PP?

Feijóo déixanos unha Galicia con menos posibilidades de futuro. Recortou e privatizou a sanidade pública, abandonou o medio rural, debilitou as políticas sociais e careceu de política económica e industrial. Destruíu 70.000 empregos en 11 anos.

O PP optou por converterse nun actor-competidor da ultradereita para ver quen podía tentar facer estratexias de maior acoso e derribo

Ve factible un Goberno de coalición en Galicia como o de Madrid?

Creo que é un fundamental un goberno de progreso. Feijóo é Partido Popular en vea, tenta ser un Gallardón en aparencia moi moderado, pero por dentro, representa á dereita conservadora e rancia.

Está en contacto cos membros da oposición?

Comparto actividade parlamentaria e a relación política e persoal é cordial e positiva.

Estaría disposto a gobernar con eles?

Un sempre aspira a gobernar co seu partido. Temos un partido con moito poder municipal e con moitos representantes en Madrid. Os cidadáns decidirán cal é a representación que obtén cada un.

Gómez Reino falou de que tanto a vostede como a Pontón non lles considera rivais. E vostede, opina o mesmo?

Todos os que queremos un cambio en Galicia somos aliados polo futuro e o progreso no noso país.

Como vai encarar a campaña?

Con ganas nun momento moi complicado que evidencia que desta crise hai que saír pola esquerda. Noutras crises os gobernos de dereitas salvaron aos bancos. Nestes tres meses o Goberno central estivo pegado aos cidadáns. O PP optou por converterse nun actor-competidor da ultradereita para ver quen podía tentar facer estratexias de maior acoso e derribo. Feijóo foi un peón na estratexia de confrontación co Goberno de España. Tenta aparentar ser un moderado, pero é tan irresponsable como Casado poñendo cara de máis bo.

Estaría disposto a acurtar a campaña?

A lexislación electoral establece que o mínimo deben ser 15 días. Respectamos as normas e cremos que iso debe facer todo o mundo. Hai que ter un desenvolvemento de precampaña e campaña nos cales se dean todas as garantías democráticas e sanitarias. Ou é que seica alguén está a tentar reducir as garantías democráticas nun país avanzado?

Virá Pedro Sánchez?

O presidente está moi centrado en atender unha crise económica e social de enorme envergadura. Esperemos que a desescalada evolucione para chegar á campaña coas máximas posibilidades de mobilidade e de presenza en diferentes territorios.

Despois do verán, os expertos coinciden nun rebrote da COVID-19 tendo en conta o turismo e a baixa inmunidade dos galegos. Que faría o PSdeG se lle tocase xestionalo? Que aprenderon con esta primeira ola?

A evolución do virus é imprevisible. Sei que gobernar Galicia nunha situación postcrisis vai ser complexo, pero afronto ese reto cun equipo de profesionais sanitarios que me dá firmeza para poder presentarme diante dos galegos e as galegas.

E para finalizar, volvamos ao presente por un momento. Alcoa. Ministerio de Industria ou Xunta de Galicia. Quen ten que impedir os 534 despedimentos?

Todos temos que ter a cooperación sanitaria para poder manter o emprego na planta de Alcoa. O Goberno de España destinou 38 millóns de euros e puxo en marcha o Estatuto de Empresas Electrointensivas. Temos que manter toda a presión sobre a multinacional e a Xunta ten que deixar de poñerse de perfil e contribuír na solución de problemas industriais.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail