Alcoa: a enerxía da loita obreira

De Alúmina Aluminio a Alcoa –A Coruña, Avilés e San Cibrao–. De Alcoa A Coruña e Avilés a Parter Capital Group e Alu Ibérica. De Alu e Partner a Grupo Industrial Riesgo. De Alcoa San Cibrao… [continuará?].

Son as 11 da mañá dun domingo en estado de alarma e Viveiro é hoxe a sede da loita obreira, o escenario dunha manifestación masiva de máscaras en apoio aos traballadores da fábrica de aluminio Alcoa San Cibrao. Cascos amarelos e laranxas, monos azul mariño, chalecos fosforescentes e bengalas en pé de guerra para iniciar, un día máis, unha protesta en defensa de toda unha comarca que está, aínda que ás veces semella que non existe. «A única esperanza que temos é a loita», sinala o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, consciente de que non hai que conformarse coas promesas e as boas intencións da clase política nun escenario no que o argumento imperante é económico: a enerxía é cara.

Cando o reloxo marca as 11:30, preto de 20.000 persoas avanzan cara o Concello con milleiros de puños en alto. «Madrid/Xunta/Alcoa, escoita, a Mariña está en loita». «Peches non, enerxía solución». «A solución, unha intervención». «Ministra Maroto, no nos vendas la moto». «Ministra Ribera, al ERE tú primera». Aquí, cos traballadores e por eles, a poboación mariñá viste de loito. Hai avoas cos seus netos, nais e pais, antigos empregados da fábrica e xente nova que ve como o motor económico da Mariña e o 30% do PIB da provincia está en risco de desaparecer para sempre. Hai persoas aínda confinadas aplaudindo desde os balcóns das súas vivendas ao regueiro de manifestantes que vai desde a entrada a Viveiro ata a ponte, pasando polo posto da Cruz Vermella. «Isto é impresionante», concorda un grupo de veciños, que imaxinan como sería a manifestación sen unha fase 2 do estado de alarma que impide, por un día, a mobilidade interprovincial.

«Imos loitar ata o último recurso para conseguir ter unha saída, e xa están tardando en poñela. Terán que vir os propios directivos a parar a fábrica, se teñen narices», advirte Zan coa forza que lle queda despois de dúas semanas de alzar a voz tras o anuncio por parte da empresa dun ERE que afectará a 534 traballadores. Unhas 5.000 familias mariñás resultarían directamente prexudicadas polo peche da fábrica, a última sobrevivinte dunha Alcoa que deixou polo camiño as súas plantas da Coruña e Avilés nun baile de nomes de fondos estranxeiros e a falta de solucións das forzas políticas.

Mais na Mariña, na Coruña e en Avilés todos os traballadores queren o mesmo: intervención estatal para salvar os postos de traballo nunha empresa que consideran nunca debeu ser privatizada e que foi declarada servizo esencial ao inicio da crise do coronavirus. Pode que a solución sexa a nacionalización, pero teñen claro que todo pasa pola acción gobernamental. «Tanto nos ten que vaian buscar accionariado a outra parte ou que vendan a fábrica enteira. A intervención é totalmente legal e fíxose con Bankia, con Caixa Galicia e en 1987 nesta mesma casa con Felipe González, cando houbo un problema co aluminio a nivel mundial», lembra o comité de empresa.

Alcoa é a derradeira fábrica de aluminio primario que queda en España, un Estado que produce «menos do 20% do aluminio que consome». «Non ten lóxica que pechemos as fábricas do país para traer o aluminio de fóra, non se pode depender do produto estranxeiro», engade Zan, que salienta que «a industria do aluminio é fundamental para o presente e o futuro dun país e non se pode depender do produto estranxeiro».

Saben que este martes traballadores, empresa, Xunta de Galicia e Goberno de España sentarán á mesa para abordar a situación da planta de San Cibrao. «Agardamos que Xunta e Goberno se poñan a remar cara bo porto e que de todo isto saquemos que esta fábrica, ademais de seguir funcionando, faga inversións na modernización das instalacións, porque non só podemos fabricar boa parte do aluminio que conseguimos, senón que podemos incrementar os postos de traballo e dar á Mariña moita máis solvencia», explica o presidente do comité.

Alcoa, «unha máquina de destrución da industria»

Os profesionais de Alcoa San Cibrao coñecen moi ben o precedente. A venda a custe cero das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parter Capital Group o ano pasado, baixo unha promesa de mantemento dos postos de traballo, rematou hai dous meses no anuncio de venda do 75% das accións dese fondo a Grupo Riesgo e unha situación de incerteza que perdura a día de hoxe.

«A responsabilidade non é só do Goberno nin dos fondos voitre, que tamén, senón da Xunta de Galicia coas súas competencias en industria e, desde moito antes, do goberno de Mariano Rajoy», conta Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña, que denuncia que xa hai anos que se está a facer «unha política de terra queimada sen aportar solucións», mentres as dúas fábricas continúan paradas. En base á súa experiencia, despois de oito anos de loita na defensa dos máis de 700 postos de traballo das plantas da Coruña e Avilés, López Corbacho asegura que Alcoa «é unha máquina de destrución da industria». «Son expertos niso», engade.

«Non imos permitir unha parada da planta de San Cibrao e iremos protestar a Santiago e a Madrid se é necesario», afirma José Antonio Zan, que non está disposto a admitir medidas superficiais. «Levamos desde 2012 poñendo un parche detrás de outro. Aos nosos compañeiros da Coruña e Avilés os parches leváronos á situación actual, e nós non imos pasar por aí», advirte.

Son as 12:20 da mañá e a praza do Concello de Viveiro, cun gran lazo azul na fachada en sinal de solidariedade cos traballadores, está ateigada de mariñáns, cascos laranxas e amarelos, avoas, netos, nais e pais e xente nova, puños en alto e berros de reivindicación. Os traballadores de San Cibrao collen o micrófono para agradecer á veciñanza a súa presenza na protesta ás portas dunha reunión clave en Madrid e prometen dedicar todas as súas forzas a evitar o peche de Alcoa. A Mariña existe e ten a súa esperanza na enerxía da loita obreira.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail