Iván Redondo e Yolanda Díaz

Publícase estes días en España a obra autobiográfica El Manual, escrita polo exasesor político de Pedro Sánchez, o coruscante e raposeiro Iván Redondo. Non é ánimo de refugar, o segundo adxectivo. Cómpre ser raposeiro para asesorar un político, sexa honrado, corrupto, lambón ou lacazán.

José Luis Sanchís: «Chegar á xente é doado. O que é difícil é chegar ao electorado»

Coñecín, quixen e admirei a José Luis Sanchís, quizais o consultor español con máis prestixio internacional dos últimos 50 anos. Deseñou campañas electorais para Adolfo Suárez, Manuel Fraga, Jordi Pujol, José Antonio Ardanza, Sá Carneiro, Cavaco Silva, Carlos Menem e Alberto Fujimori, entre moitos outros. Presidiu e foi secretario xeral das asociacións mundial e europea do oficio. Tras máis de vinte anos de intercambiar ideas (eu era o intercambiador, el achegaba ideas), fomos fornecendo amizade.

—Vostede, case sempre no eido escuro —nunca deixei de tratalo de vostede, e el non se anoxaba.

—Non case sempre. Sempre. Son os únicos que me contratan. Cando me chama a esquerda, iso que ti chamas esquerda, non saben de democracia, non entenden o xogo. O electoral non ten nada que ver coa democracia nin cos ideais. Chegar á xente é doado. O que é difícil é chegar ao electorado, que, parece mentira, é moi distinto da xente.

Sanchís falaba mellor do que eu escribo. Teño que citalo de memoria porque nunca me deixou gravalo, e hai uns meses chegoume o seu primeiro e derradeiro WhatsApp informándome de que morrera.

Nunha das últimas veces que batín con Sanchís, xa xubilado, aínda que supoño que coa súa consultoría en funcionamento, confesoume que estaba asesorando ás agachadas, e sen cobrar, un partido de esquerdas da nosa monárquica/antimonárquica contorna. Non podo dicir cal: desculpade o antixornalismo desta columna.

Engadiu que levaba facéndoo desinteresadamente con diversos partidos de moitos países durante corenta anos. O importante non era a ideoloxía. O fundamental era o xogo. Non no senso ludopático, senón epistemolóxico. Asesorando coñecía as sociedades, a cambiante natureza humana, as perversidades nacionais e históricas. Era un psicólogo que perde e gaña cartos ao póker só para descifrar cerebros, comportamentos, emocións, tics. Era coma un xornalista inverso que, antes de divulgar noticias, predicíaas ou creábaas.

Cismei moito nas discutibles, ou non, ideas de Sanchís, cando lin as referencias ao novo libro de Iván Redondo sobre as súas conversas con Yolanda Díaz. Disque a ex (ou) lideresa de Sumar quixo contratalo como asesor da fronte de esquerdas, e el rexeitou o proxecto porque a ferrolá prescindía de Podemos, o «motor» —palabra do asesor político—necesario.

As mareas amosaron que unha forza estatal con vocación centrífuga, como foi Podemos, podía diluírse en rexións, cidades, vilas e aldeas para chegar máis á xente que ao electorado (xa explicou Sanchís que persoas e electorado son xente distinta: non polo que figure no seu carné de identidade, senón porque se comportan dun xeito diferente na rúa e nas urnas). Gañaron eleccións aquelas mareas e tremeu o poder.

Por moi mal que se leven, Yolanda Díaz fixo o mesmo que Pablo Iglesias, pero con moita menos honestidade

Agora fálase moito dunha fronte de esquerdas para deter o fascismo. Un «motor» español, que diría Iván Redondo desde Madrid. Coma se os arrabaldos non puideramos motorizarnos sen as engranaxes madrileñas para combater o facismo e o madrileñismo.

Podemos tentou desde a capital motorizar e monitorizar todas esas sensibilidades, e non o fixo nada mal de cando en vez. Hoxe son un desalento político, un bater as ás de bolboreta nunha lufada. Quizais un estertor. Perderon por descentralizar desde o centro de Madrid.

Por moi mal que se leven, Yolanda Díaz fixo o mesmo que Pablo Iglesias, pero con moita menos honestidade. E coa diferencia de que Yolanda é galega. Segundo Iván Redondo, tipo moi listo, a Yolanda faltáballe un motor. Ninguén parece pensar na esquerda que o problema non é a falta dun motor, senón o desprezo aos moitos motores que permanecen apagados. Os periféricos. Non só Galiza, Euskadi e Catalunya, que con Galeuzka exclúen tanto coma son excluídos. Son Extremadura, Aragón, Andalucía, Murcia, as Castillas, Canarias e onde sexa, arrabaldos onde existe a verdadeira esquerda sen representación local, comarcal, provincial e veciñal.

Se a esquerda non sementa xente e a dereita segue colleitando electores, normal que chegue o fascismo a España

Periféricos e asoballados teñen demasiadas cousas en común como para se axuntar. Iván Redondo necesita fabricar motores. Se a esquerda non sementa xente e a dereita segue colleitando electores, normal que chegue o fascismo a España e a Galiza, a Catalunya e a Euskadi, a La Mancha e a Sen Terra.

Por algunha estraña razón, as periferias xamais tentaron conquistar España, sendo as periferias sempre máis grandes que España. Quizais ese sexa o problema. E quizais este sexa o momento. Desde a miña pailana, centrífuga e periférica senrazón.


[A imaxe de cabeceira é a que ilustra a capa do libro El Manual (Contraluz, 2026), de Iván Redondo]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail