A terceira lei de Newton

Poñámonos en situación: imaxinemos un líder de dereita extrema en xaneiro deste ano. Nese momento, Donald Trump acaba de ser nomeado presidente dos Estados Unidos unha vez máis. As eleccións de varios países, anglosaxóns ou non, teñen pinta de que van ser gañadas por partidos coma os deles. A esquerda parece unha galiña sen cabeza, dando voltas sen ir a ningures. Trump vai facer colapsar a economía mundial, e el e o resto de amigos da dereita extrema van empapuzar tragando institucións democráticas e desmontando réximes parlamentarios.

A vida é boa.

Ata que chegan as eleccións do Canadá, e Mark Carney, o candidato cuxa plataforma era abertamente anti-Trump, gaña os comicios a pesar de que as predicións durante case toda a campaña apuntaban a que ía perder. As ameazas directas dos Estados Unidos sobre anexionar Canadá ou as medidas dos aranceis custáronlle a vitoria ao partido conservador que tan amiguiño de Trump era.

«Ben», pensa o noso líder. «Perderon uns, pero foi un tropezón, xa veredes. Trump pasouse ao ameazar con invadir un estado soberano, pero seguro que é soamente Canadá. Ademais, o cambio de líder e a marcha de Trudeau do partido liberal deulle un empurrón ao outro. Manteñamos a calma. O auxe da dereita extrema segue en marcha», pensa, mirando o altar de Trump que ten ao lado da cama.

As eleccións australianas demóstranlle a esta persoa que estaba equivocada. Anthony Albanese non soamente gaña, senón que aumenta a súa maioría e esmaga o seu opoñente, que intentou en van afastarse de Trump tras ver o pouco populares que eran as súas propostas. Incluso sen facer campaña anti-Trump, as accións do presidente e os seus aranceis foron suficientes para motivar a poboación australiana a saír a votar.

«Pero como pode ser isto?», pregúntase o noso líder, encendendo as candeas do altar. «Señor Trump, como é posible que as súas políticas internacionais coas que está colapsando a economía lles custen votos aos partidos que se poñen do seu lado? Como pode ser que darlle a razón ao home que busca pelexa ata coa súa sombra non os faga populares? Non era que aquí mandaba o máis macho?»

Se ben o partido de Nigel Farage, Reform, logra vitorias a niveles locais no Reino Unido, iso non abonda para quitarlle o medo do corpo, sobre todo tendo en conta o temperado que é Keir Starmer, o primeiro ministro. Que vai pasar se decide poñerse as pilas e facerse líder de esquerda de verdade?

A imaxe de Trump no altar non vai responder, pero non vos preocupedes, que xa o fago eu: toda acción xera unha reacción de igual intensidade, pero no sentido contrario. Neste caso, se un líder de dereita extrema decide poñerse a xogar coas vidas non soamente dos seus cidadáns senón do mundo enteiro, é cuestión de tempo ata que aqueles que se adscriben á súa filosofía leven un revés nas eleccións.

Os líderes de dereita extrema son moi bos cando non están no poder, acusando a todos de censuralos, facendo o papel de vítima e de rebelde contra o establecemento corrupto das elites intelectuais, ou cuspindo o seu discurso de «nós contra eles», pero cando lles toca gobernar, queda claro que ignorar os expertos soamente causa dano á cidadanía.

Se ben é certo que a dereita extrema segue gañando territorio polo mundo enteiro, estes resultados poden darnos unha pequena esperanza de que, a partir do exemplo dos Estados Unidos, a xente empece a decatarse de que un goberno cuxa ideoloxía central é o odio e a discriminación nunca terá os intereses do pobo en mente. Xa vimos isto antes e todos sabemos como remata. As narrativas políticas de exclusión son perigosas. Empezan indo contra os inmigrantes ou contra as persoas trans. Nalgún momento tornaranse en contra dos sindicalistas, das mulleres ou de calquera que lles leve a contraria. Os que gobernan para uns poucos non gobernan para ninguén.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail