A Coruña.- É difícil atopar en Ferrol a ninguén vinculado á esquerda alternativa que non sexa yolandista. Non imposible, por suposto, pero si difícil. A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social empezou a facer carreira nesa cidade, desde onde se lanzou logo á política autonómica, e máis tarde, á estatal. Yolanda Díaz naceu en Fene, alén da ría, onde están os estaleiros nos que traballaba o seu pai, o histórico sindicalista Suso Díaz, que ademais pecha a lista de Podemos e Esquerda Unida na Coruña. Pero a súa cidade é Ferrol.
Alí, quen máis a apoian para sacar adiante a Sumar en Galicia non foron capaces de poñerse de acordo para ir xuntos o 28M. Dun lado preséntase Ferrol en Común (FeC), a marea local que gobernou a cidade entre 2015 e 2019 da man de Jorge Suárez, unha das persoas máis próximas á vicepresidenta na cidade e quen repite candidatura; e doutro Podemos-Alianza Verde, cunha lista que encabeza Aitor Cordero co apoio expreso de Borja San Ramón, coordinador nacional de Podemos en Galicia, á súa vez una das persoas máis próximas á contorna íntima de Díaz en Galicia.
«Non houbo vontade de acordo por parte de Ferrol en Común, e non o digo como un recurso comunicativo senón porque é o que sucedeu», explica Aitor Cordero. Afirma que desde o principio das negociacións -celebráronse só catro reunións, a última delas a principios de febreiro- intuíron que a formación de Jorge Suárez «prefería non contar con Podemos». Luzes-Público tentou solicitar a versión de Ferrol en Común e de Jorge Suárez, pero non obtivo resposta.
Un exdirigente de EU implicado no proxecto de Sumar admite que para a plataforma que lidera a vicepresidenta «non é bo visibilizar que non hai acordo en Ferrol». «Yolanda tenlle un aprecio moi especial a Jorge, pero tamén bos apoios en Podemos Galicia que están a traballar xa para armar o proxecto na comunidade», o que a pon na disxuntiva de agraviar a calquera das listas se se move na escaleira. «É unha sorte que estea empadroada en Madrid, porque así non ten que responder á pregunta da quen ía votar en Ferrol», engade.
Outra fonte da directiva de Podemos confirma a idea anterior: «É un erro ir por separado, e o malo é que esa división abre o camiño a que gañe o Partido Popular [o PSOE goberna o Concello con só un escano de diferenza grazas ao apoio de FeC e BNG]. Ese é o titular que vai comprar a prensa estatal o 28M: “O PP arrasa na cidade de Yolanda”», lamenta.
Relato ficticio
Para o politólgo e xornalista Antón Losada, equiparar o que sucede en Ferrol, e en xeral en Galicia, ás tensións entre Podemos e Sumar en Madrid, tamén é un erro. «Está a construírse un relato ficticio desde os medios de comunicación de Madrid. Ninguén se expón estas eleccións como unha batalla entre Podemos e Sumar pola sinxela razón de que Yolanda Díaz xa dixo que o seu proxecto non é para estas eleccións. E desde logo, Galicia se move en claves moi distintas. Aquí o relevante é que vai suceder cos seus socios das mareas e cal vai ser a posición na que quede Podemos», opina.
Segundo puido saber este diario, a vicepresidenta descartou calquera acto de campaña ou precampaña en Ferrol, pero si viaxará a Santiago e A Coruña. Na capital autonómica, para dar apoio á lista de Compostela Aberta, a marea local na que tamén participa Podemos; e na Coruña, para apoiar a José Manuel Sande, que lidera a candidatura de EU e a formación violeta que se enfronta á da Marea Atlántica. Na lista de Sande, ademais de Suso Díaz, tamén está o economista Manuel Lago, un dos asesores máis próximos da vicepresidenta no Ministerio de Traballo.