As mareas municipalistas resístense á baixamar que predín as enquisas

A Coruña.- As mareas galegas que no ano 2015 removeron o mapa político do país para gobernar a súa capital e varias das súas cidades máis emblemáticas, espallaron as súas forzas oito anos despois e enfrontan o 28M cunha tendencia á baixa xeneralizada. Sobre todo, nas contornas urbanas que as alumaron.

A casuística do conglomerado de Podemos, Esquerda Unida, os nacionalistas da Anova de Xosé Manuel Beiras e os movementos municipalistas é variada e non sempre responde aos mesmos parámetros de análises en cada concello, pero as enquisas de precampaña xa alertan de algo seguro: alí onde a esquerda alternativa se presenta dividida, sexa pola razón que sexa, a baixamar parece ingobernable.

O caso paradigmático é A Coruña, con dous proxectos separados de antigos compañeiros e compañeiras do mesmo espazo político: dun lado, Marea Atlántica (MA), apoiada por Anova e que presenta de candidato ao exdiputado autonómico Xan Xove nunha lista que pecha o exalcalde Xulio Ferreiro, e doutro, Por Coruña, a lista sustentada por Podemos e EU que abre o exconcelleiro de MA e exsenador José Manuel Sande e que pecha o exsindicalista Suso Díaz, pai da vicepresidenta segunda, ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz.

Marea Atlántica na Coruña

MA perdeu en 2019 a Alcaldía da cidade en favor do PSOE, pero obtivo seis de 27 concelleiros, o que lle permitiu formar grupo propio. As primeiras sondaxes din que agora quedaría con só tres edís, ou dous mesmo se Sande é capaz de arrebatarlles un.

«É triste que vaiamos divididos, pero nós non temos a culpa», aseguran fonte s de MA. «Mañá [polo xoves 4 de maio] é o último pleno da lexislatura e a concelleira de Podemos segue mantendo a acta que obtivo na candidatura de Marea Atlántica e en cuxo grupo non quixo quedar [pasouse aos non adscritos]. Non parece unha maneira moi lóxica de defender a unidade», sosteñen.

Mitin de Xan Xove, candidato de Marea Atlántica na Coruña / Foto: MA

En Ferrol, a esquerda alternativa tamén está dividida, aínda que coas siglas cambiadas de bando. A lista do exalcalde Jorge Suárez, Ferrol en Común, vinculada a Esquerda Unida e apoiada tamén por Anova, enfróntase á de Podemos-Alianza Verde. Segundo as sondaxes, esta última non obtería representación, pero podería facer que Ferrol en Común perdese un edil, o que abriría a porta a que o PP recuperase a Alcaldía que tiña antes de 2015.

Santiago

Si hai unidade en Santiago, onde Compostela Aberta (CA), que gobernou a capital de Galicia entre 2015 e 2019 con Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova, presenta agora a María Rozas como cabeza dunha lista na que tamén se integran candidatos de Podemos. Ese partido renunciou a que a súa marca apareza na papeleta en Santiago, unha condición na que non cedeu noutras prazas. Curiosamente, alí onde as enquisas parecen máis favorables: dos cinco edís que CA obtivo en 2019 só perdería un, o que a mantería con certa con capacidade para sumar unha maioría de goberno co PSOE e o BNG.

«Creo que a clave desa integración é que traballamos con tempo, mantendo permanentemente a interlocución e o contacto», asegura Miguel Penas, coordinador político de Compostela Aberta, quen engade que a súa formación «quere recoñecer a responsabilidade e a xenerosidade que ofreceron os compañeiros e compañeiras de Podemos» no proceso de negociación para lograr unha lista de consenso.

A candidata de Compostela Aberta, María Rozas, co número dous da súa candidatura, Xan Duro / Foto: CA

As mareas, que chegaron a ser a segunda forza política de Galicia coa marca En Marea, desapareceron en 2020 do Parlamento autonómico. Nas primeiras eleccións tras aquela desfeita encaran moitas dificultades, como esa imaxe de división interna e o ascenso do BNG, e tamén a confusión que sementa desde Madrid a batalla entre Sumar e Podemos.

Fontes da dirección de Anova admiten que ese pulso vai afectar notablemente aos resultados urbanos das mareas, pero lembran que Anova está presente nunha vintena de candidaturas asentadas en vilas medianas e pequenas «moi afastadas do debate Sumar-Podemos», e onde xa tiveron experiencia de goberno, dan apoio a executivos locais progresistas ou esperan obter bos resultados como para lograr alcaldías ou condicionalas. Son, por poñer tres exemplos, os casos de Sada (A Coruña, 16.600 habitantes); Vilalba (Lugo, 14.000) e Ribadavia (Ourense, 5.000). «A nosa intención foi dar amparo a esas candidaturas municipalistas sen impoñer cotas nin xerar tensións», explican as fontes de Anova.

«A nosa intención foi dar amparo a esas candidaturas municipalistas sen impoñer cotas nin xerar tensións», explican as fontes de Anova.

Vigo

Tamén hai lista unitaria en Vigo, a cidade máis poboada de Galicia e onde a marea local, que si incorpora esta vez a marca Podemos na súa papeleta, podería conservar os seus dous edís co permiso do todopoderoso Abel Caballero. O actual alcalde podería permitirse o luxo de perder ata seis dos seus 20 concelleiros sen que perigase a súa maioría absoluta, pero para a oposición, perder un edil sería tráxico.

«Non poderiamos facer oposición, perderiamos o mínimo legal de concelleiros [hoxe son catro do PP, dous de MdeV e dous do BNG] ncesarios para poder pedir informes ao secretario municipal sobre as decisións da Alcaldía», alerta o cabeza de lista, Rubén Pérez, excoordinador de Esquerda Unida. Advirte de que o de Caballero en Vigo non é un proxecto de goberno, «»senón un réxime». «Facer oposición aquí é como facela na Marbella de Jesús Gil dos anos noventa: desmonte do movemento veciñal, censura e control dos rivais políticos, manexo dos medios de comunicación…».

O candidato de Podemos-Marea de Vigo explica que as eleccións municipais deberían servir para que a localidade iniciase un debate propio sobre as súas necesidades –Recupera Vigo é o seu lema de campaña-, pero recoñece o risco de que o mal momento das mareas, a pugna entre Podemos e Sumar e a atracción mediática na que Caballero converteu á cidade complican a posibilidade de que ese escenario poida darse.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail