Juan Mariñas, escritor e editor: «Un autor non pode gañar co seu libro menos do que gañan as librarías»

A Coruña.- Juan Mariñas (A Coruña, 1970) é un discreto pero disciplinado escritor que logrou publicar seis novelas e un libro de relatos, e xirar por Galicia, España, Arxentina e Paraguai unha das súas obras de teatro. Todo mentres o compaxinaba co coidado da súa familia –dúas fillas– e cos traballos de mensaxeiro e mozo de almacén que exerceu durante decenios. Fillo dun mecánico de barcos e dunha pescantina, logrou consolidar un nutrido auditorio de lectores e fieis seguidores, pero apenas puido vivir do que lle gusta. Hai uns anos decidiu montar a súa propia editorial cando advertiu que, aínda que os seus libros se vendían ben, el era o que menos beneficios obtiña con eles.

Lautana Editorial, que paga aos seus autores unha porcentaxe inusual no mundo literario, conta cun fondo de 16 publicacións dunha decena de escritores e escritoras, na súa maioría noveis. E aínda que vivir da literatura segue sendo para el unha aposta arriscada, Mariñas segue aceptando o envite, que case é un órdago. Aos seus 55 anos, asentado na Laracha, decidiu deixar o emprego alimenticio co que pagaba a súa hipoteca e seguir tentando vivir do que lle gusta: escribir e editar. Acaba de facer as dúas cousas coa súa última novela, Detective Naveira.

Por que decidiu montar a súa propia editorial? A idea xurdiu cando xa tiña tres novelas publicadas, pagábanme o 10% das vendas pola primeira e o 15% polas dúas seguintes. Recibía 0,90 euros e 1,10 euros por exemplar, respectivamente. E eu vía que vendía libros. Coa cuarta novela decidín autoeditarme. Cría que podía tentar vivir da escritura. Saqueina e co diñeiro que gañei, montei unha compañía de teatro e a editorial.

E é unha editorial normal, ao uso? Non, é unha editorial que recoñece o mérito do autor. É inxusto que o creador dunha obra leve só o 8%, o 10% ou o 15% dos beneficios que esta produce, cando as librarías, como mínimo, están a levar o 20%, o 30%, o 40%…

Algunhas librarías non aceptan rebaixar as súas porcentaxes en beneficio dun trato máis xusto co autor. As que aplican o 30% si, non lles inflúe que eu lle pague ao autor a mesma porcentaxe porque van cobrar o mesmo. Outras aceptan rebaixar do 40% ao 30% só cando son os seus clientes quen lles piden os nosos libros. Pero coas que se empeñan en levar o 40% non podo traballar. Se elas sacan iso e o autor un 30%, á editorial non lle saen as contas. E fálolle de librarías convencionais. No FNAC ou no Corte Inglés nin falamos, é unha barbaridade. Hai uns anos quedaban entre o 40% e o 55% do prezo de venda, non sei se agora seguirá sendo así.

«Lautana baséase en dous conceptos: liberdade e xustiza. Eu quero que o autor gañe polo menos o mesmo que unha libraría, e ademais considero que a súa obra é súa, non miña»

Non estaría ben saber que librarías ou centros comerciais venden a unha porcentaxe que impide á editorial pagarlle o prezo xusto ao escritor? Quero dicir, para que os lectores poidamos decidir a nosa opción de compra nese sentido. Si, claro. Eu creo que os escritores non poden gañar cun libro menos do que gañan as librarías.

Como é a súa relación cos autores cos que traballa? Lautana baséase en dous conceptos: liberdade e xustiza. Eu quero que o autor gañe polo menos o mesmo que unha libraría, e ademais considero que a súa obra é súa, non miña. A min facíanme asinar un mínimo de cinco anos de cesión de dereitos, que é unha barbaridade, e hai editoriais que che piden mesmo 10. Eu pido dous anos, o que necesito para promocionar a obra, movela, ir a feiras, etcétera. E a renovación é voluntaria. Se para as seguintes edicións o autor ou a autora non quere seguir, poden vender eles mesmos o seu libro ou marchar a outra editorial. Ademais, sempre lles presento toda a documentación que acredita o que custou sacalo: maquetación, edición, impresión, promoción… Todos os gastos. E tamén as facturas das librarías coas vendas das súas obras. As editoriais coas que traballei nunca fixeron iso comigo.

Acaba de tomar a decisión de vivir do mundo da literatura: dos seus libros e da súa editorial. Creo que sairá ben, aínda que non é fácil. Publicar un libro dá diñeiro, pero se o repartes de forma xusta é verdade que a cousa se complica máis. Agora vou publicar unha obra de teatro miña e tamén quero levala a escena. E teño dous textos doutros autores, un poemario e unha novela. Tamén me movo todo o que podo nese mundo que rodea a literatura, aínda que ás veces non me paguen por iso: fago un podcast de entrevistas, estou a preparar o guión dunha miniserie…

Juan Mariñas / J. O.

Vostede tivo traballo moi físicos, de mozo, de mensaxeiro, que combinaba cun traballo: novelas, obras de teatro nas que tamén actúa, a editorial… Sempre tiven claro que quería escribir, pero tamén que quería ter unha familia, e que para iso tiña que traballar. Creo que o desgaste físico me dá clarividencia intelectual para escribir. Agora ata me parece case necesario.

Vostede ten seis novelas publicadas, un libro de relatos, a editorial, a compañía de teatro… Non sería normal que puidese vivir diso? Non é un pouco desalentador que o sector da cultura llo poña tan difícil a quen o alimenta? Si, é complicado. Pero é que a min escribir sálvame. Salvoume sempre. Refúxiome na literatura e esquézome de todo o demais, paso dun mundo que non me gusta a outro no que me sinto moito máis cómodo e feliz.

As súas novelas falan moito de desigualdades, describen a inxustiza social, o absurdo das contradicións desas diferenzas entre as elites e os humildes. Veño de facerlle unha entrevista para o podcast a Ana Vizcaíno Nieto, que é mediadora cultural no Museo de Belas Artes da Coruña. Falabamos de Goya, que foi moi crítico coa sociedade na que viviu. Salvando as distancias, a miña maneira de entender a literatura é esa: reflectir o que me tocou vivir. Gustaríame dar luz ás sombras, síntome cómodo aí.

A súa primeira novela publicada, En un lugar de Irlanda, baseada na súa propia experiencia, xa falaba un pouco diso a través dos seus protagonistas, un grupo de traballadores emigrantes, novos, obrigados a irse fóra para buscarse a vida. En un lugar de Irlanda quería ser unha homenaxe a esa xente que ten soños e que traballa noutros empregos que non desexa para poder alimentar eses soños. Unha das cousas que me levei de Irlanda foi a distinta forma en que os vives: alí es un escritor que traballas de kitchen porter, mentres que aquí es o mensaxeiro que escribe. Alí, o músico que frega pratos para sobrevivir, e aquí, o pinche de cociña que polas noites toca a guitarra.

«Refúxiome na literatura e esquézome de todo o demais, paso dun mundo que non me gusta a outro no que me sinto moito máis cómodo e feliz»

Detective Naveira tamén fala de desigualdades e contrastes. Quería reflectir como un tipo de barrio pode navegar entre esas dúas augas, entre a elite e o seu ambiente e a clase media baixa da que el provén e á que pertence. Entre as sombras e as luces. Tamén é unha novela que fala da hipocrisía e do perdón.

Dixéronme que para documentarse lle pediu a un amigo socio do Club de Golf da Coruña que o levase a vostede alí para ensinarllo. Ja, ja, ja! Como o soubo? Efectivamente, o Club de Golf sae na novela. Teño a sorte de contar coa amizade dunha persoa que é socia, eu nunca estivera alí e para o libro era necesario coñecelo.

Que atopou que non esperaba atopar? A sensación, e así o conto na novela, é como estar unha burbulla na que todo o mundo parece alegre, feliz, riseiro… Coas súas amizades, a súa partida, as súas relacións sociais nun sitio cómodo, tranquilo, acolledor, cun ambiente distendido e educado… É como un oasis de benestar, unha especie de ceo na Terra. Coma se a vida fose iso, e oxalá o fose para todo o mundo. Pero a realidade é outra, claro.

Terá continuidade? Haberá máis entregas de Detective Naveira? Creo que si, teño unha segunda xa esquematizada e outra na cabeza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail