Galicia, un gran refuxio climático?

Planicies de asfalto a modo de patios de colexio. Beirarrúas estreitas, sen árbores e con catro carrís polos que circulan milleiros de coches ao día. Temperatura á alza. Cidades inhabitables e illas de calor das que é imposible fuxir. As cidades semellan estar construídas en contra dos seus propios habitantes. Ninguén pode librarse do cambio climático nin das súas consecuencias. O aumento medio da temperatura a nivel global é imparable, se ben en España o ritmo é moito máis acelerado que noutros puntos do globo terráqueo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), podería subir de tres a catro graos máis antes de que remate o século XXI.

Galicia non é unha excepción para unha problemática que afecta de maneira conxunta, mais desigual, a todo o planeta.«Un dos grandes desafíos é adaptar as nosas cidades, territorios e formas de vida ante unha ameaza cada vez máis latente», subliña Brais Estévez, investigador do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que resalta que «non estamos no mellor contexto en termos de preparación e adaptación para responder a estes desafíos». E é que as evidencias científicas están claras: os fenómenos meteorolóxicos serán cada vez máis extremos.

Sen ir máis lonxe, e como proba disto, Galicia viviu este inverno o cuarto máis cálido da serie histórica, iniciada en 1961, tal como reflicten os datos feitos públicos por Meteogalicia. Os meses de xaneiro e febreiro foron, ademais, especialmente calorosos, cunha temperatura media 1,5 graos por enriba da media histórica. Neste senso, Estévez resalta a relevancia de indagar sobre este asunto no campo investigador: «É importante que poidamos dispor de cartografías de adaptación ou procedementos de actuación o máis precisos posibles para enfrontarnos a estes fenómenos. É unha cuestión de política planetaria».

Espazos públicos de refuxio

Neste contexto, cobra importancia o concepto de refuxio climático, xa moi estendido noutros puntos da península e do resto do continente. A investigadora do Institut de Ciència i Tecnologia Ambientals (ICTA) – Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) Ana T. Amorim-Maia define estes espazos como «infraestruturas urbanas críticas para apoiar a adaptación ao cambio climático que ofrecen espazos públicos onde refuxiarse durante episodios de temperaturas extremas». Unha biblioteca, un museo, unha escola ou un parque poden servir como refuxios climáticos.

«Calquera elemento urbano pode funcionar como un refuxio climático», matiza Iago Carro, arquitecto e parte da cooperativa de traballo Ergosfera, centrada no desenvolvemento de proxectos de investigación e intervención urbana. Como exemplo disto, Carro utiliza os soportais, unha estrutura que forma parte da arquitectura da meirande parte de vilas e cidades galegas: «Son unha tipoloxía arquitectónica urbana que funciona como refuxio climático dende sempre. Serven para cubrirse da chuvia, do sol, e para que a actividade e os percorridos urbanos se puideran desenvolver con normalidade aínda que houbese unhas condicións climáticas adversas».

Iago Carro, arquitecto: «Calquera elemento urbano pode funcionar como un refuxio climático»

Dentro dos espazos urbanos, tanto Estévez como Carro destacan o valor de repensar, principalmente, tres elementos: auga, sombra e chan. «As condicións non son as mesmas nun territorio moi urbanizado, no que o chan está pavimentado. Os espazos urbanos modernos están radicalmente separados da natureza e, ás veces, a habitabilidade ponse en risco. Co efecto illa que se produce nestes lugares, os corpos e as mentes sofren. A calor tamén está moi asociada á mortalidade», sinala o investigador do Departamento de Xeografía USC, que tamén é un dos impulsores das xornadas celebradas no mes de xuño Escola de Calor-Refuxios climáticos en Ourense?. Reflexo disto son os resultados expostos polo Ministerio de Sanidade no balance do Plan Nacional de Actuaciones Preventivas del Exceso de Temperatura en la Salud 2023, onde se indica que Galicia é a segunda comunidade onde se produce un maior número de decesos por calor, tan só por detrás da comunidade de Madrid, pola falta de adaptación da poboación a este tipo de temperaturas.

Recursos e planificación

Neste senso, María Lafuente, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), fai fincapé en que «o primeiro é saber que recursos temos, para despois poder ordenalos e facer unha boa planificación do seu uso». Chama, sobre todo no caso da auga, a «unha xestión comunitaria e eficiente». Lafuente introduce, ademais, outra das grandes cuestións arredor dos efectos do cambio climático no día a día: a clase social. «Existen formas lúdicas moi relacionadas coa auga, como os campos de golf, que deben regularse ou desaparecer. Están ligadas a persoas cun poder adquisitivo alto e expulsan a aqueles que contan cun máis baixo de certas zonas. Xa non é só unha cuestión de xustiza ambiental, senón tamén social», subliña.

A variedade xeográfica de Galicia tamén será un punto clave á hora de deseñar políticas que reduzan os efectos do cambio climático. «No rural os problemas serán outros. É probable que teñan dificultades na mobilidade ou no acceso a recursos e lugares pechados como nas cidades», clarifica Carro. Por iso, Estévez fai fincapé en que «o traballo científico e experimental é moi importante facelo en cada territorio, para poder coñecer as necesidades específicas».

«O cambio climático é unha cousa completamente global, que pouco se pode facer dende unha única cidade ou vila, pero a cuestión de mitigación dos efectos é unha cousa ultralocal», matiza Carro.

Elementos comúns da arquitectura galega, como estes soportais de Santiago, funcionan como refuxio climático. Foto de Andrés Fraga.

Máis alá de repensar os espazos urbanos, os efectos do cambio climático fan necesario o acondicionamento doutro tipo de espazos para facer fronte ás temperaturas extremas e atopar confort térmico. Neste senso, cómpre mirar, tal como sinalan Estévez e Carro, á cidade de Barcelona. A capital catalá conta dende hai anos cunha rede pública de refuxios climáticos promovida polo Ajuntament. Este verán o número ascende a 355 e dentro da listaxe encóntrase lugares tales como mercados municipais, bibliotecas, centros cívicos ou museos. «O 98 % dos barceloneses teñen un refuxio climático a menos de 10 minutos de casa e o 68 % conta con un a menos de 5 minutos», sinala o propio consistorio local na súa web.

Centros comerciais abarrotados

Ningún lugar de Galicia conta a día de hoxe cunha rede similar, aínda que por propio instinto sexan lugares aos que se acuda para combater as altas ou baixas temperaturas. Exemplo disto son os centros comerciais abarrotados ante as ondas de calor ou os días fríos de inverno. Con todo, este tipo de lugares de titularidade case sempre privada, pero de acceso público, contan con limitacións. A maioría deles pechan unha vez entrada a noite. «O clima non ten horarios», sinala o arquitecto de Ergosfera.

Iago Carro, arquitecto: «O clima non ten horarios»

Como un primeiro paso á adaptación deste tipo de espazos, no marco da Escola de Calor, a Biblioteca Pública NÓS de Ourense converteuse nun caso de estudo co obxectivo de diagnosticar o confort térmico, a través dun protocolo participativo de medición con sensores repartidos polas instalacións e con entrevistas aos usuarios. «É un protocolo aplicable a calquera tipo de espazo. Temos moito interese en traballar coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. É unha conversa que estamos intentando iniciar coas consellerías de Cultura e Medio Ambiente. Esta rede ocupa case todo o territorio e pensamos que pode ser un referente relevante para estudar unha política de adaptación», explica Estévez.

Así, insiste en que «son este tipo de espazos os que podemos ir adaptando con máis ou menos celeridade». «Hai que atopar eses lugares interiores públicos e que non todo dependa da climatización privada e de que cada un resolva a emerxencia de xeito individualizado a través dun aparato de aire acondicionado», conclúe.

 

As persoas turistas valoran as temperaturas máis suaves de Galicia . Foto de Andrés Fraga.

O concepto de refuxio climático leva xa un tempo coándose nos discursos de políticos e mandatarios de todo o mundo. No caso do norte peninsular e, concretamente, no de Galicia, o Goberno da Xunta utiliza este termo case sempre asociado a un impulso do turismo. Ante as grandes vagas de calor, Galicia toma protagonismo, ou polo menos así o reflicte o estudo Impacto rexional do cambio climático na demanda turística europea, publicado pola Unión Europea, que sinala que a comunidade é un dos destinos favoritos dentro do continente dado o seu clima afable en verán. En datos, isto podería supor un aumento do seu turismo de máis do 3% ata o ano 2100.

Integración

«A xente busca fresco, pero non podemos destruír o que temos. É preciso que se veñen, se integren nas comunidades», engade neste senso Lafuente. Quen non querería marchar dunha Sevilla, Madrid ou Córdoba a 40 graos? A resposta probablemente sexa que calquera, mais isto tamén se converte nunha cuestión de clase, pois só o poderán facer aqueles que teñan os recursos necesarios. Nesta liña, Lafuente subliña que «non se deben crear infraestruturas pensadas en boa parte para os turistas que destrúan o medio ambiente, como poden ser as pasarelas nas praias ou os aparcadoiros que se fan se ningún tipo de control».

María Lafuente (Adega): «A xente busca fresco, pero non podemos destruír o que temos»

Para Estévez, ver a Galicia como un refuxio climático «é un tanto inquietante», posto que «sempre pensamos que serán os outros o obxecto desas situacións problemáticas, mais aínda non sabemos con certeza que efecto pode ter para nós ese aumento das temperaturas». «Hai unha idea que trae consigo o cambio climático, que é de límite, que nos axuda a pensar na mitigación e adaptación, que parece que aquí descartamos. Como é posible que nun momento onde o groso das institucións científicas está pensando nesa idea de límite, nos pareza que queiramos seguir nese sen límite que nos conduce a escenarios onde as condicións de habitabilidade non van estar garantidas?», cuestiónase Estévez.

Así mesmo, a cuestión do turismo climático afecta tamén a outras dimensións, tales como o acceso á vivenda. A redución do parque de vivendas en alugueiro e o incesante aumento dos prezos, ligados á proliferación dos pisos turísticos son cuestións que se poden ver incrementadas. «Hai sitios nos que se están a crear urbanizacións a costa de arrasar con carballeiras. Esas árbores son as que nos van dar sombra e osíxeno. Hai que aprender a convivir coa natureza e coas veciñas», di Lafuente.

Brais Estévez, investigador do Departamento de Xeografía da USC: «Necesitamos unha conversa co maior número de actores posible»

«Todos os expertos están a se preguntar como se ten que producir esa transmisión do coñecemento e da evidencia científica que temos despois décadas de estudos e de avisos sobre a cuestión climática. Cada vez máis xente se sente concernida por esta cuestión e esixe medidas ao respecto á administración pública, pero por agora non é suficiente», alega Carro. E é que, para poder facer fronte a todas estas cuestións, sociedade e gobernos han de traballar man a man.

Nisto coincide tamén Lafuente, que sinala que «hai cousas sobre as que hai que debater, non todo vai valer con tal de aumentar os recursos económicos». Pola súa parte, Estévez manifesta que «necesitamos unha conversa co maior número de actores posibles, para poder ir aprendendo todos neste proceso». «Non somos capaces de soster evidencias colectivas que estean á altura das evidencias científicas. Temos que estar máis organizados, e que os principios da ciencia nos axuden a producir evidencias comúns compartidas sobre as que actuar».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail