Unha mala viaxe chamada Trump

Aló por 1967, a piques de estoupar a revolta estudantil parisina, Guy Debord publicaba un ensaio clave para as loitas do seu tempo. A sociedade do espectáculo era unha posta ao día das teses de Marx a partir das transformacións que estaba a experimentar o capitalismo da segunda posguerra. Visto en perspectiva, podemos afirmar que, baixo o espectáculo, a sociedade deviña unha sorte de alucinación colectiva: «todo o que unha vez foi vivido de xeito directo, convertiuse nunha representación», diría Debord.

Mais o espectáculo non sería unha serie de imaxes calquera, senón «unha relación social mediada por imaxes». Após a realización do pronóstico de Marx sobre a alienante interiorización da explotación polo suxeito proletario, o capitalismo adoitaba unha forma máis acabada aínda; unha configuración do capital na que a mercancía podía rematar, por fin, a total colonización da vida social. Dito cun referente cinematográfico: viña de nacer Matrix. O exterior ao capital esvaecera para sempre.

E se isto pasaba nos tempos de Debord, a que ponto non chegariamos. O século XXI volveuse máis debordiano que o propio Debord. Hoxe moramos na sociedade do «hiperespectáculo»; nunha sorte de alucinación totalizante interiorizada de xeito electroquímico grazas á omnipresencia de pantallas gobernadas por algoritmos de intelixencia artificial. Neste hiperespectáculo devimos unha lexión de escravos dopamínicos subordinados á heteronomía do capital.

Mais este devir distópico aínda non está completo; quédalle unha última fronteira por conquistar: a mente. Esta ofensiva actual aspira a unha anulación bioquímica de toda resistencia baixo o dominio dunha alucinación colectiva inducida. O hexemón xa non é unha forza de orde, unha propaganda ou un goberno totalitario exterior ao corpo. É a colonización enteira das mentes por unha voz interior de nome Trump.

Pénsese por un momento en como resoan en nós os seus asertos cotiáns; como non pasa un día en que non vexamos na súa faciana laranxa a xestualidade agresiva dun fociño que nos conmina a obedecer sen marxe para a disidencia. Levamos a Trump incrustado nos miolos. O Big Brother Trump vai para aquén da inmiscisión cotiá que lle era propia ao fascismo: os omnipresentes retratos dos ditadores, a parafernalia dos partidos únicos, o monopolio sobre o discurso público… Todo iso non evitaba, porén, unha mínima posibilidade de permanecer á marxe e á contra.

Xa non é o caso para o Big Brother Trump. Omnipresente, ficóusenos ata o máis fondo. Alí arraiga e alí nos arrastra sen acougo pola súa mala viaxe do hiperespectáculo. De pouco serve loitar contra este hexemón alucinado desde unha posición de denuncia exterior e frontal. Criticalo por inxusto é sinalárselle coma vítima propiciatoria. O proxecto reaccionario sempre se impulsa nas paixóns tristes. O seu poder de mando é un acoso interior e anterior, configurado coma un pesadelo do que non conseguimos despertar.

E, porén, desde hai unhas semanas, unha resistencia interior medra nos EE.UU. Sexan as manifestacións multitudinarias, a campaña contra Musk Tesla Takedown, os mitins de Bernie Sanders e Alexandria Ocasio-Cortez ou voto a Susan Crawford como xuíza no Supremo de Wisconsin, o descontento exprésase cunha intensidade crecente. Mais, ao tempo, aparece a pregunta: como loitar de xeito eficaz contra Big Brother Trump?

A nivel institucional, Trump é o vórtice dunha inmensa concentración de poder. As maiorías están da súa parte: alén da Presidencia e o executivo, conta tamén cos poderes lexislativo (Senado e Congreso) e xudicial (Corte Suprema). Como evitar, entón, que o movemento emerxente de oposición nas rúas non sexa revertido a prol do contramovemento que logrou devolver a Trump á Casa Branca? Como non caer nas provocacións, na trampa da represión, etc.? Abondarán os contrapesos institucionais para evitar en 2029 un golpe semellante ao que fracasou no Asalto ao Capitolio de 2021?

Unha cousa semella clara. O Trump de 2025 trae consigo unha mutación moito máis perigosa que na súa anterior versión. A incorporación de Silicon Valley ao trumpismo actualiza, perfecciona e reforza as tendencias máis avanzadas do capital. Esta segunda presidencia impúlsase agora nun bloque reaccionario moito máis agresivo e disposto a liquidar toda resistencia democrática. Perante o colapso neoliberal (crise de 2008, Covid, Guerra de Ucrania, xenocidio palestino…), inaugura un horizonte de transición a un goberno autoritario.

Atrás quedan os días nos que a mercantilización ilimitada era considerada compatíbel e mesmo beneficiosa para a democracia. Entre 1980 e 2025, o neoliberalismo rematou por desprazar a matriz liberal fóra do campo democrático. A mala viaxe chamada Trump marca agora a fin dun tempo ambivalente respecto á democracia. Recuperar a vía da democratización requerirá dun discurso que integre a liberación das mentes na acción colectiva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail