O Dynamo de Kiev rememora cos seus xuvenís o «partido da morte» contra os nazis en 1942

Disputan este xoves en Bucarest a ida dos oitavos de final da Uefa Youth League, despois de gañar ao Deportivo en Riazor doce días antes da invasión rusa

A Coruña.- O 9 de agosto de 1942 disputouse en Kiev o que as crónicas da época chamaron «o partido da morte». Ocupada Ucraína polas tropas de Hitler, os invasores ofreceron aos xogadores dos dous equipos da cidade, o Dynamo e o Locomotiv, agrupados ao redor dun novo club, o FC Start, disputar un encontro no estadio municipal.

Aquel partido inspirou a película británica Evasión ou vitoria (1981), de John Huston, cun cartaz irrepetible dos de verdade –Michael Caine, Pelé e Sylvester Stallone, entre outros-. E tamén unha novela gráfica con guión de Pepe Gálvez e ilustracións de Guillem Escriche. Aquel partido lémbrase hoxe porque o Dynamo de Kiev volve xogar outro nun dos momentos máis dramáticos e comprometidos da súa historia.

Os xuvenís do equipo ucraíno disputan este xoves, 7 de abril, ás dúas da tarde, a ida dos oitavos de final da UEFA Youth League, a Champions dos equipos de categorías inferiores, fronte ao Sporting de Lisboa. Farano en Bucarest, capital de Rumanía, onde a UEFA trasladou o encontro, que tiña que disputarse hai un mes.

O Dynamo estableceu que todas as entradas serán gratis, pero coa posibilidade de que se fagan donativos de entre dous e catro euros. A web do club asegura que todos os fondos recadados en Bucarest utilizaranse para brindar apoio financeiro e asistencia aos nenos refuxiados que se viron obrigados a abandonar Ucraína e foron aloxados en Rumania.

Os ucraínos que disputaron o «partido da morte» contra os nazis o 9 de agosto de 1942

«Estamos ben, pero dadas as circunstancias, o club pediunos que non concedamos ningunha entrevista», explica por teléfono Igor Kostyuk, ex xogador do Dynamo e adestrador do equipo de xuvenís. O seus rapaces teñen unha media de idade de dezaoito anos e dous meses. O máis novo é Artem Slesar, un mediocampista de diciesiete cumpridos en decembro pasado. O maior, Vladimir Brazhko, tamén centrocampista, cumpriu vinte en xaneiro.

Como el, outros dezanove dos seus compañeiros están en idade militar, pero Kostyuk non quere detallar se foron mobilizados, ou se decidiron voluntariamente alistarse para defender ao seu país da invasión rusa, nin se fuxiron da guerra coas súas familias, ou sen elas. «Enténdao, non podo dicir nada. Só que queremos xogar e queremos gañar e pasar de rolda». O Alto Comisionado da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) estima que máis de 4,2 millóns de persoas tiveron que deixar os seus fogares en Ucraína por mor da guerra.

Os nenos de Kostyuk son moi bos. Chegaron aos oitavos de final despois de gañar nas liguiñas iniciais a equipos como o Barcelona, o Bayern e o Benfica. O seu rival, o Sporting, tamén derrotou a outros como o Ajax e o Borussia de Dortmund. O vencedor da eliminatia do xoves enfrontarase en cuartos de final ao Benfica portugués, e o gañador desa quenda, á Juventus de Turín. Se as supera todas, o Dynamo podería xogar a final contra o Atlético de Madrid, que xa está clasificado para as semifinais contra o Borussia.

O último partido dos xuvenís do Dynamo de Kiev foi o 2 de febreiro na Coruña contra o Deportivo, nos play- off previos aos oitavos, apenas dúas semanas antes da invasión. Os ucraínos gañaran 2-1 na ida, e o Dépor gañou na Coruña polo mesmo resultado nun partidazo que viron máis de 20.000 espectadores en Riazor. Un récord de asistencia para un encontro de xuvenís. O Dynamo levou a eliminatoria na quenda de penaltis.

O pasado 2 de marzo, o presidente do Deportivo, Antonio Couceiro, ofreceu ao club ucraíno as súas instalacións para adestrar ou disputar partidos e todo «o apoio» para que, se pasan de rolda, poidan seguir na competición.

O once inicial do Dynamo, en Riazor o pasado 9 de febreiro / Foto: Dynamo de Kiev

Á marxe de Igor Kostyuk, Luzes-Público non puido contactar con ningún outro representante ou directivo do club, cuxa web recolle na súa sección de noticias as mensaxes do presidente Volodímir Zelensky, así como información sobre o desenvolvemento da guerra, mensaxes de apoio á poboación e vídeos con espantosas imaxes sobre a destrución e os masacres de civís a mans do exército de Vladimir Putin.

Tamén conta que o Dynamo uniuse a unha iniciativa humanitaria para levar alimentos, auga, medicinas e artigos de primeira necesidade ás rexións ucraínas máis afectadas pola invasión, e que o primeiro equipo atópase tamén en Bucarest, acompañando aos xuvenís no marco dunha xira de partidos benéficos destinados a recadar diñeiro para o exército ucraíno e para socorrer á poboación civil.

O partido dos xuvenís do Dynamo este xoves lembra, polas circunstancias e o contexto, a aquel que disputaron os ucraínos contra os nazis en agosto de 1942. Custa pensar que pasará polas cabezas deses mozos que hai apenas unhas semanas soñaban na Coruña con ser campións de Europa, xogar o partido da súa vida e chegar a ser futbolistas profesionais, e que hoxe ven como Putin tenta tenta reducir os seus soños a cinzas.

A pesar de facer varios intentos, Luzes-Público non puido contactar con ningún deses rapaces, pero este redactor intúe que non pensarán moi diferente ao que expresou este martes uno dos seus referentes, Oleksandr Karavayev, mediocampista do primeiro equipo e internacional coa selección ucraína, nunha entrevista publicada polo club: «Non sabemos combater, dificilmente poderiamos axudar cunha arma na man, nin aínda que nos enseñansen a disparar. Pero combateremos, en sentido figurado, no campo de fútbol. As nosas armas son os nosos pés, e tamén podemos darlles un pouco de esperanza aos nosos compatriotas».

O 9 de agosto de 1942, os alemáns acudiron a aquel partido no estadio municipal de Kiev ben alimentados, equipados e convencidos de que ían gañar. Marcaron primeiro, pero os ucraínos remontaron e chegaron ao descanso con 2-1 a favor. Conta a lenda que un oficial da Wehrmacht baixou ao vestiario e advertiulles de que se non se deixaban gañar, serían fusilados ou acabarían nun campo de concentración. Os ucraínos responderon con dous goles máis e unha goleada épica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail