Desexo confinado

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A corentena vai por barrios. Non é o mesmo un piso interior que unha choza con piscina. Con crianzas ou sen elas, estar só, en harmonía con alguén ou mal acompañado. Ter costumes tirando a sedentarias que ser tirando a outdoor e vivir máis fóra que dentro. Como cada polvo é un mundo, cada situación é outro.
Limitémonos á nación gai. Ao colectivo LGTBI. Queer. Xa sei que non son o mesmo, pero que cada un o razoe na súa cabeza. Falamos de tipos e tipas que nos relacionamos sexual e afectivamente con outros do mesmo xénero, eleximos a identidade que queremos ou simplementes tivemos vontade de apartarnos dos esquemas familiares máis habituais, camiñando polas marxes da vida, cada un máis ou menos alonxado dos cánones establecidos. Un universo de peña que grazas ás novas visibilidades medra en número e importancia social e que foi establecendo un estilo de vida moi moi heteroxéneo, pero do que podemos tirar algunhas singularidades.
Foto: Elvin Ruiz (Unsplash).
Moitas persoas vivimos soas, enredadas con relacións sexoafectivas pechadas ou abertas, pero sen compartir espazo vital, cada quen na súa casa. Outras somos solitarias de regulamento, xa que é frecuente que custe moito establecer lazos estables e prolongados no tempo, dando lugar a un prototipo masculino que quizais sexa o máis frecuente entre a poboación gay da nosa contorna. Hai persoas que levamos décadas convivindo con pais, nais ou irmáns, felices da nosa realidade. E estamos as maricas ou lesbis acomodadas, entre as que me atopo, con parellas lonxevas, unhas pechadas, outras abertas ao sexo ocasional.
Algo bastante frecuente nesta nación gai é a entrega aos praceres sociais. Á festa, ao sexo en parellas ou grupos, a un xeito de relacionarnos que moitas veces desde fóra se estigmatiza como unha disfunción psicolóxica ou social, algo que en xeral nos produce moita, moita risa.
A maioría de nós fodemos —ou alomenos tratamos de foder— bastante, queridas e queridos. Exhibimos, comportámonos cun plus de sexibilidade, con gañas de atraer, gustar e satisfacer. Moitos e moitas temos amores cos que non convivimos. De cando en vez facemos pequenos grupos de número variable en cidades máis ou menos próximas para enrollarnos unha noite de puro sexo, pel con pel, suor, relax, felicidade e volta ao tema. Viaxamos co propósito pasar un finde con alguén que nos pete. Ou imos a bares, parques, praias, saunas ou outros lugares nos que mantemos sexo con persoas descoñecidas, ou temos un ou varios amantes esparexidos por calquera xeografía cos que non convivimos. Ou se podemos abandonamos quince minutos o traballo porque xusto na porta do lado podemos gañar algo de luxuria cun amante riquiño. E quen facemos iso, vivimos sós, ou con familias, ou con parellas do mesmo ou distinto xénero, ou con fillos, e temos ese tipo de costumes, ocultos ou non.
Foto: Juli Moreira (Unsplash).
É un ocio, un modo de vida, moi moi frecuente, incluso diría que bastante xeneralizado. E se xa levamos o confinamento daquela maneira, sen ximnasio, sen paseos rexeneradores, moitos e moitas de nós soíños na casa, prendidas do teléfono ou do Skype para tomar cañas cos colegas, como o resto da humanidade, engádelle prescindir de algo tan revitalizante e cultural coma o sexo divertido e despreocupado.
Claro que nos queda a xustiza pola man, como substituto de consolo. Cantas pallas felices se estarán facendo por cada mil habitantes estes días de encerramento. Pero xa sabemos que a masturbación non trae a salvación, e contamos os días nos que recuperar os espléndidos intercambios de fluídos, o suor conxunto, as miradas morbosas, as folladas lendarias en calquera monte ou motel. A Nación Gay sabe que os bicos, as apertas, as mamadas, as folladas, serán o último en autorizarse. Só algúns fetichistas que foden con máscara e roupa de vinilo poden telo algo máis doado. O resto, manterémonos ao final da cola para incorporarnos á normalidade.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail