A saída de Feijóo reforza a Ana Pontón como alternativa ao Partido Popular na Xunta

A portavoz nacional do BNG é a figura máis recoñecible pola ciudadanía no Parlamento de Galicia, moi por riba dos posibles sucesores do aínda presidente galego

A Coruña. A vida nova de Alberto Núñez Feijóo en Madrid pode servir para afianzar as posibilidades dun cambio de Goberno en Galicia, onde a omnipresencia do aínda presidente da Xunta impediu que xurdisen e crecesen figuras recambio no seu partido. O PP galego é Feijóo, e o seu previsible herdeiro, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, dista moito de contar cos seus niveis de coñecemento e valoración cidadá.

O maior beneficiario desa circunstancia é o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ana Pontón, que será con moita diferenza a política máis coñecida e apreciada do Parlamento de Galicia cando Feijóo faga as maletas e se instále en Madrid.

«O Bloque xa estaba en disposición real de disputarlle ao PP a hexemonía en Galicia e de gobernar a Xunta, pero é certo que a saída de Feijóo reforza ese escenario e o visibliza como máis real do que xa era», explican fontes próximas á portavoz nacional do BNG, que coinciden en que a sucesión será complicada para os populares. «Feijóo taponou durante os seus mandatos calquera posibilidade de que ninguén crecese á súa ao redor».

Valentín González Formoso

O pasado venres, apenas unhas horas despois de que o líder do PPdeG anunciase oficialmente que optará a substituír a Pablo Casado en Génova e a Pedro Sánchez na Moncloa, La Voz de Galicia publicou unha enquisa con máis de 1.200 entrevistas realizadas entre o 10 e o 22 de febreiro, é dicir durante parte dos días negros da batalla entre o presidente popular e a presidenta madrileña, pero antes do anuncio de retirada daquel.

Segundo esa sondaxe, de celebrarse eleccións Feijóo perdería tres dos seus 42 deputados e quedaría con só un de colchón sobre a maioría absoluta, cedería un ao BNG, que ten dezanove, e outros dous á coalición vinculada a Unidas Podemos que quedou sen representación no 2020. O PSOE conservaría as súas 14 actas.

Máis aló dese cálculo, o relevante da enquisa é que situa a Pontón como a líder galega máis coñecida e valorada despois de Feijóo, a unha enorme distancia dos posibles sucesores deste e tamén do novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen ademais non conta con escano na Cámara.

A candidata nacionalista supera o 80% de coñecemento, preto do dobre que Rueda (45,9%) e case cincuenta puntos máis que Francisco Conde (32,6%), vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Innovación e Empresa. En canto ao socialista Formoso, presidente da Deputación da Coruña, a súa notoriedade supera o 58%.

Rueda e Feijóo / Foto: Xunta

«Ana xa tiña un perfil presidencial antes de que se intuíse que Feijóo ía deixar Galicia, e o Bloque un proxecto solvente cun liderado querido e valorado mesmo entre as persoas que non nos votan. Pero somos conscientes de que agora se abre unha nova fase con moitas opcións», sosteñen as fontes nacionalistas.

Pontón obtén unha nota media de 5,29 puntos, o que demostra que se afianzou como unha líder transversal capaz de entrar de cheo no electorado galeguista de Feijóo. Queda a moi pouca distancia de Rueda (5,38) e por riba de Conde (5,22) e de González Formoso (4,61), e a non moita distancia, 0,71 décimas, dos 5,92 puntos do propio presidente da Xunta.

Nas últimas eleccións, no verán do 2020, o BNG logrou o seu mellor resultado histórico con dezanove escanos. Un máis non lle sirviría para gobernar se o PSOE e Unidas Podemos non crecen. Pero a suma situaría á oposición a só dúas actas da maioría absoluta.

Ana Pontón, na Quintana, no Día da Patria Galega / Foto: BNG

Os próximos comicios están previstos para o verán do 2024, así que Rueda aínda conta con tempo para consolidar a súa posición. Ten á maioría dos medios privados convencionais e á televisión pública autonómica do seu parte para darse a coñecer, pero o certo é que os tivo de man durante o últimos trece anos e non lle servíu. A súa situación, ademais, podería complicarse se o PP non consegue un bo resultado nas eleccións municipais do ano que vén.

A pesar do tirón electoral de Feijóo, o PP foi perdendo poder local, deixando un enorme terreo de votante urbano ao BNG e ao PSOE. Xa non ten alcaldes nas grandes cidades e na única na que goberna, Ourense, faio co imprevisible Gonzalo Pérez Jácome. Unha decisión destinada a asegurar que mantén a Deputación Provincial en mans de Manuel Baltar. Esa estratexia podería pasarlle factura, e se tras as municipais perdese tamén a Deputación ourensá, o liderado do sucesor de Feijóo estaría seriamente en dúbida.

O tempo que tarde este en deixar a presidencia galega tamén corre á contra de Rueda, e non só porque acurta o prazo que ten o sucesor para consolidarse, senón porque reforza o argumentario do BNG, que desde que Feijóo apareceu como única solución á caída en desgraza de Pablo Casado, acusou ao PPdeG de antepoñer os intereses do partido aos de Galicia. «Os problemas dos galegos non poden esperar a que Feijóo se colóque en Madrid», dixo Ana Pontón o pasado venres nunha entrevista a Europa Press.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail