A performance necroinstitucional

A Cultura xera o marco ético para a Política. Os procesos culturais son máis esenciais que os da política, constrúen relato e sobre todo mobilizan a potencia do común. A política está ensartada nun paradigma cultural e non ó revés. A toma do control do paradigma, a construción interesada da infraestrutura cognitiva, sitúa, consecuentemente, os afectos e as regras do xogo: o sistema eferente no que a sociedade e as súas administracións se desenvolven. Facer política e identidade coa Cultura, polo tanto, é exactamente o contrario dunha Política Cultural.

Unha sociedade que non coida os seus artistas (científicos, filósofos…) di moito de si mesma, dos conflitos da autoestima e de como imaxina as relacións do seu presente que, sen o acompañamento crítico e mobilizador dos distintos roles do traballo cultural, permanecen en tensión autorreferencial: constantes, hexemónicas por defecto.

Javier Martín é investigador e coreógrafo. www.javiermartin.gal | artes del movimiento

O proxecto centralista e coercitivo do goberno distópico do Partido Popular na Xunta de Galicia para coa Arte e a Cultura é firme e decidido, xerando as condicións desactivadoras para os artistas e colectivos da Cultura: un proxecto perfectamente consciente de que matando a diversidade e a diferenza pecha filas sobre si, enchendo de medos reactivos e de vergoñas as distintas minorías que acaban por conformar unha maioría en fuga. Tal é o modo polo que se homoxeneiza ou zombifica unha sociedade e as súas institucións: vítimas da desinformación, do discurso único –en aparencia urxente e necesario–, da excesiva burocratización e da paixón dunha supervivencia técnica; situando un labirinto no cotián que se retorce sobre si mesmo para acoplarse de cada volta ao sistema: nun silencio opaco, nunha inacción estéril.

«la exforma».

As non-políticas culturais do Partido Popular de Galicia son o burato negro da Cidade da Cultura e o proxecto fóra de quicio turístico-relixioso do Xacobeo 2021: simulacros postos ao servizo de intereses moi concretos de tales axentes políticos (e sistemas clientelares anexos), que crean os seus propios contidos culturais e tratan a cidadanía como mera espectadora pasiva de produtos que parasitan e apropian os recursos da mesma, de todo tipo. Sen atender en realidade nin ao seu Dereito Universal de Acceso á Cultura, Creación, Produción e, por suposto, ao de lexítima Participación nos seus propios termos. Capitalismo cognitivo e radical en estado puro, extractivo, irrespectuoso coas persoas e usurpador do seu tempo e intelixencia: construtor da realidade cotiá dende arriba cara abaixo, desconsiderada e condescendentemente: desactivador da crítica e disposicións do procomún. Un devir mortuorio.

Sen artistas e colectivos que coas súas investigacións e obras animen e provoquen que nos mergullemos no real, sen as situacións que constrúen a través das cales poidamos xerar reflexión e sentido crítico, sen os procesos compartidos que provocan que activemos o interior que se nos escapa e así articulalo cos demais, estaremos, se cabe, aínda máis sós a expensas do poder.

Javier Martín no espectáculo de danza «Control».

Das ataduras do capital simbólico e da intimidade normalizadora do poder

«A Cidade da Cultura non pode nin debe dedicarse á Cultura»: Unha lousa de máis de 500 millóns de € que anula toda posibilidade dunha política cultural en Galicia. (La cultura como reserva india. Treinta y seis años de políticas culturales en Galicia, Jorge Linheira).

A realidade é que ata a data a terceira parte do orzamento da Consellería de Cultura (e agora Turismo) para as accións de promoción cultural é destinada á Cidade da Cultura, entre outros fondos. Tanto a inefable Agadic e as parcas políticas culturais de Apoio á Creación ou á Distribución coma o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), xa sen padroado, ou a mutilada Rede Galega de Teatros e Auditorios, as Unidades de Produción CDG (Centro Dramático Galego) e CCG (Centro Coreográfico Galego) en gradual desmantelamento, as abandonadas asociacións sectoriais, os distintos festivais de artes escénicas, cine e música, en cronificada competición por axudas exiguas, e un largo etcétera –no que se inclúen institucións coma o Museo do Pobo Galego, están a ser drenadas ata a inanición polo burato negro que é o Gaiás, a súa débeda e a fútil actividade que se desenvolve nel dende a súa opaca Fundación Cidade da Cultura de Galicia. A vida é irreversible, o tempo pasa, a destrución é moita: hai liñas vermellas. Límites que impiden a apropiación do recinto e a súa actividade polo contexto galego, xa que a situación está no camiño de resultar nun cambio de paradigma cultural «catastrófico» (como se define na Ciencia no estudo dos sistemas). Unha lousa orzamentaria que anula a posibilidade de xerar calquera tipo de políticas culturais para as forzas vivas galegas.

Situación extrema da que se hai que facer cargo dende a cidadanía e desarticular urxentemente esta deriva necroinstitucional. Fraco favor estaremos a facerlle á Cultura, aquí en Galicia, se sumamos os nosos afectos, individuais e colectivos, a un continente que drena de recursos, estrutura e actividade ás xa de por si exiguas políticas culturais do contexto do xeral, a nós. Non nos podemos deixar contaxiar pola inercia actualmente psicopática dos organismos no poder. Non pode ser que co noso traballo e asistencia ao Gaiás, lexitimemos esta deriva mortuoria. Non poden seguir pasando os anos e se continúe sepultando tal parte do noso orzamento cultural autonómico neste despropósito centralista. Non é ético que axentes culturais galegos e cidadanía lexitime tal barbarie, nun devir inxenuo, acrítico, inercial, disparatado: sen toma de terra ou perspectiva. Unha contradición inasumible que, por repetida, xa resulta en cinismo ético.

Se nada cambia, estamos ás portas dunha nova volta do proxecto político-relixioso Xacobeo 2021 como liña centralizadora da política cultural autonómica, unha arquitectura sistémica coa que se da pasos de xigante no solapamento da Cultura e do turismo

Participar na Cidade da Cultura en calquera dos seus ámbitos; como xestora, funcionario, artista, promotora, traballador subcontratado ou colaboradora, espectador, asistente a unha reunión incluso, etcétera; significa, sen ningún xénero de dúbidas, soster en maior ou menor medida a deriva e articulación desta forma do perverso en acto. Xeramos a súa posibilidade de ser e continuar. Por facer un tropo, a coñecida filósofa Marina Garcés fala de «turismo extractivo», e corresponsabiliza as persoas do modo en que se relacionan co territorio e das consecuencias que iso ten. Pois aquí sucede o mesmo, o descoñecemento non purga das consecuencias da participación: seguindo a Garcés, como chamamos o que se está a desenvolver?: «Arte extractiva». E o que se extrae son recursos materiais e simbólicos en aras dunha orde allea á vida. Un uso que supón asumir un agravio tal que, ao pasar por riba del, entérranos como comunidade máis profundamente. É perder. A clase cultural repetindo a súa diferenza para non desaparecer, no caso dos roles da Arte. Rendendo homenaxe ás urxencias tantas veces inmorais da supervivencia, do ego, do interese particular ou da chantaxe económica por parte da Institución: un ser sen liberdade. Todas sabemos que a cultura real está sucedendo permanentemente fóra do Gaiás, «os pobos seguen construíndo os seus mundos outros, moi lentamente, a contracorrente, na escuridade da vida cotiá, lonxe, moi lonxe das campañas que malgastan recursos e discursos». Raúl Zibechi.

Imaxe do espectáculo «Soma».

Coa nosa participación tácita, inmadura ou interesada, non deixamos de activar tal modelo económico-social e axudar a que permaneza hexemónico, único e autista. Anulando un horizonte de convivencia complexo. A situación do Gaiás é especialmente paradigmática da «guerra cultural» que estamos a vivir, máis esencial ca guerra política, e que, insisto, xestiona e coreografía vida e afectos. Hai que porse en alerta porque, se nada cambia, estamos ás portas dunha nova volta do proxecto político-relixioso Xacobeo 2021 como liña centralizadora da política cultural autonómica, unha arquitectura sistémica coa que se dá pasos de xigante no solapamento da Cultura e do turismo, unha das grandes distopías da contemporaneidade, aquí trufado de mentiras de fe para beneficio duns poucos. Un xubileo do acontecer, un mito do capital que trafica coas ansias e expectativas do común, coa súa melancolía, inoculando a ficción da suposta necesidade de vender Galicia como vía necesaria para a nosa supervivencia. Tal é o modo en que imaxinan e ordenan o territorio: a crédito. Decía Hannah Arendt que «o mal nunca é consciente e radical», aquí en Galicia a ignorancia institucional xa resulta catastrófica.

María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia: «recursos hay lo que pasa es que están mal repartidos». E tanto.

«Obstinato».

«A semente, ao desenrolar a planta, pronuncia o seu xuízo». Hegel.

Folga ética e troula práctica. Un estar fóra da escala afectiva, nun esquema representacional sen toma de terra: unha acción política disfórica e uns orzamentos do sinistro son a constatación do seu rostro.

Subtraerse é o nesgo esencial de seu. Ocúltase no interior, abismándose dentro: unha colectividade derrotada, disposta, con tal de sobrelevar o baleiro, a idolatrar calquera burbulla susceptible de se inchar ameazando estoupar en todo momento. E despois que?

Atopámonos perante unha apnea do acontecer propia dos estadios terminais, nos labirintos dunha sociedade o suficientemente morta de aburrimento como para gastar en celebracións, de todo tipo e a calquera prezo, a pouca enerxía moral que lle queda: unhas festas da decadencia ao abeiro dunha destrución cultural sen precedentes.

Afastados os cidadáns do coñecemento das actividades dos que exercen verdadeiramente o poder, debido a unha suposta sobreinformación e á fatiga que provoca, resultamos nunha democracia de baixa intensidade que non busca a participación e que parece non percibir a carencia dunha Cultura que sosteña as formas da alteridade.

«O peso do Xacobeo nos Orzamentos da Xunta para 2020 provocan un duplo fenómeno. Por unha banda, e segundo aseguran os responsables das políticas culturais autonómicas, vai reforzar os fondos económicos para as desenvolver. Pola outra, resulta moi difícil medir exactamente o xeito no que se vai dar ese apoio e mesmo os ámbitos nos que se vai aplicar. Como resultado, a Xunta desenvolverá no vindeiro ano unhas contas nas que a fusión entre Cultura, Turismo e Xacobeo racha fronteiras entre ámbitos e departamentos», «As contas da Cultura (IV): A fin dos límites». A golpe de débeda.

O modo en que se está inflixindo o maior e máis perdurable dano non é a mentira sen descanso, senón a enunciación da verdade dun modo selectivo, en especial, a afirmación dunha serie de verdades a medias coas que as persoas tenden a mostrarse de acordo, sen preocuparse polos modos da súa realidade. Pero o que está a pasar é unha precarización decidida do sector cultural, situada nunha ausencia total, ano tras ano, de apoio público ao contexto, sen políticas participadas que acompañen ás súas relacións, investigacións e proxectos; e nuns importantes recortes nas axudas á investigación artística, produción e a súa articulación ou distribución, diminuídas sistematicamente na última década, inasumibles agora en relación ás novas condicións estatutarias das Unidades de Produción, desarticulando os seus organigramas (direccións, funcións e padroados), afectando tanto as artes escénicas, coma visuais ou plásticas, literarias, etcétera. Por que? Por poder. Por que a Cultura xera o marco ético para a Política.

«Brumario», Vertixe sonora e Javier Martín.

A estratexia da araña: «varios dos proxectos das unidades de produción para o ano que vén desenvolveranse ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021 e estes investimentos non se contabilizan dentro do orzamento da Agadic, senón do de Turismo de Galicia», «As contas da Cultura (I): Gaiás, Agadic e Fundacións». Isto implica unha clara mingua na autonomía dos centros, coa consecuente dependencia da Consellería, unha belixerante turistificación da Cultura e os seus contidos, a continuidade das relacións clientelares ben coñecidas por todas (ademais de sumar empresas intrusas á articulación dos seus proxectos macro, con diñeiro público), e constata, aquí unha vez máis, a negativa a artellar políticas culturais, en prol de proposicións alleas e dirixistas. Unha capitalización política dos bens culturais: perversión en acto.

Expulsemos entre todas este proxecto político que leva dez anos demostrando a súa total falta de afecto pola Cultura, destruíndo sistematicamente o seu contexto e as persoas que o configuran

Coa ousadía de pensar Galicia coma un territorio de aniquilación, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, o director de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo Suárez, Cecilia Pereira Miramón, comisaria do Xacobeo 2021 e conselleira delegada da S.A. do Plan Xacobeo, Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora xerente da Cidade da Cultura, e María Pereira Otero, directora de Acción Cultural da mesma Fundación; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; que non só non representan ou articulan a poboación e os seus comportamentos culturais, por suposto, senón que traballan ás súas costas con manifesta discrecionalidade e aleivosía, sen aceptar a pertinencia da participación do sector e a cidadanía na conceptualización e desenvolvemento de políticas culturais; sen consensuar, consultar ou sequera informar do que andan a facer. Sen intención nin coñecemento demostrado, nesta década negra que levan a gobernar, para artellar políticas culturais, actúan decididamente coma intrusos e usurpadores dos recursos simbólicos, metodolóxicos, económicos e infraestruturas do común. Nunha obtusa fuxida cara adiante están a esquilmar, fragmentar e vender todo o que de estimable queda do noso acervo: nunha apropiación sistemática da Cultura e das súas institucións, nun comportar mortuorio en toda regra. O abismo a chamar polo abismo.

Recordémolo firmemente cando o 5A toque votar, e expulsemos entre todas este proxecto político que leva dez anos demostrando a súa total falta de afecto pola Cultura, destruíndo sistematicamente o seu contexto e as persoas que o configuran. Unha apropiación catastrófica do paradigma da Cultura aquí en Galicia, unha década negra para todas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail