As loitas sociais que naceron en contra das políticas de Feijóo

A menos dun mes das eleccións autonómicas galegas, contabilízanse cantidade de protestas multitudinarias durante os últimos 11 anos do goberno do PP. Destacan a defensa da sanidade pública en contra das privatizacións da Xunta, a loita por unha televisión libre, o idioma e o rural.

 

En 2009 Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta de Galicia, cargo que pretende renovar por cuarta vez consecutiva na próxima cita electoral do 5 de abril. Ao longo dos 11 anos de goberno co Partido Popular (PP), que contou con maioría absoluta para aprobar as súas políticas, responderon colectivos, asociacións e creáronse plataformas de todo tipo para defender os dereitos sociais. Destaca principalmente o ámbito sanitario, polas privatizacións e a carencia de persoal; a defensa por unha televisión libre dos intereses dos populares; a loita pola abolición do decreto de plurilingüismo; a protección do rural galego e a reivindicación do medio ambiente.

O peche de paritorio de Verín significou un antes e un despois para o Executivo autonómico, que acabou desembocando nunha manifestación feminista unitaria no municipio ourensán polo Día das Mulleres. Foi a mobilización social e a defensa por unha sanidade pública o que conseguiu a reapertura do mesmo. As integrantes da Plataforma Sanitaria de Monterrey insistiron con folgas de 24 horas no centro, e tiveron claro dende un principio que a decisión inicial, que non estaba apoiada polos populares ourensáns, acabaría marcando o ano electoral de Feijóo.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Outras protestas estendéronse máis no tempo, xa que as súas consecuencias son diarias e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) non atende ás peticións do persoal sanitario. Atención primaria está sobrecargada de traballo e os centros de saúde saturados. Reclaman un «emprego digno» e estabilidade para poder ofrecer calidade asistencial aos pacientes. Piden que a Xunta os escoite, do mesmo xeito que atendan a falta de pediatras e psicólogas en atención primaria. As contratacións son mínimas tamén para as enfermeiras.

Enfermeiras Eventuais en Loita xurdiu da falta de persoal e da precariedade destas profesionais nos hospitais públicos galegos. Para Miriam Colombo, integrante e tamén presidenta da Asociación de Enfermeiras de Pontevedra (AENPO), as oposicións que ofrece o Sergas non prometen estabilidade, do mesmo xeito que sucede coas demais funcionarias. O persoal remata por abandonar Galicia en busca doutros empregos, xa que os traballadores fixos tamén notan as escasezas, aínda que conten con praza, debido a que non hai profesionais para cubrir as súas baixas. «É a carioca que se morde a cola», engade Colombo. Como consecuencia, a falta de persoal reflíctese nas listas de espera.

En Lugo impulsaron unha plataforma contra as lista de espera no Sergas, cuxos integrantes asesorarán aos doentes do hospital público sobre os procesos de reclamación contra o sistema. Así mesmo, a presidenta sinala os intentos de privatización da Xunta, «é a liña clara». Por exemplo, o servizo das ambulancias pertence a unha empresa externa, do mesmo xeito que o hospital público-privado de Povisa (Vigo), que recibe cada ano diñeiro da Xunta. Colombo conta que agora, de cara ás eleccións, o Sergas está a cambiar mobiliario, «bótase a casa pola xanela para aparentar que todo vai ben, pero sen que alguén che poida atender». Así mesmo, conta: «Non nos deixan nin expresarnos, non deixan que colguemos un cartel nos nosos centros de traballo porque vai en contra do que eles din», explica. «Iso si, nas televisións si transmiten os seus grandes logros no seu tempo de goberno».

Defensa por unha televisión pública libre

Defende a Galega é unha plataforma do persoal da Televisión de Galicia (TVG) e Radio Galega aberta á sociedade, pero «á marxe das organizacións políticas e sindicais». Da mesma forma, os seus obxectivos non son «nin participar en loitas partidistas» nin «reivindicar nin conseguir melloras de tipo laboral», senón que «denunciar o feito en que a precariedade afecta ó servizo que se lle ofrece á audiencia». Nun dos seus manifestos, reflicten a intención de dignificar os medios de comunicación públicos, así como «a implicación da sociedade galega» nesta loita.

Entre as súas reivindicacións, instan ao próximo Executivo autonómico á participación contra «o desmantelamento acelerado de TVG e Radio galega», contra a súa «instrumentalización política e económica» e piden que se respecten os fins democráticos propios do xornalismo. Agora, ante a cita electoral do 5 de abril, esixen a destitución «inmediata» do actual director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o nomeamento doutra persoa conforme a Lei de Medios. Piden darlle ao seu órgano «as máximas atribucións posibles para evitar presións partidistas sobre as traballadoras», libres dos discursos do Goberno da Xunta de Galicia.

Así mesmo, piden o «fin da política de desmantelamento». Postulan que «é inaceptable a situación de precariedade derivada dunha política empresarial que impide substituír aos traballadores de baixa ou de vacacións». Reclaman igualmente, a cobertura informativa das súas protestas, tanto laborais como profesionais «que poida desenvolver o cadro do persoal no futuro, considerando que esa cobertura non fará máis que mellorar a imaxe dos medios públicos galegos e do seu servizo». A plataforma naceu en 2018, e «os venres en negro» pretenden dar visibilidade á súa protesta e defender a comunicación galega libre.

Fai dez anos, a Xunta presentou o «decreto de plurilingüismo» que reduce o ensino en galego a un terzo do total das horas. As consecuencias recóllense na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que volve criticar o modelo do Goberno galego ao consideralo «insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar». Ante as protestas, o PP sempre defendeu a importancia de destinar as mesmas horas do galego que ao castelán ou ao inglés. De feito, no seu anuncio electoral de precampaña, utiliza os tres idiomas.

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, considera que despois de 11 anos de mandato de Feijóo o idioma sufriu unha «involución». Piden para o próximo goberno como primeira medida a abolición do decreto de plurilingüismo. «É a primeira vez que se impide que materias de ciencias se dean en galego», explica. Igualmente, pide que o Goberno da Xunta «poida ampliar competencias».

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), só un 3,97% aprende a falar galego na infancia. No total da comunidade só unha 30,33% fala no idioma sempre e a peor cifra lévaa Pontevedra cun 18,12%. Nos infantes de 5 a 14 anos, o 13,08% desenvólvense mellor en galego e da mocidade un 18,55%. A loita tamén se estendeu ás universidades, e destaca neste ámbito a protesta en Santiago de Compostela contra a universidade privada da Xunta patrocinada por Abanca.

 «O rural non morre, mátano»

En canto á loita polo medio ambiente, a plataforma veciñal Mina Touro-Ou piñeiro NON foi outra vitoria da mobilización en Galicia, encabezando o lema «o rural non morre, mátano». Os seus integrantes estiveron máis de dous anos manifestándose en contra dun proxecto da Xunta que radicaba na reapertura dunha mina para extraer cobre na Coruña. Unha vez conseguido, o goberno negou que os movementos sociais tiveran algo que ver na decisión final.

A defensa pola boa saúde do ecosistema galego esténdese tamén ás manifestacións en contra da lei de residuos de Feijóo, asociacións como Verdegaia ou Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) critican o sistema de xestión de residuos da Xunta. O servizo está privatizado e baséase na incineración dos residuos, de maneira que só un 11% recíclase na comunidade. Se algo sofre Galicia tamén relacionado coa queima son os incendios, unha das épocas onde máis se reflicte os recortes da Xunta, e que Feijóo evitou co adianto electoral.

Así mesmo, outro dos grandes problemas é o despoboamento, e aínda que existe escasa conciencia social, xurdiron nos últimos anos asociacións como Portas Abertas de Vilardevós ou o Centro de DesenvolvementoRural Ou Viso en Ourense, para promover o desenvolvemento de recursos e a habitabilidade das zonas levando a cabo programas de integración e actividades de tipo social e ambiental. Aínda que os alcaldes poidan levar a cabo iniciativas a nivel local, necesitan do Goberno da Xunta para establecer medidas reais.

O impacto na economía

O profesor de economía da Universidade de Santiago, Xabier Vence, conta a Luzes que a estratexia da sustentabilidade, a loita contra o cambio climático e a economía circular, «tomáronse á lixeira tanto por parte das empresas como por parte dos mandatos de Rajoy e Feijóo». Para el, o novo goberno despois do 5A terá que poñer en marcha «accións concretas» para poder «impulsar a economía circular no ámbito privado e público, eco-innovación e aproveitar as oportunidades que ofrece a simbiose industrial, as cadeas curtas de produción-consumo, a agricultura ecolóxica, a reutilización e aproveitamento de todo tipo de recursos, etc.»

O profesor explica que a situación económica que queda en Galicia antes das eleccións é «moi delicada» porque non se aproveitou o «pouco ambiente» de certa recuperación de actividade en España, tanto polo «escaso dinamismo» do sector privado como pola «política de recortes aplicada de maneira miope pola Xunta». En canto aos datos, a comunidade creou moi pouco emprego e diminuíu o número de persoas activas, «situando a taxa de actividade nun 53% (case seis puntos por debaixo da media española)», afirma. Ademais, fai un chisco á lei demográfica da Xunta que achaca o problema á baixa natalidade, e sinala que a causa non é o comportamento reprodutivo (xa que é xeral), senón a «falta de oportunidades laborais e de precariedade no emprego» que termina por lanzar á emigración «a escasa xente nova» de Galicia.

Este artículo publicouse en orixe en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail