Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Ambiental da UDC: «As sociedades máis ricas deben adoptar modelos de redución do crecemento»

A Coruña.- Ricardo García Mira foi un dos primeiros científicos sociais que empezou a falar no ámbito universitario español dos cambios que se aveciñaban como consecuencia do quecemento global, así como da responsabilidade individual e colectiva que o condicionaban. Catedrático de Psicoloxía Social Ambiental da Universidade da Coruña –tamén é, entre outras mencións, catedrático honorario do Institute for Policy Research da Universidade de Bath (Inglaterra) e doutor honoris causa pola Universidade Alexandru Ioan Cuza de Iasi (Romanía)–, foi deputado e portavoz de cambio climático do PSOE no Congreso. Xubílase despois de máis de trinta anos «construíndo pontes», nas súas propias palabras, entre as visións da ciencia, a política, a industria e a sociedade civil en materia ambiental.

Vostede foi un dos primeiros psicólogos que empezaron a estudar a resposta social ao cambio climático, nunha época en que ese tema só parecía interesar ao activismo ecoloxista e non formaba parte das preocupacións do mundo académico da psicoloxía. Que cambiou desde entón? Nos anos 80 en España só había dous focos de interese polas relacións entre o medio ambiente e o comportamento humano, en Madrid e Barcelona. Nós creamos no ano 95 o grupo de investigación Persoa-Ambiente na Universidade da Coruña,  e organizamos a sétima reunión anual de psicoloxía ambiental, na que empezamos a falar de responsabilidade na xestión dos recursos ambientais e do papel que tiña que asumir a industria, en colaboración coa ciencia e cos políticos, para abordar o problema das emisións. Aquela reunión marcou unha liña de investigación que seguimos ata hoxe.

Cales foron os seus principais achados? O principal foi construír pontes entre os investigadores e os políticos, ensinarlles a traballar baixo o enfoque da cocreación de coñecemento, que non debe vir só dos laboratorios. É necesario integrar as visións da ciencia, as administracións públicas, a industria e as organizacións da sociedade civil. Ese cuarteto debe xerar conxuntamente coñecemento en materia ambiental.

Ata entón, iso non se facía? Non, todo se movía en ámbitos diferenciados. Non existían pontes entre a ciencia, a política, a industria e as organizacións civís. Que por certo, agora xogan un papel crave na transición enerxética. Por exemplo no que se refire ao control cidadán do prezo da enerxía, de como reducir a pobreza enerxética, de que non podemos deixar iso en mans da industria, nin dos políticos soamente… Está a pasar aquí, en Galicia, onde a Xunta dá axudas millonarias á industria das renovables sen que ese investimento reverta en beneficios para a sociedade en forma de redución do prezo da electricidade. Hai pouco asistín a un simposio sobre comunidades enerxéticas organizado pola Xunta e leveime a sorpresa de que na mesa só estaban representantes da industria e da Administración. Non debería funcionar así.

«Na a creación de coñecemento sobre medio ambiente é necesario integrar as visións da ciencia, as administracións públicas, a industria e as organizacións da sociedade civil»

Como se consegue que esa creación conxunta de coñecemento en materia ambiental chegue á economía real? ​Nós traballamos con economistas e modeladores de intelixencia artificial para analizar os aspectos microeconómicos do cambio de comportamento colectivo diante as políticas de redución de emisións, pero tamén nos aspectos macroeconómicos, de negocio e de crecemento. Trátase de decidir entre aplicar políticas respectuosas co medio ambiente na fabricación de produtos máis sostibles, ou ben reducir o consumo porque non é necesario crecer máis.

Vostede prefire ese último enfoque? A min gústame o enfoque de promover o crecemento naquelas comunidades que non teñen satisfeitas as súas necesidades básicas. E falo de crecemento sostible, claro.

É dicir, que hai comunidades é que non deberían seguir crecendo por crecer. Refírese a occidente? Refírome ás sociedades máis ricas, que deben adoptar modelos de redución do crecemento. O crecemento dunha comunidade debe ser acorde ás súas necesidades, sen que se promova tanto o consumo que acabe saturando as súas posibilidades.

Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social Ambiental da Universidade da Coruña / M. G.

As novas xeracións teñen unha conciencia ecolóxica moi superior á das súas predecesoras, pero á vez, están sometidas a unha presión consumista moito maior. Si, é así. Descoñecen o impacto dese consumo desmedido que conduce, por exemplo, a cambiar de teléfono cada dous por tres. É verdade que as xeracións novas teñen unha maior conciencia ecolóxica, aínda que, en realidade, agora toda a sociedade está máis concienciada. Pero hai unha grave inconsistencia, porque esa actitude favorable cara ao medio ambiente tradúcese logo nun comportamento real contrario a el. Esa interferencia está provocada polo modelo económico que sostén ao sistema, o modelo capitalista, baseado no consumo, no crecemento sen límite e, por tanto, na produción tamén sen límite. Insisto no que dicía antes: a UE adoptou a solución de aplicar máis sustentabilidade na produción, pero os ecoloxistas e os científicos que traballamos neste campo somos máis partidarios de reducir o consumo. Son dúas formulacións moi diferentes.

Como explicarlle iso a un mozo ou a unha moza que están afeitos a que a súa tenda de Bershka cambie de escaparate vinte veces ao ano, e a que o repartidor de Amazon vaia á súa casa dúas ou tres veces á semana? É difícil. Hoxe todos os valores que criamos máis ou menos instalados están a poñerse en cuestión. O negacionismo do cambio climático está a ser tan alarmante que pon en perigo a transmisión deses valores mesmo a través do sistema educativo. Moitos profesores e profesoras non saben como reaccionar adecuadamente diante as actitudes negacionistas que expoñen os seus alumnos. Fai falta que as administracións lles proporcionen protocolos e códigos. Igual que nas redes sociais adolescentes, onde o Cara ao sol soa xa de maneira incomprensiblemente habitual, os valores sobre o coidado do medio ambiente tamén se están relativizando a través desas canles.

«Alármame ver como case todos os líderes europeos sentan ao redor de Trump para dicirlle: «Si, meu amo». Resulta impactante. Deberiamos defender os valores da responsabilidade ecolóxica en todos os sistemas de gobernanza»

Como influíu en todo iso o auxe da ultradereita e de gobernantes como Bolsonaro, Milei, Trump, etcétera, que deron lexitimidade institucional aos discursos que cuestionan os valores ambientais? O que me alarma é ver como case todos os líderes europeos sentan ao redor de Trump para dicirlle: «Si, meu amo». Resulta impactante. Deberiamos defender os valores da responsabilidade ecolóxica en todos os sistemas de gobernanza. E a todos os niveis. Que os científicos, a sociedade civil, os políticos e a industria traballen baixo eses parámetros de cocreación de coñecemento. O último proxecto que concretamos desde o laboratorio de psicoloxía social da Universidade da Coruña, e que implica a trece rexións europeas, expón ese esquema, entre outras cousas, para tratar sobre os impactos da transición enerxética, especialmente a destrución de emprego derivada da dixitalización. Saír da economía dos combustibles fósiles significa formar aos traballadores nas novas habilidades que require a dixitalización na produción e o manexo das enerxías renovables. Hai urxencia por abordar iso con responsabilidade. A UE está a destinar fondos para formar traballadores nesas novas competencias dixitais pero ao mesmo tempo aplica políticas que alongan a vida da economía do carbón. É unha xestión pouco responsable da transición enerxética. Ese lema do Leave non one behind [Non deixar a ninguén atrás] da Axenda 2030 é imposible de cumprir se non hai un maior consenso.

Vostede foi político. Cando estaba no Congreso, puido intuír o camiño polo que, nese sentido, transita España? O que puiden ver foron as dificultades polas contradicións que xurdían, por exemplo, entre a necesidade de apoiar aos traballadores da economía do carbón, sobre todo en zonas como Asturias e León e tamén en Galicia, mentres en Bruxelas se asinaban os acordos de redución de emisións e o peche de centrais térmicas.

«A sociedade está máis concienciada sobre o medio ambiente, pero hai unha grave inconsistencia porque esa actitude favorable tradúcese nun comportamento real contrario a el»

Como a das Pontes de García Rodríguez, a menos de 70 quilómetros de onde estamos agora, na Coruña. Chegou a ser a máis contaminante de España e unha das que máis CO2 emitían en toda Europa. A transición das Pontes tivo un impacto psicolóxico moi profundo. Era un lugar de referencia, cunha media de retribucións moi alto, e o peche da mina e da central provocou un baixón do nivel adquisitivo e de vida de moitas familias, o peche de pequenos negocios… E na toma de decisións non se tivo en conta a todas as persoas e colectivos afectados, especialmente aos pequenos empresarios, que podían achegar ideas e que deberían ters sido integrados nela.

Non lle pregunto pola súa posición persoal, pero desde o punto de vista da psicoloxía social, como valora a resposta cidadá en Galicia ao proxecto da planta de celulosa de Altri? É moito maior que a que reflicten os medios de comunicación, que están condicionados por quen os financia. A contestación social é enorme e é lóxico que o sexa porque se trata dun proxecto que adoece de transparencia. Moitas institucións e organizacións, por exemplo a Sociedade Galega de Historia Natural, informaron sobre os presumibles impactos negativos que tería a fábrica, e aínda que iso tería que ser máis que suficiente para que se revisase todo o proxecto, non se está tendo en conta, como tampouco ese nivel tan alto de resposta cidadá. Cando, precisamente, son ese tipo de macroproxectos, que poden ter un impacto enorme sobre os ecosistemas, a saúde, a economía local, etcétera, os que deberían contar con máis consenso social. Sobre a miña posición persoal, non teño inconveniente en dicir que é moi crítica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail