Cariño, gobernado polo PP, retira o nome de Manuel Fraga a unha rúa

A Coruña– O pleno do Concello de Cariño, na comarca de Ortegal, aprobou no pleno pasado xoves unha moción do BNG para retirar o nome do exministro franquista, fundador do PP e expresidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne a unha rúa da vila. O municipio, de 3.700 habitantes, está gobernado por Ana María López Fernández, do Partido Popular.

O PP conta con cinco dos once escanos do pleno de Cariño, por tres do BNG e outros tres do PSOE. A moción saíu adiante cos seis votos a favor de socialistas e nacionalistas e catro abstencións dos populares. Unha das edís do PP non asistiu á reunión.

A alcaldesa explicou a Luzes-Público que o seu grupo decidiu absterse e non opoñerse á retirada do nome do fundador do seu partido «para evitar calquera tipo de conflito social» na vila e «que se deixe de falar do tema». «Xa dixemos en varias ocasións que nos parece inxusto que se apliquen á figura de Fraga os argumentos da lei de memoria democrática», explica Fernández. «Seguimos pensando o mesmo, pero gobernamos en minoría, ían aprobalo si ou si, e decidimos que a abstención era o máis axeitado», engade.

A proposta do cambio de nomenclatura é froito dunha iniciativa dos colectivos de presas e presos políticos da ditadura vinculados ás asociacións memorialistas. En 2019 xa conseguiron que o Concello de Ferrol retirase a Fraga o título de fillo adoptivo da cidade, e que o da Coruña iniciase os trámites para proceder de igual maneira coa mesma mención, trámites que o concello coruñés, baixo goberno do PSOE desde ese mesmo ano, non concluíu varios anos despois. En ambas as ocasións, o PP si votou en contra.

Colexio Manuel Fraga

A moción de Cariño inclúe tamén o compromiso do Concello de informar da decisión do pleno ao centro de educación infantil e primaria da localidade, que tamén leva o nome de Manuel Fraga, para que o seu consello escolar valore retiralo. Tamén insta a cambiar a nomenclatura doutra rúa da vila, a avenida Prudencio Landín Carrasco, que homenaxea ao exmilitar franquista que foi alcalde de Pontevedra durante a ditadura e gobernador civil desa provincia e das de Guadalaxara, Córdoba e A Coruña.

Manuel Fraga, falecido en 2012, foi unha das personalidades máis relevantes da política española durante a ditadura, a transición e a democracia. Durante o franquismo foi ministro de Información e Turismo, embaixador no Reino Unido e vicepresidente do Goberno e ministro de Gobernación, etapa durante a que asinou tres sentencias de morte: a de Julián Grimau e as dos prisioneiros anarquistas Joaquín Delgado e Francisco Granados.

En 1976, un ano despois da morte do tirano, fundou Alianza Popular, para refundarla en 1989 como Partido Popular. En 1989 abandonou a política estatal para presentarse ás eleccións á presidencia da Xunta de Galicia, que gañou. Gobernou a Administración autonómica durante 15 anos nos que obtivo catro maiorías absolutas consecutivas, que perdeu en 2005 fronte ao PSOE e o BNG.

Luzes-Público dirixiuse á dirección do PP de Galicia para obter unha valoración sobre o sentido do voto dos seus edís en Cariño e para saber se a formación que preside Alfonso Rueda se vai abster a partir de agora diante de iniciativas similares –o nome de Manuel Fraga figura en decenas de rúas e edificios institucionais de Galicia, e o exministro foi homenaxeado con distintos títulos de moitos concellos–. Á hora na que se terminou de escribir este artigo, o PP non ofrecera resposta.

A Avenida de Manuel Fraga Iribarne é unha das principais rúas de Cariño, con preto de medio quilómetro de lonxitude. Nace ao final da Avenida da Constitución, no centro da vila, circula en varios tramos en paralelo á avenida da Paz e penetra na área portuaria para morrer no mar, ao final do espigón.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail