Rúas, prazas, monumentos, retratos e distincións seguen honrando a memoria de quen axudou a Franco a tecer e consolidar a rede que o levou ao poder
A Coruña.- A rede corrupta que Franco teceu ao redor do pazo de Meirás orixinouse e desenvolveu na Coruña, a cidade onde o ditador solicitou o sostén financeiro para gañar a guerra e que hoxe segue homenaxeando mediante símbolos e honras aos membros daquelas elites que apoiaron e deron cobertura ao golpe do 36, á sanguenta represión que o sucedeu e aos corenta anos de tiranía aos que conduciu.
Os nomes do rueiro, xunto a monólitos, placas, bustos, medallas, títulos e retratos nas salas nobres das institucións oficiais, seguen distinguindo a militares golpistas como Severiano Martínez Anido, a destacados falanxistas como Enrique Salgado Torres, a pezas crave do armazón político da ditadura como os alcaldes Sergio Peñamaría e Alfonso Molina, e a empresarios enriquecidos polos favores prestados á ditadura como Pedro Barrié de la Maza.
Segundo o sociólogo Manuel Monge, experto en simboloxía franquista e presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña entre o 2003 e o 2007, aínda quedan 108 exemplos desas honras nas dependencias, instalacións e lugares públicos dependentes do Concello e outros 37 nos da Deputación Provincial. «Se non somos a primeira, debemos ser a segunda cidade de España con máis símbolos franquistas», asegura.
Nunha das salas de protocolo do Concello, fronte ao salón de plenos e onde se ofician as vodas civís e as recepcións oficiais, figuran os retratos do ditador Miguel Primo de Rivera; do seu ministro de Facenda e ideólogo da intervención militar José Calvo Sotelo; de Severiano Martínez Anido, ministro de Gobernación de Franco durante a guerra e gobernador civil de Barcelona durante os episodios máis duros da represión; e do xeneral de brigada Mario Muslera, un dos instigadores do levantamento contra a República.
«En Galicia hai aínda unha enorme tolerancia e contemporización coa simboloxía franquista», explica Fernando Souto, presidente da CRMH da Coruña. A asociación convocou unha marcha de protesta por toda a cidade que percorrerá o próximo 12 de marzo as rúas e lugares máis destacados do franquismo para esixir a súa retirada en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
O Concello da Coruña, gobernado pola socialista Inés Rey, encargou hai máis de dous anos un informe sobre os restos da simboloxía franquista na cidade que concluíu que o Concello debía retirar as homenaxes, distincións e nomes do rueiro a catorce persoas vinculadas ao golpe militar, á represión e ao franquismo.
O documento, elaborado polos historiadores Ana Romero, Luís Lamela e Segundo Saavedra, non foi feito público ata novembro pasado. Ao mes seguinte, cos votos de todos os grupos salvo o PP, o pleno aprobou unha moción que instaba o Goberno local a divulgar o contido do informe.
Con todo, o PSOE abstívose este xoves na votación dunha moción do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Marea Atlántica e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo, de Unidas Podemos, que pretendía dar apoio á marcha convocada pola CRMH. Cos votos en contra do PP e a abstención socialista, a proposta non saíu adiante.
Fuentes próximas á Alcaldía da Coruña restaron valor ás críticas da oposición e lembraron que a corporación municipal ten impulsado medidas para cumprir coa Lei de Memoria Histórica e para recuperar bens expoliados por Franco en colaboración coas elites da ditadura.
«Este Goberno municipal compareceu na causa do pazo de Meirás, este Goberno municipal iniciou o procedemento para que sexa declarada BIC a Casa Cornide, e está a traballar na demanda xudicial para tratar de conseguir que esa propiedade acabe en mans públicas», sosteñen. E engaden: «Este Goberno, que recibiu a solicitude doutro municipio para poñer alí nun lugar público unha estatua de Millán Astray retirada no seu día das rúas da Coruña, negouse a tal cousa. O que fará o Concello é aplicar a Lei de Memoria , aprobada por un Goberno socialista, nos termos precisos que estableza».
Os catorce franquistas aos que A Coruña aínda rende homenaxe
O informe encargado polo Concello da Coruña considera que manter as distincións, honras, monumentos e rúas dedicadas a catorce figuras do franquismo vulnerar os preceptos da Lei de Memoria Histórica.
José Calvo Sotelo, «cuxo pensamento foi base fundamental para a configuración ideolóxica da ditadura» e cuxas homenaxes na Coruña -a rúa e a avenida que levan o seu nome- están baseados na «exaltación da sublevación militar».
Pedro Barrié de la Maza. Os historiadores consideran que, polo seu «papel destacado no apoio aos sublevados e na represión dos traballadores da entidade que presidía» -o Banco Pastor, á súa vez propietario de Unión Fenosa-, debe substituírse a denomación da avenida que leva o seu nome, retirárselle o título de fillo de predilecto e descolgar o retrato do pintor Rogelio Puente que o homenaxea na planta nobre do Concello.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte, avogado e membro do grupo fundacional da Falanxe. «Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares (…) na represión física do franquismo durante os anos de actividade antifranquista, argumentando e redactando sentenzas para que as asinasen os demais membros do tribunal. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren as honras concedidas no seu día»: unha rúa, a Medalla de Ouro da cidade, un retrato na Casa do concello e un busto sobre un monólito nos xardíns contiguos ao Concello.
Alfonso Molina Brandao, alcalde da cidade entre 1947 e 1958 e «colaborador activo na represión» franquista, segundo o documento, e quen, por esa razon, non merece o título de Fillo Predilecto da Cidade, nin a súa Medalla de Ouro, nin que un retrato e un monólito o homenaxéen no Concello e no centro da cidade, nin que a principal avenida de entrada á Coruña leve o seu nome.
Sergio Peñamaría de Llano, avogado, militar e alcalde da cidade e procurador en Cortes desde 1959 a 1963. Segundo o informe solicitado polo Concello da Coruña, a súa participación na guerra e na represión física da poboación desde a Fiscalía contraveñen os preceptos da Lei de Memoria e obrigan a renombrar a súa rúa e a retirar o retrato que o enxalza na galería de alcaldes da sede municipal en María Pita.
José Pérez Ardá e López Valdivieso, militar que participou activamente «na represión física dos republicanos» e que conta con rúa, monólito e retrato no Concello.
José Fariña Ferreño, cuxa «participación (…) activa na represión de concidadáns a través dos servizos da DIDREM [a Delegación Especial para a Información de Residentes en Territorio Liberado, encargada da represión franquista durante os anos da guerra] son motivo suficiente», a xuízo dos historiadores, para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica e se elimine o seu nome dunha rúa do barrio de Vos Castros, así como as medallas de Prata e de Ouro concedidas no seu día polas autoridades locais.
Enrique Salgado Torres, tenente do Corpo de Seguridade e capitán de Infantería. Participou «na represión laboral dos profesionais de ensino» por parte da Falanxe «e non merece seguir ostentando as honras que lle outorgou o Concello»: unha avenida, un aparcamento público e a Medalla de Ouro da cidade.
Eduardo Ozores Arraiz, capitán do exército de Franco que «participou activamente na sublevación, na Guerra Civil e na represión e que se alzou en amas contra a República». Hai un retrato del na casa do concello e unha praza que leva o seu nome.
Diego Delicado Marañón, que desempeñou diversos cargos no réxime franquista «en continuo apoio aos sublevados» e a quen debería retirárselle as honras que lle distinguen cunha rúa, un retrato no Concello e o título de fillo adoptivo da cidade.
Ambrosio Feijóo Pardiñas, xeneral no retiro que exerceu de xuíz instrutor en varios consellos de guerra que condenaron á morte ou a longas penas de prisión a militares leais á República. Unha rúa no centro da cidade aínda conserva o seu nome coma se merecese honra algunha.
Benito Blanco Rajoy, decano do colexio de Avogados da Coruña, posto desde o que executou «a depuración dos seus compañeiros de profesión» e que conta cunha rúa no centro da cidade.
Fernando Álvarez de Sotomayor, pintor amigo de Franco e director do Museo do Prado, distinguido como fillo adoptivo da cidade en 1945 e cuxo retrato está na galería de alcaldes da casa do concello. Os historiadores cren que pola súa «contribución ao triunfo dos militares sublevados», tales honras deben serlle retiradas.
Antonio Ponte Anido, militar activista do franquismo que participou na guerra civil e que combateu a favor da Alemaña de Hitler na División Azul. Aínda que os historiadores recoñecen que non se coñecen «actividades represivas» vinculadas directamente con el, cren que a pervivencia do seu nome no rueiro vulnera os preceptos da Lei de Memoria que prohiben as pervivencia de símbolos de exaltación do franquismo.
Presos políticos denuncian na Fiscalía ao Ministerio de Defensa
Doutra banda, o Colectivo de Presas e Presos Políticos de Ferrol durante a ditadura franquista presentou o pasado xoves na Fiscalía unha denuncia contra os responsables do Ministerio de Defensa aos que acusa de incumprir a Lei de Memoria Histórica por negarse de forma reiterada «a retirar a simboloxía franquista» das instalacións e dependencias tuteladas na cidade por ese departamento que dirixe Margarita Robles. Os autores da demanda cren que a actuación do Ministerio podería ser constitutiva de delito.
Hai un ano, o colectivo dirixiuse á ministra de Defensa para interesarse pola retirada dos 23 «símbolos franquistas» que homenaxean a persoas vinculadas coa represión, a ditadura e o golpe militar. O Ministerio limitouse a contestarlles que non lle consta «que existan actuacións pendentes respecto diso».
A denuncia está asinada polo sindicalista Rafael Pillado, o ex secretario xeral de CCOO Ignacio Fernández Toxo, a militante comunista Fina Varela, o ex deputado no Congreso polo BNG e ex líder da UPG Francisco Rodríguez, o ex presidente da CRMH da Coruña Manuel Monge e por outros dez presos represaliados polo franquismo: Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández e Ricardo Aneiros Sixto.