SOS Sanidade advirte de que o sistema colapsou despois de que o PP reducise un 20% o orzamento dos centros de saúde desde que chegou ao Goberno da Xunta no 2009
A Coruña.- A asociacións que defenden a sanidade pública en Galicia preparan unha iniciativa lexislativa popular para recuperar os investimentos en atención primaria e recuperar un sistema que, segundo aseguran, esnaquizaron as políticas de recortes e privatizacións da Xunta de Alberto Núñez Feijóo.
As organizacións, agrupadas ao redor da plataforma SOS Sanidade, iniciarán a próxima semana unha campaña de recollida de sianturas para obter as 15.000 que fan falta para presentar a proposta no Parlamento de Galicia. Alí tramitarase como proposición de lei e será defendida diante do pleno da cámara polos seus promotores.
«As medidas dos últimos anos estaban destinadas a afundir a atención primaria, e a covid foi demoledora, acelerou o proceso e deixounos unha situación terrible, coa poboación sentíndose desamparada e os profesionais, nun ambiente de frustración e desesperación», asegura Manuel Martín, portavoz da plataforma e presidente da Federación de Asociacións de Defensa da Sanidade Pública (Fadsp).
Desde que Feijóo é presidente, a Xunta recortou o investimento en atención primaria nun 20%, desde os 1.717 millóns do 2009 -os 1.437 millóns dese ano representarían esa cantidade hoxe, actualizada en euros correntes co incremento do índice de prezos ao consumo- aos 1.389 dos orzamentos para o 2022. Unha desinversión que mesmo se mantivo durante a epidemia de covid, xa que para o 2021 se destinaron á atención primaria 1.391 millóns, dous máis que este ano.
Os recortes motivaron o peche de centros, a eliminación de consultas e a implantación da consulta telefónica como modo habitual de relación do paciente co seu médico de cabeceira, sen que iso supuxese un recorte nos tempos de espera. Segundo unha información publicada leste mesmo xoves por La Voz de Galicia, as citas demóranse días e ata semanas nas grandes cidades, nas urbes medianas e nas vilas pequenas, desde os oito días de espera para ser atendido un centro de saúde de Santiago aos once dun da Coruña e os dezaseis dun de Foz (Lugo).
Feijóo e o seu conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceron o colapso do sistema, e aínda que responsabilizan en parte ao covid, o presidente da Xunta advertiu que a atención primaria «seguirá saturada» cando pase a pandemia. Feijóo culpa ao Goberno central por non convocar máis prazas de médicos internos e residentes (MIR) e mesmo aos propios sanitarios, que na súa versión non quererían traballar para o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Non lle falta razón, porque a fuga de galenos galegos ao estranxeiro e a outras zonas do Estado é constante desde o 2009.
O que Feijóo non di é que lles ofrece salarios 350 euros ao mes máis baixos que hai doce anos, e en bo número de casos con contratos por meses, semanas e mesmo días, facendo gardas e cubrindo varios centros de saúde a decenas de quilómetros uns doutros. Os que se quedaron tamén reduciron o seu número: había 2.523 no 2009, e hoxe son 2.519.
«Feijóo cometeu multitude de erros, durante a pandemia pero tamén antes dela. E o responsable é el, as competencias en materia de sanidade correspóndenlle á Xunta», afirma José María Dios Diz, médico en atención primaria en Outes e portavoz de SOS Sanidade na área sanitaria de Compostela.
Dios, que asegura que atende a corenta pacientes diarios, denuncia que a Xunta ten desde hai máis dun ano «metidas nun caixón» as conclusións do informe de recomendacións e medidas destinadas á mellorar a atención primaria que elaboraron as quince comisións de estudo nas que a que a Xunta dividiu ao Consello Galego de Saúde, o seu organismo asesor en materia de sanidade.
Esas conclusións son o fundamento da iniciativa lexislativa popular que SOS Sanidade quere levar ao Parlamento, e que inclúe medidas como cumprir coa recomendación da Organización Mundial da Saúde para incrementar o investimento en atención primaria ata o 25% do total excluíndo o gasto farmacéutico; recuperar os persoais recortados nos últimos doce anos, reabrir os centros pechados e convocar as prazas vacantes; acabar coa precariedade dos profesionais e coas listas de espera que sofren os pacientes; eliminar as respostas telefónicas robotizadas e garantir o dereito ás consultas presenciais, entre outras.
«Sabemos que o PP, que ten a maioría absoluta no Parlamento, non a vai a aprobar porque non lles interesa este modelo, que non busca outra cousa que a eficiencia na atención primaria», resume José María Dios. Manuel Martín tamén insiste en que, máis aló das súas posibilidades de converterse en lei, a proposta tamén pretende mobilizar á sociedade galega ao redor da defensa da sanidade pública «e recuperar a relación entre profesionais e ciudadanos». “A xente debe saber que se nun centro de saúde non os atenden non é pola desidia de quen traballan nel, senón polo que está a facer a Administración. Queremos transformar o enfrentamento en alianza», conclúe.
Os sindicatos e partidos da oposición, que forman parte da plataforma, prestáronse a apoiar a iniciativa. “Feijóo ten que escoitar o clamor social nas rúas reclamando unha sanidade pública, universal e gratuíta”, asegura Montserrat Prado, portavoz de Sanidade do Bloque Nacionalista Gallego, en referencia ás miles de persoas que se manifestaron en novembro pasado en Santiago contra o modelo de atención primaria da Xunta.
O portavoz do PSOE, Julio Torrado, considerou necesario reorientar ese modelo e celebrou que a iniciativa de SOS Sanidade vaia a permitir que o debate sobre a atención primaria «saia dos foros institucionais». «Temos que falar do que está a pasar nos hospitais e nos centros de saúde», dixo.