A Coruña.– A Xunta de Galicia declarou 2025 como Ano Castelao en homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a gran figura intelectual, política e histórica do nacionalismo antifascista galego, de cuxa morte se fixeron 75 anos este 7 de xaneiro. O BNG anunciou que presentará unha iniciativa para que o Parlamento autonómico o considere de forma «oficial e legal» o primeiro presidente do país, xa que foi presidente do Consello de Galicia no exilio ata a súa morte en 1950.
Nacido en 1886 en Rianxo (A Coruña) nunha familia mariñeira que emigrou a Arxentina, os seus pais regresaron a Galicia cando era adolescente. Estudou primeiro artes e logo medicina na Universidade de Santiago, nunha etapa na que destacou como ilustrador e caricaturista e empezou a interesarse pola política en defensa da cultura, a lingua e a identidade nacional de Galicia, valores que transmitiu a través dun intenso labor como articulista e editorialista en diarios e revistas rexionais, estatais e estranxeiras.
Cofundador das Irmandades da Fala –a organización que posicionou o nacionalismo sobre as posicións rexionalistas no movemento galeguista da época– e do Partido Galeguista, en 1931 foi elixido deputado en Cortes como candidato independente nas listas da Federación Republicana Galega, e en 1936, nas da Fronte Popular. Foi un dos personaxes máis destacados no deseño do primeiro Estatuto de Galicia, aprobado en plebiscito poucas semanas antes do golpe de estado do 36 e do estalido da guera civil.
A barbarie fascista en ilustracións
Castelao, que describiu a barbarie fascista en dúas series de ilustracións tituladas Galicia mártir e Atila en Galicia, pasou a primeira parte da contenda en Madrid, Valencia e Barcelona. En 1938 exiliouse en Nova York, e en 1940 instalouse en Buenos Aires, desde onde impulsou xunto a outros deputados galegos a creación do Consello de Galicia.
Entre 1946 e 1947 foi ministro do Goberno da República no exilio en París. Durante esas dúas últimas décadas da súa vida compaxinou esa actividade política coa nutrida produción artística e literaria que levaba desenvolvendo desde a súa mocidade como pintor, ilustrador, dramaturgo, ensaísta e novelista.
Tras a súa morte, a Dirección Xeral de Prensa do goberno da ditadura franquista emitiu unha orde con instrucións aos xornais sobre como debían enfocar a súa necrolóxica:
«Tendo falecido en Bos Aires o político republicano e separatista galego Alfonso Rodríguez Castelao, advírtese o seguinte: a noticia da súa morte darase en páxinas interiores e a unha columna. Caso de inserir fotografía, esta non deberá ser de ningún acto político. Eloxiaranse unicamente do falecido as súas características de humorista, literato e caricaturista. Poderase destacar a súa personalidade política, a condición de que se mencione que aquela foi errada e que se espera da misericordia de deus o perdón dos seus pecados. Da súa actividade literaria e artística non se fará mención algunha do libro Sempre en Galiza nin dos álbums de debuxos da guerra civil. Calquera omisión destas instrucións dará lugar ao correspondente expediente».
Referencia icónica e transversal
Co tempo, a figura de Castelao converteuse nunha referencia icónica e transversal da identidade nacional de Galicia, instrumentalizada desde hai décadas mesmo pola dereita herdeira do franquismo, que tardou moi pouco en tomar conciencia do súa poder simbólico entre o electorado galeguista conservador.
En 1984, o Goberno de Xerardo Fernández Albor, da Alianza Popular de Manuel Fraga, presidiu o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Chacarita, en Buenos Aires, ata o Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago. Ese mesmo ano, a Xunta bautizou co seu nome as medallas coas que distingue ás persoas ás que destaca anualmente coa súa máis alta distinción civil.
A pesar da distancia ideolóxica e intelectual, os sucesores populares de Albor, o propio Fraga e máis tarde Alberto Núñez Feijóo, arrimáronse todo o que puideron á sombra de Castelao, a quen o actual presidente do PP definiu hai tres anos como teórico dun «galeguismo amplo, plural, integrador e intelixente», encarnación dos «valores colectivos» de Galicia.
O Goberno de Alfonso Rueda seguiu a mesma estratexia e na súa última reunión, o pasado 27 de decembro, acordou declarar 2025 como Ano Castelao, como «mostra de gratitude do pobo galego» a unha das súas figuras «máis coñecidas e recoñecidas».
A Xunta de Rueda anunciou unha exposición dos seus debuxos que será guiada pola recreación virtual de Castelao; así como diversas accións escolares para difundir o seu legado nos centros educativos e a reedición dunha das súas obras máis emblemáticas, o drama Os vellos non deben namorarse, que escribiu no exilio.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego anunciou unha programación propia de «actos por todo o país baixo o lema ‘Castelao nacionalista’», cos que pretende subliñar «a verdadeira dimensión dunha figura imprescindible da historia» de Galicia, «un referente de honestidade e confianza […] e un defensor» dos seus dereitos como pobo.
No primeiro deses actos, celebrado este martes en Pontevedra, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou unha iniciativa que pretende que o Parlamento de Galicia declare a Castelao primeiro presidente oficial e legal de Galicia, «rememorando que foi este rianxeiro universal quen desde o exilio deseñou e presidiu hai 80 anos o Consello de Galiza, un Goberno para o país con el á fronte en plena ditadura».