Foto da carátula: Fermín Grodira
Hai uns días coñeciamos o resultado do concurso sobre a palabra do ano. O termo elixido para o ano 2023 foi «polarización». Se lembramos as imaxes e noticias que abriron os telexornais nas últimas semanas do ano, non estraña en absoluto tal elección. Manifestacións e altercados ás portas da sede central do PSOE en Madrid, ataques vandálicos ás súas casa do pobo, insultos furibundos e afastados de toda cortesía política ao presidente Pedro Sánchez, cando non episodios de acoso a políticos e parlamentarios socialistas ás portas do Congreso.
E como chegamos ata aquí? Coincídese en sinalar que a polarización política empezou a xestarse como consecuencia da crise de 2009, cando as políticas de contención e austeridade postas en práctica como resposta á crise económica, contribuíron a xerar nos países occidentais unha fonda fractura social e unha forte división política. En España, tivo como correlato a irrupción de Podemos pola marxe esquerda e a reaparición da ultradereita da man de Vox. Ese novo taboleiro político alterou as regras do xogo do chamado réxime do 78, que ata entón mostrara una certa estabilidade ao redor da alternancia dos dous grandes partidos PP e PSOE, co concurso para a gobernabilidade dos entón partidos nacionalistas. Ao tempo, e probablemente como parte do mesmo efecto de descontento e desafección, o nacionalismo político catalán foi radicalizándose ata derivar en postulados abertamente independentistas que acabaron coa crise institucional e política catalá de 2017.
A partires do nomeamento de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno en 2018, o discurso político da dereita e a ultradereita foi radicalizándose, e en certa forma, o bloque esquerda-dereita, ata ese momento máis centrado en cuestións ideolóxicas en sentido estrito, foise convertendo nunha forte alianza de PP e Vox onde predomina o discurso identitario e a defensa dunha idea de España centrada na unidade territorial. Nese proceso, Vox e PP foron achegando posturas ata converterse nun todo indivisible que -por vocación e necesidade-, aparece unida fronte ao resto do espectro político.
Fronte a ese bloque monolítico, aparece o bloque de esquerdas, nacionalismos periféricos e independentistas cataláns. Parte do nacionalismo tamén experimentou un esvaramento ideolóxico forzado pola política de bloques, onde o eixo ideolóxico esquerda-dereita se diluiu a favor do eixo centralismo-nacionalismo. É evidente que parte do nacionalismo conservador vasco e catalán se posiciona no bloque de esquerdas, máis que por compartir visións ideolóxicas, polo seu obrigado posicionamento en contra da visión de España defendida por PP e Vox. É dicir, os eixos tradicionais de competición partidista agora aparecen cruzados: dereita centralista fronte ao resto. Esa sobre presenza do clivaxe territorial domina a esfera política e toda a dinámica parlamentaria na actualidade, dificultando as alianzas e os acordos.
O resultado é un reforzamento da política de bloques que se mostran cada vez máis herméticos e moi pouco permeables ás xeometrías variables, tan necesarias e eficaces en sistemas políticos multipartidistas e sen maiorías absolutas.
Nesta situación, creo que o oportuno é pedirlle aos Magos de Oriente que nos traian un ano 2024 con menos crispación, máis concordia e un manual de instrucións para un mellor entendemento da nosa España plural. Desa necesidade xa falaba o filósofo Francis Bacon no século XVII: «O que non aplique novos remedios debe esperar novos males, porque o tempo é o máximo innovador».