Sánchez recorta distancias ao PP tres anos despois da súa investidura tras a lexislatura máis accidentada

A Coruña.- Pedro Sánchez empezou hai tres anos o seu segundo mandato como presidente do Goberno dunha forma pouco usual e ben movida: despois dunhas eleccións repetidas (2019) que se celebraron tras gañar por primeira vez en democracia unha moción de censura (2018), despois de recuperar o control do PSOE (2017) que perdera un ano antes contra a facción do partido que preferiu dar o poder ao PP (2016) antes que negociar con Unidas Podemos, tras outros comicios repetidos despois de que os anteriores (2015) acabasen co bipartidismo en España. Esa enrevesada trama culminou o 7 de xaneiro de 2020 con Pedro Sánchez investido presidente no primeiro Goberno de coalición desde a Segunda República, coa esquerda á esquerda do PSOE tocando poder e a ultradereita como terceira forza política do país. E aínda que probablemente se pode datar aí o peche dun ciclo político inusual, o que se abriu inmediatamente despois segue sendo igual de inaudito.

Só un día despois de que Pedro Sánchez fose investido presidente, unha muller enferma do que entón aínda se coñecía como pneumonía de Wuhan viaxou desde esa cidade ata Taiwan e converteuse no primeiro caso de covid 19 oficialmente confirmado fóra de China pola Organización Mundial da Saúde. Dous meses despois, o Executivo español tivo que declarar o estado de alarma e confinar aos cidadáns nas súas casas #ante a emerxencia sanitaria máis global que coñeceu nunca a Humanidade.

Pedro Sánchez, a semana pasada na se da UGT co seu secretario xeral, José Álvarez / Foto: La Moncloa

O parón da economía en todo o planeta provocou unha recesión como non se coñecía desde a Segunda Guerra Mundial. O PIB caeu case un 6% na UE. En Alemaña un 4%, en Francia un 6%, en Italia un 9% e en España máis dun 11%. E cando parecía que as medidas sanitarias, as vacinas e a estratexia económica de gasto público empezaban a impulsar a recuperación, Vladimir Putin invadiu Ucraína en febreiro de 2022, desatando a maior escalada bélica en décadas en Occidente. De novo crise, cos prezos da enerxía disparados e arrastrando a inflación a niveis insólitos. Pedro Sánchez goberna desde 2019 grazas aos 120 deputados do PSOE, aos 35 de Unidas Podemos e un resto variable pertencente a formacións nacionalistas e rexionalistas de Catalunya, Euskadi, Galicia e outras comunidades autónomas. As últimas enquisas publicadas por Público dan a maioría absoluta á suma de PP e Vox, mentres os socialistas quedan con 102 actas e UP, con 26. Parecería que Sánchez e o seu Goberno de coalición están desafiuzados, pero o certo é que nos últimos meses intúese unha tendencia que os favorece.

En agosto do ano pasado, co efecto Feijóo aínda recente e a inflación desbocada, o PSOE caía a 94 escanos na enquisa realizada por Key Data para o citado diario. A cifra máis baixa de toda a lexislatura, e que, de consolidarse nas urnas, converteríase no peor resultado da súa historia recente. En setembro e outubro, cando o efecto Feijóo empezou a desinflarse, as sondaxes outorgaban aos socialistas 97 deputados. En novembro eran 101, e en decembro, un máis.

Feijóo, nunha imaxe de arquivo / Foto: PP

A ollos de moitos expertos, as medidas adoptadas polo Executivo de Sánchez nos tres anos que a coalición leva gobernando parecen ser adecuadas para enfrontar a sucesión de crise coas que se topou. A estratexia dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), financiados con diñeiro público durante a emerxencia sanitaria, evitou que miles de empresas pechasen e que decenas de miles de persoas perdesen os seus empregos. A reforma laboral impulsada por Yolanda Díaz fixo caer as cifras do paro a taxas que non se coñecían desde antes do crac financeiro de 2008, e o número de cotizantes á Seguridade Social, aos seus máximos históricos. Ao tempo, a subida progresiva do salario mínimo interprofesional e das pensións atenuaba a perda de capacidade adquisitiva dos traballadores e pensionistas das capas sociais máis desfavorecidas. Está por ver se ese escudo social, do que tamén forman parte as bonificacións á compra de carburantes, o tope ao prezo do gas, a rebaixa do IVE dos alimentos e o cheque de 200 euros para a cesta da compra, entre outras que permitiron manter á boia moitas economías familiares, ten réditos electorais para Sánchez. Porque noutros ámbitos o presidente tamén parece empezar a gañarlle a Feijóo a batalla do relato sobre quen dos dous está máis capacitado para gobernar. O presidente do PP irrompeu no centro da escena política estatal o pasado inverno ofrecendo unha imaxe moderada e conciliadora, pero desde entón mantivo a mesma estratexia radical de descrédito e deslegitimación da figura de Sánchez que utilizou Pablo Casado, o seu antecesor. A iso se une a sombra eterna das fotos que proban que mantivo durante anos unha íntima amizade cun dos narcotraficantes máis coñecidos de Galicia, que non deixan de rebotarse a diario nas redes sociais, e as evidencias de que os seus trece anos na Xunta estiveron marcados polo nepotismo, pola manipulación da televisión pública e dos medios privados mediante millonarias axudas a dedo, polo desprezo cara ao público en materia sanitaria e educativa, e pola estratexia de manter e reforzar as redes clientelares e caciquís tecidas durante anos polo PP no país.

Feijóo e Sáncez, na Monclooa, nunha imaxe de arquivo / Foto: La Moncloa

Erros torpes en público, como dicir nunha conferencia que Orwell escribiu 1984 en 1984, é dicir 34 anos despois da súa morte; descoñecer que Podemos non ten senadores e expresalo así no propio Senado, onde é o presidente do seu grupo, ou ignorar que o teito de gasto exclúe as pensións, tamén sementaron dúbidas sobre a súa formación intelectual e a súa preparación como estadista. A súa fraxilidade interna fronte á presidenta dá a Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, tamén cuestiona a súa capacidade de liderado, e os seus vaivéns e a súa responsabilidade directa en cuestións tan relevantes como a crise institucional derivada do bloqueo do PP á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional, tamén poñen en dúbida a integridade moral do seu discurso. Está preparado e merece gobernar quen nunha situación crítica para o seu país usa a oposición para agravar os problemas no canto de contribuír a resolvelos? As mesmas enquisas de Público que parecen indicar unha incipiente recuperación de Sánchez, apuntan á vez a que ese desmonte da figura de Feijóo empeza a facer efecto sobre o tirón electoral que se lle supoñía: de 136 escanos en agosto a 130 en decembro. Se se celebrasen eleccións agora, segundo as sondaxes de Key Data, o PP perdería 400.000 votos con respecto a agosto. No mesmo período Sánchez gañaría máis de 430.000. Son só seis meses, e as próximas xerais están previstas para dentro de dez.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail