A CIG e o BNG consideran «propaganda» a lexislación auspiciada pola ministra de Traballo e manobran para formar unha «fronte común» con Bildu e ERC no Congreso para lograr a derrogación total da normativa do PP.
A Coruña.- O que o Goberno e a súa vicepresidenta segunda consideran un fito «histórico», a reforma da lexislación laboral que segundo CCOO e UGT situará a España na vangarda progresista da UE e que para o presidente da patronal, dará ao Estado español «estabilidade, seguridade xurídica e unha imaxe impecable» en Bruxelas, non tivo unha acollida demasiado calorosa entre a esquerda nacionalista de Galicia, a terra de Yolanda Díaz. Todo o contrario.
Para o principal partido da oposición galega e para o primeiro sindicato do país, a reforma auspiciada pola vicepresidenta e ministra de Traballo e Economía Social, a que ten a mellor valoración cidadá no Executivo de Pedro Sáncbez, é sinxelamente algo moi lonxe dos cualificativos anteriores: un bluf.
Segundo Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a reforma de Díaz é «decepcionante», «un parche que deixa intacta a reforma laboral do PP», «unha claudicación fronte á patronal e os intereses de Bruxelas», «propaganda», «un lavado de cara» que non soluciona os problemas estruturais do mercado laboral, nin a perda de dereitos, nin a «dramática taxa de paro xuvenil», nin os baixos salarios «que están a facer que moitos e moitas traballadoras, sobre todo a xente nova, teñan como máxima aspiración ser mileuristas».
Pontón deu este repaso á nova lexislación o pasado luns, catro días despois de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicase o real-decreto lei de medidas urxentes para a reforma laboral. O BNG e a Confederación Intersindical Galega (CIG) reuníronse ese día para analizalo e despacháronse contra el nunha rolda de prensa conxunta.
Pontón e Díaz coincidiron durante pouco máis de tres anos no Parlamento de Galicia. Foi pouco antes de que a primeira se fixera co mando do BNG e de que a segunda obtivese o seu escano no Congreso. Alimentaron unha relación cordial, que non estreita, que aínda hoxe manteñen. As súas figuras foron crecendo en paralelo, á vez que aumentaba tamén a distancia política que as separa.
A coalición que renovou a Díaz no Congreso no 2109 quedou sen representación no Parlamento de Galicia no 2020, deixando a Pontón un enorme espazo político no que pode aparecer dun lado como a cabeza visible da oposición a Feijóo e ao PP, e doutro, como a alternativa ao desencanto do Goberno progresista de PSOE e Unidas Podemos.
«Hoxe, co consello de ministros e de ministras máis progresista da historia, despedir sigue sendo igual de fácil e igual de barato que cando gobernaba Mariano Rajoy», escribía Pontón en Público o mesmo día en que o BOE publicaba a contrarreforma laboral.
É certo que a nova normativa desmonta parte da legsilación promovida polo PP: recupera a ultractividade dos convenios colectivos -seguen vixentes se non hai outros novos cando expiran- e a primacía do convenio sectorial sobre o de empresa; limita a temporalidade e a subcontratación; e estende as fórmulas de protección das traballadoras a través dos expedientes de regulación temporal de emprego (Ertes) que funcionaron durante a emerxencia sanitaria. Con todo, moitas das medidas máis lesivas da reforma do PP seguen en vigor.
Para Paulo Carril, secretario xeral da CIG, a norma de Díaz non puxo coto ao abaratamento do despedimento e configura un mercado laboral con despedimento case libre «pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante». Ademais, consolida un marco de contratación «de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral», mantén «o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despedimentos e modificacións substanciais das condicións de traballo», e limita a prevalencia dos convenios autonómicos e provinciais, «que se teñen demostrado como unha ferramenta fundamental da clase traballadora».
«Se a reforma do 2012 era mala, esta é aínda peor», sostén Carril, quen advirte de que nin sequera é verdadeiramente froito do diálogo social dado que o Goberno deixou á marxe do acordo ás centrais nacionalistas maioritarias nos seus respectivos territorios. O seu sindicato, con máis de 4.500 delegados e delegadas en Galicia -UGT e CCOO non acadan os 4.000-, non foi chamado a participar nas negociacións.
A maior ameaza agora para que a reforma de Díaz poida saír adiante no seu trámite parlamentario vén dos socios nacionalistas do Goberno. Noutro artigo en Público o pasado luns, o coordinador de EH Bildu, Arnaldo Otegi, alertaba de que o Executivo primara «a foto dun falso ‘consenso social’ sobre os contidos da propia reforma». «Yolanda Díaz priorizou a firma da Confederación Española de Organizacións Empresariais ( CEOE) fronte á posibilidade de apostar pola derrogación da reforma laboral na súa integridade coa maioría política da investidura», dicía.
Vista a postura de Bildu, a CIG e o Bloque cren posible formar unha «fronte común», en palabras do seu deputado no Congreso Néstor Rego, que incluiría tamén a ERC, para forzar ao Executivo para aceptar unha lexislación máis ambiciosa que derrogue por completo a reforma do PP: «O decreto do Goberno vai supoñer a decepción e frustración de moitas traballadoras que confiaron nas forzas progresistas. O BNG non está disposto a asumir a non derrogación da reforma».
Ese escenario de conflito pode convir a Pontón, porque en certa medida lle atribúe unha imaxe combativa similar á que Díaz acadou con respecto ao Goberno: se é Unidas Podemos quen empuxa ao Executivo de coalición a tomar medidas progresistas, sería o nacionalismo progresista a garantía última de que Unidas Podemos e PSOE cumpren as súas promesas electorais.
A versión de Unidas Podemos é que o BNG xoga a deseñar a imaxe pública de Pontón, e cren que a reforma sairá adiante no Congreso aínda sen o voto do Bloque. «Estou seguro de que no marco do diálogo coas forzas progresistas, achegaranse posturas con ERC e Bildu, que apoiaron ao Goberno traballando desde as súas lexitimas diferenzas para mellorar as normas», afirma Antón Gómez Reino, presidente da Comisión de Traballo do Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia.
Gómez Reino defende que por primeira vez en corenta anos de democracia en España «se lle deu a volta á correlación de forzas e son os e as traballadoras as que gañan dereitos». «Pasamos de reformas que lexitimaban a precariedade a unha que a combate con todos os instrumentos ao servizo do Estado; pasamos de reformas regresivas á orde da patronal e as grandes empresas a unha ideada para combater a precariedade», subliña.
O deputado e compañeiro de candidatura de Yolanda Díaz responde ás críticas do nacionalismo galego con dureza, poñendo en evidencia que o enfrontamento entre a vicepresidenta e a líder do Bloque está servido: «Lamentablemente o BNG leva toda a lexislatura votando xa non só á marxe dos grupos do Goberno, senón dos seus teóricos socios como Bildu e ERC».
«O BNG decidiu posicionarse contra o Goberno á marxe do conxunto de forzas progresistas en todas as normas sociais, para situarse, extrañamente, xunto ás dereitas, PP e Vox. En todo caso, quen vote contra esta reforma e apoie continuar coas normas laborais do PP terá que explicar aos traballadores por que o fai», conclúe.