Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
O tocadiscos soaba no salón. Meu pai barallaba unha ducia de vinilos de música clásica a 33 revolucións e os fillos podiamos pinchar a Karina ou aos Pekenikes naqueles 45 rpm que regalaban a Mirinda ou o coñac Fundador. E aí acababa a riqueza musical da nosa casa nos anos 60. Non lembro ningún disco en galego. Cando iamos as fins de semana coller o barco a Cangas, fronte ao porto, pasabamos pola terraza do Hotel Universal, onde en primavera e verán, en sesión vermú e de tarde noite, amenizaba algunha orquestra que sacaba melodías de instrumentos dos que eu non sabía nin o nome e que me facía soñar con bailar durante horas. O final do soño era sempre o mesmo: chaparreta no cu, risas do público e eu chorando mentres o meu pai me tiraba da coleta para sacarme de alí. Na terraza do Universal de Vigo actuaron a cupletista Olga Ramos -á que nunca escoitei- e os fenómenos das orquestras da época, como Los Tamara do gran Pucho Boedo, o primeiro artista que vin cantar en galego. Ata que, nos 70, descubrín o pop de Andrés do Barro e, nos 80, o rock de Reixa e Os Resentidos.
Co cine pasoume parecido. Nunca imaxinei que alguén arriscaría e rodase ficción en galego. A primeira película que vin na nosa lingua titulábase Eu, o tolo (1982), protagonizada por Xosé Manuel Olveira, Pico. Non coñecía ao seu director, Chano Piñeiro -só sabía que despachaba na botica preto da casa da miña avoa-, pero recordo que copaba os créditos: director, guionista, cámara, montador e produtor. E ese home idealista converteuse nun ídolo para min. Eran tempos de teatro en galego, pero non chegara a televisión autonómica e o cine no noso idioma aparecía como algo exótico.
Chano resultou un ídolo perfecto, sen fisuras. Con Mamasunción (1984) acadou o recoñecemento internacional por vinte minutos nos que condensa quilos de nostalxia, soidade e tenrura. Mamasunción, unha muller de aldea, acode cada día durante 40 anos ao reparto do correo a esperar carta do seu fillo emigrado en México. A vellez e o tempo e a tristura da emigración están retratados ata encoller a alma neste relato inspirado no dunha anciá real de Forcarei.
Chano captaba a realidade a través do cristal e tocaba as emocións con historias cotiás. Na curta Esperanza (1986) amosa toda a crueza do alcoholismo: «Que amargo é ter que beber as propias bágoas», escribe sobre o fundido a negro final.
A súa primeira longametraxe, Sempre Xonxa (1989), cala a alma cunha viaxe emocional e histórica pola emigración galega nos anos 40 e polas consecuencias que arrastra ata ben entrados os 80. Estruturada arredor das catro estacións do ano -que se corresponden cos ciclos da vida dos personaxes: infancia, xuventude, madurez e vellez-, lévanos pola vida e os sentimentos de Xonxa, Pancho e Birutas. Sempre co prisma do rural galego, brillante en cada plano. As salas de cine colgaron aquel inverno o cartel de «Non hai billetes», a actriz Uxía Blanco floreceu como a dama do cine galego e o público recoñecía ao fotógrafo Manuel Ferrol entre os habitantes dese fermosa contorna que inmortaliza Piñeiro.
O camiño das estrelas (1993), o seu derradeiro traballo, é unha curta por encargo, un documental que busca vender Galicia no Xacobeo 93 e no que Chano ofrece unha imaxe do país moi diferente á dos panfletos que circulaban daquela. Como bo boticario que era, deu cunha fórmula que tiña a dose xusta de tradición e modernidade para amosar a identidade cultural do momento, tan arraigada nos nosos costumes. Unha proposta imaxinativa e persoal.
Teño unha débeda pendente co director: nunca puiden ver Os paxaros morren no aire (1978), a curta coa que a súa fantasía empezou a voar, porque para el o cinema, deixouno dito, era como voar. Voou alto moi cedo e quero pensar que está a compoñer un plano xeral da vida en Galicia. Era sensible e gran coñecedor da terra que pisaba; cría nela e sabía iluminala e transmitila. De Chano Piñeiro aprendín a ter orgullo do noso; a súa voz vai sempre comigo: «Sendo galegos podemos chegar a ser universais».
* A foto da apertura é de Tino Viz (La Voz de Galicia).
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán