O que desde a órbita nos constitúe

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 kō en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

Imaxe 1: Ophiuchus, from «Star lore of all ages; a collection of myths, legends, and facts concerning the constellations of the Northern Hemisphere,» 1911. Imaxe 2: Calendario Republicano Francés de Outono

6 DECEMBRO OU NADAL

  • 📅 Sábado | Levamos 340 días de 2025 | Quedan 25 para o 2026
  • 🔭 O Ceo de hoxe na Galiza: se puideses elevarte por riba das nubes atlánticas que tanto sestean nesta época do ano, verías que o Universo non practica a sesta. Mentres a Terra xira sobre o seu eixe inclinado 23’5º, levándonos da escuridade do 5 á luz do 6 de Decembro, o protagonista é o xigante gasoso, Xúpiter. Non só un píxel de luz; un sistema solar en miniatura, unha estrela fallida composta do mesmo hidróxeno e helio primordial que o Sol. Durante esta longa fin de semana con ponte, Xúpiter malabarea co seu preto dun cento de satélites pola constelación de Xémini.
  • ☉ O Sol ten o seu Orto (amencer, agás se es do Cono Sur) ás 08:51 h. e o ocaso (Solpor) ás 17:57 h. Apenas 9 horas e 6 minutos. Como xa contei hai uns días, o Sol transita pola constelación de Ophiuchus (o Serpentario), por moito que o zodíaco tradicional fale de Seteiro ou Saxitario.
  • 🍂 O Calendario Natural (os 72 Xaponeses): este Almanaque do Asombro e do advento tamén se inspira no antigo calendario lunisolar xaponés de 24 divisións (nijushisekki) no que hoxe é o último día da micro-estación número 60. Estación: Shosetsu (As Pequenas Nevadas). Micro-estación (): Tachibana hajimete kibamu (橘始黄). «As mandarineiras Tachibana comezan a amarelecer».
    A Tachibana é a única variedade de cítrico nativa do Xapón. Ao ser árbore de folla perenne que dá froito no inverno, na cultura oriental simboliza eternidade e lonxevidade. Mentres aquí as árbores ispen e fantasmagorizan a fraga, no outro lado do mundo o laranxa e o verde resisten o frío.
  • ☾ A Lúa: segue en fase Xibosa Minguante (98-99% iluminada) ou como din no Mintireiro Verdadeiro, Anicando. Se ben a Lúa Chea técnica tivo lugar onte día 5, esta noite o noso satélite parecerá, parafrasando á de Castro, «que se oíra e nos falara, moitas cousas nos dixera, moitas cousas nos contara». De abrirse un clareiro no ceo, verala coruscando preto das estrelas Cástor e Pólux (Os Xémeos).
  • Antes de volvermos ao almanaque galego, fiquemos na palabra almanaque e a razón de nomear estes adventos de luzes.gal con ese fermoso termo: como xa imaxinabas, almanaque é unha palabra de estirpe árabe, do árabe hispánico, almanah co significado de calendario ou táboa astronómica. Pero o suxestivo é que deriva do árabe clásico al-manakhou munah: a parada da caravana, alto de camelo ou ciclo anual/mansións lunares. Fai referencia ás posicións dos astros comparadas con camelos en ruta. No calendario islámico lunar, hijrí, é 15 de Jumada al-Thani de 1447 A.H.
  • Fagamos outra parada na caravana para contemplar, tal día coma hoxe, o calendario republicano francés -moi de microestacións -, onde o 6 de decembro de 2025 corresponde ao 16 de Frimario (mes do Carazo) do ano revolucionario 234 e vai dedicado a algo tan noso como o Ajonc (o toxo).
  • 👵 A sabedoría popular e do santoral di que hoxe é San Nicolao de Mira, patrón dos mariñeiros, os nenos e modelo de Papa Noel ou Santa Claus, xa que fabricaba xoguetes que repartía entre as crianzas. San Nicolao é un santo «fito» no calendario labrego: «Por San Nicolao, o porco no chao». A data tradicional do inicio forte da tempada da matanza. Estas friaxes decembreiras esenciais para o curado da carne.
  • Pangalaicotone do día: Pantone dicíanos estes días que o Cloud Dancer é a cor de 2026. Fagamos un contrapantone decote desde este almanaque que celebre a cor que hai baixo as nubes. Propoño que a cor de hoxe sexa Treixadura Comercial: unha borracheira verdosa e dourada de cuquicapitalismo galopando as grandes cidades galegas con bolsas a saturar e a por taxis.

Cupola da ISS.

O que desde a órbita nos constitúe

Para E.R.R., con orbital amor, in memoriam

6 de decembro de 2025. Día de leis e día perfecto, secasí, para saírmos un anaco e cuestionar a orde do Universo.

O 6 de Decembro de 1998 un brazo robótico emerxe no espazo, nunha órbita baixa terrestre a uns 340 kms. sobre todo o que nos importa, e captura a Заря́, Zaryá, un módulo ruso sen tripulación. Vai acoplalo ao módulo estadounidense Unity. Quen opera a manobra é a tripulación do transbordador espacial Endeavour (misión STS-88) que xungue ambos enxeños artellados con metais do ventre terrestre e oficia as nupcias. Zaryá, aurora en ruso, e Unity, unidade en inglés -poderían ser os nomes dun par de xovencas- coa súa unión poñen a primeira placa solar dunha das obras de enxeñaría máis impoñentes da nosa especie: a construción en órbita da Estación Espacial Internacional (ISS).

Hoxe, a ISS segue a orbitar como o laboratorio máis caro e complexo xamais construído pola humanidade, xunguindo nacións que se lavan os dentes con esferas de auga en gravidade cero a case 400 km de altitude. Pasa por riba dos nosos pensamentos e cada pouco vémola brillar alumeada polo Sol durante uns minutos. Ás veces confundirémola con outra gran Estación Espacial, a chinesa Tiangong.

 

Península Ibérica de noite, imaxe da ESA

Movémonos a 7,66 quilómetros por segundo, 16 auroras nun só día, pero non o bastante para escapar de certas curiosas gravidades,

Volvo pasar. É o ciclo número 5 da xornada. Desde a fiestra da Cupola, iso que chamo «casa» é un pestanexo, unha lingua de verdor prendida entre a cabeleira negroazulada do Atlántico e as estrías de preñez da Península Ibérica. Non dura máis de 30 segundos no meu campo de visión. Nese clic, a retórica política desintégrase. Aquí enriba non se ven as fronteiras administrativas, nin os artigos, cláusulas, disposicións transitorias de Constitución ningunha. O meu lar pasa cada 90 minutos e só é oroxenia que apenas lembrase unha violencia antiga.

Unha colisión cataclísmica de hai 350 millóns de anos. Imaxino a cámara lenta a oroxenia Varisca: o choque entre Gondwana e Laurasia que alza a codia terrestre, pregándoa coma se fose papel constitucional mollado, para atrapar as vellas Armórica e Avalonia e parir ese substrato de granito no que os meus devanceiros levantaron casas. Sobre o vello ollo de sapo precámbrico.

A ollo ceibe de astronauta cansa, desde a órbita non percibo que a miña vila exhale gas. Pero demasiado ben sei que aí abaixo, nas gretas invisibles das casas de granito, se filtra o Radón-222, un gas nobre, incoloro e inodoro, neto do Uranio, que se desintegra emitindo partículas alfa. Unha terra radioactiva que nos mata amodo se non construímos ben, se non ventilamos e diluímos o gas. Penso en edificios contaminados da miña vila, na xente que coñecía e talvez faleceu pola súa causa, todos aínda novos como xovencos: P., o compañeiro de Socioloxía, o trompetista J. A., o violonchelista D., quizais incluso meu pai.

Eis a constitución material do territorio: non un papel asinado en 1978, senón unha cadea de desintegración atómica que leva ocorrendo desde antes de que o primeiro homínido erguese a vista ao ceo. Podemos permitirllo ao granito, pero non permitiremos unha cadea de desintegración moral de neglixencias nos dirixentes e autoridades.

E unha pregúntase: é isto o que nos constitúe?

Galicia a ollo de satélite.

Aquí na ISS, nun equipo internacional de cosmonautas, aínda me acho máis cerca do «confín de verdes castros» que de «benignos astros». E ten a súa física ese verdescente. As plantas que cobren os montes galegos absorben a lonxitude de onda do vermello e o azul para alimentaren a maquinaria cuántica da fotosíntese, pero rexeitan o verde. Cúspeno de volta ao espazo. O que vexo desde a Estación é a lonxitude de onda que Galiza me manda de volta. E, con todo, esa luz rexeitada perfila a nosa existencia visual. A clorofila (C55H72O5N₄Mg ): unha macromolécula cun anel de porfirina e un átomo de magnesio no centro, tragando fotóns para romper a auga e ceibar osíxeno.

Coas mans apoiadas na Cupola como de nena na fiestra do tren, nin son leiras nin rotondas o que aluco; vexo unha reacción química a escala planetaria, unha fina película de bioloxía aferrándose con desespero ou amor á rocha mollada, pois alá abaixo sei que chove horizontal. Sobre o bosque autóctono e o eucaliptal, sobre os aeroxeradores da Serra da Faladoira e a aldea abandonada cunha casa comesta por toxos e silveiras onde viviu a miña bisavoa soa, Dorotea.

Un dos 1912 núcleos deshabitados de Galiza, segundo o INE, aquel Malló da miña nenez, en Devesos, Ortigueira: o concello con máis aldeas deshabitadas de todo o territorio, 124. No 2025, 32 aldeas desapareceron baixo a ramallada. Pero desde esta órbita, o abandono é a tonalidade principal: o noso mundo tampouco ten compañeiro habitado.

A atmosfera sobre o noroeste é un caos de vapor de auga e sistemas de baixa presión que viran en sentido antihorario, impulsados pola forza de Coriolis. E quero ver algo máis: que neste planeta polo de agora só, cada recanto inventou a súa propia forma de existir. Non é un problema por resolver, a biodiversidade, máis ben o único xeito no que a vida dá en manifestarse.

Non sei se souben artellar a biodiversidade da miña existencia alá abaixo. Pido perdón por se non o fixen ben. Por se non souben retela. Porque non sei como deixala ir.

Baixo esas nubes, e invisibles aos meus sensores, millóns de sinapses neuronais ordenarán ollar cara a arriba, cara a esta nave que lles cruza o ceo como unha estrela errante, e non sei que desexo podería eu outorgarlles.

E unha pregúntase: é isto o que nos constitúe?

A Estación cruza o terminador. A luz apágase. Galiza desaparece na sombra da Terra, deixando só o run-run eléctrico da costa, coma unha constelación caída que nos vindeiros 90 minutos volverá a min.

Que sorte ter algo que volve a min.

Feliz día da Lei. Non esquezades, por favor, gozar de como as nubes a desobedecen. Ou como a desobedeceu Emily:

 

[…]

What once was «Heaven»

Is «Zenith» now —

Where I proposed to go

When Time’s brief masquerade was done

Is mapped and charted too.

 

What if the poles should frisk about

And stand upon their heads!

I hope I’m ready for «the worst» —

Whatever prank betides!      

[…]

O que antes era o «Ceo»

resulta que agora é o «Cénit»

Alá onde me propuña ir

cando esta foliada do Tempo chegue ao fin

mapeadiño e cartografado está tamén.

 

E se os polos se reviran

e quedan cabeza abaixo

espero estar lista para «o peor»

así sexa a falcatruada que for!

[…]

 

Emily Dickinson, fragmento do poema 117F. Trad. da autora

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail