A Coruña.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) contratou como alto cargo da súa dirección a Beatriz Isabel Couceiro González, avogada externa cuxo despacho defendeu ao Ente público en varios casos de despedimento, acoso laboral e represalias contra xornalistas críticos coa manipulación dos medios de comunicación públicos durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda na Xunta.
A avogada incorporouse á estrutura directiva da empresa en setembro pasado como responsable da xefatura do servizo de administración e facturación, cun salario anual de 57.145,32 euros. O seu posto non ten responsabilidade ningunha no departamento de recursos humanos, pero a dirección acaba de encargarlle a instrución dos expedientes disciplinarios abertos contra outras dúas traballadoras por secundar a folga indefinida intermitente que o persoal mantén desde hai semanas.
O consello de administración da CRTVG tramitou o nomeamento de Couceiro no pleno do pasado 23 de xullo, pero a dirección da empresa asegura que o vínculo laboral coa casa non se iniciou ata setembro pasado. Engade, ademais, que está «rexistrada diante o Ilustre Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela como letrada non exercente con data de 15 de setembro de 2024». «Por tanto, non é posible que estivese acudida en ningunha causa con data posterior», asegura a CRTVG.
O certo é que, segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público e que acompaña a este texto na imaxe de arriba, Couceiro si seguiu asistindo polo menos ata o pasado 11 de novembro como representante legal externa da compañía, nun caso aberto no xulgado do Social número 2 de Santiago por outro expediente disciplinario contra unha xornalista que recorreu aos tribunais ao consideralo inxusto.
Acoso laboral
Trátase da mesma traballadora que se querelou contra nove directivos da CRTVG, incluído o seu director, Alfonso Sánchez Izquierdo, aos que outra xuíza do Penal procesou por un delito de acoso laboral e vulneración dos seus dereitos fundamentais, e que está pendente da apertura de xuízo oral.
Precisamente, o avogado que se fixo cargo tras a renuncia de Couceiro do caso do expediente disciplinario que a xornalista recorreu, é José Martín Fuentes Neave, o mesmo que defende a oito dos directivos imputados polo acoso ao que a someteron, e que aceptou o novo caso o pasado 2 de decembro.
A CRTVG conta cun departamento de asesoría xurídica propio no que traballan varios avogados, pero adoita contratar e pagar a letrados externos para atender o enorme volume de litixiosidade que enfronta.
Só en materia laboral, durante os mandatos de Sánchez Izquierdo foron centenares de sentenzas en contra por vulneración de dereitos fundamentais e laborais, con indemnizacións e asignación de custas procesuais que se abonan con diñeiro público, así como fallos das xuntas electorais contra a manipulación e a falta de neutralidade informativa.
Sánchez Izquierdo, que cobra un salario anual de 102.168,66 euros –é dicir 11.719 euros máis que o presidente do Goberno e 16.844 euros máis que o da Xunta–, sostén que eses casos proveñen de etapas anteriores e que as denuncias representan menos do 0,5% dos procedementos xudiciais da corporación. Tamén nega a evidencia dos apercibimentos da xunta electoral.
Vulneración da liberdade de expresión
A nova xefa de administración e facturación tamén dirixiu a defensa da CRTVG no xuízo que condenou á empresa por vulnerar os dereitos á libre expresión e á tutela xudicial efectiva doutro profesional da Radio Galega. Segundo os xuíces, o xornalista fus sancionado ilegalmente por apoiar os venres negros da plataforma Defende a Galega, que desde hai case seis anos organiza protestas periódicas semanais –este venres cúmprense 343 xornadas consecutivas–contra o uso partidista dos medios públicos e a discriminación do seu persoal por motivos ideolóxicos.
«O nomeamento é un pago de favores e non respectou os criterios esenciais de acceso ao emprego nunha empresa pública»
Ademais, Couceiro defendeu á CRTVG en polo menos outros catro litixios contra os seus traballadores: dous por expedientes sancionadores, un dos cales foi anulado pola xustiza; outro por un despedimento, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou improcedente, e outro por un conflito colectivo exposto pola Confederación Unitaria de Traballadores (CUT), no que mesmo tribunal deu a razón á representación sindical.
Os traballadores cren que o nomeamento de Couceiro é ilegal e discrecional porque «non respectou os criterios esenciais de acceso ao emprego nunha empresa pública», cualifícano de «pago de favores» e lembran que a dirección non informou, como é preceptivo, ao comité de empresa. «Iso é motivo dunha denuncia diante a Inspección de Traballo, e actuaremos en consecuencia», asegurou Santiago Alvite, representante da Confederación Intesindical Galega (CIG).
Luzes-Público tentou sen éxito contactar con Beatriz Isabel Couceiro a través do teléfono e por correo electrónico. A CRTVG informou de que o total dos seus honorarios traballando como letrada ou como servizo de apoio externo para os servizos xurídicos da Corporación entre 2019 e 2025 ascenderon a 5.346,09 euros.
En canto a que fose nomeada instrutora dun expediente disciplinario, a pesar de que a súa responsabilidade como xefa de administración e facturación sexa allea aos departamentos de asesoría xurídica e de recursos humanos, a dirección de Sánchez Izquierdo asegura que se trata de «un procedemento absolutamente habitual e xa usado con anterioridade».