Amanzio Prime

O pasado luns, o Facebook recordoume unha publicación de 2017, un comentario irónico a conta de que Amancio Ortega ingresase 628 millóns de euros en dividendos mentres as traballadoras de Bershka en Pontevedra pedían cobrar o mesmo que as súas compañeiras de Coruña: 130 euros máis ao mes. Iso, máis ou menos, debe de ser o que o propietario do grupo gasta nas bolachas dese can ao que logo lle recolle as cacolas que deixa na rúa, con grande alborozo dos amancioliebers polo extremadamente cívico que é o seu ídolo.

Tres anos despois, non sei como lles irá ás traballadoras de Bershka, pero aqueles 628 millóns que Amancio metía no peto a 2 de novembro pasaron a ser 650. Pero non, non pensedes que é unha boa noticia nin berredes «Carallo co IPC!», que vos vexo vir… Non, non é unha boa noticia porque o habitual é que este home reciba dous pagos destes en cada exercicio… e neste 2020 só lle toca un. É todo o que vai sacar por ese concepto este ano mentres en 2019 sumara en total 1.626 millóns. Por cousas do coronavirus, el tamén viu reducidos os seus ingresos ata nun 60%, como un autónomo ou un hostaleiro calquera.

Pouco lle debeu durar o desgusto. Un par de días despois, Forbes sacaba o seu ranking anual dos máis ricos entre os ricos e resulta que neste escenario de crise mundial —outra máis— rubiu unha posición e xa é o quinto tipo con máis pasta do planeta. Está Bezos, Bill Gates, a familia Arnault, Warren Buffett (ese ricacho atípico que defende a suba de impostos ás grandes fortunas) e, xa, Amancio, con 57.000 millóns de euros (6.000 menos que no 2019, todo hai que dicilo…).

Se miramos a clasificación no Estado, Ortega ten tantos cartos como os 45 millonarios que o seguen. A segunda da lista, aínda que a anos luz (cuns miserentos 5.600 millóns de nada), é unha das súas fillas, Sandra; é o que ten a xente feita a si mesma…

É certo que, máis aló da tradicional adoración coa que os lambebotas e tiralevitas de garda as recollen, hai tempo que estas cifras, por moito que sigan a ser escandalosas, deixaron de ser noticia. O que a min me sorprende de verdade —pero de verdade, de verdade— é que Inditex, que nin neste escenario anda mal de todo de liquidez, se presente ás axudas europeas do Plan de Recuperación, ese que debe permitirnos saír da pandemia se non mellores, polo menos si máis «sostibles e resilientes».

É certo que o xigante téxtil non é o único que se apuntou á festa. Aquí non falta ningún dos grandes (Endesa, Iberdrola, Ferrovial…), ningún dos que logo agardan que o mercado, amigo, sexa quen o solucione todo. Pero a min chámame a atención, especialmente, que o fagan os de Sabón.

A súa idea é que Bruxelas lles subvencione a construción da súa nova sede ecoeficiente, un edificio de 80.000 m2 que, segundo a propag… que segundo a información publicada estes días, contará coas últimas tecnoloxías —xa fodería— e terá estudios para a produción audiovisual da tenda online…

Coa sexta parte do que cobrou este luns —négome a facer a conta, por ridícula, sobre a súa fortuna total—, Amancio Ortega pode construír o chiringuito enteiro e aínda lle quedaría un petiño para facer fronte a sobrecustos, que todos sabemos como son as obras unha vez que te metes nelas…

O curioso é que, nos últimos tres anos, Inditex xa gastou uns 130 millóns de euros en ir poñendo a sede ao seu gusto. 130 millóns que, vendo os resultados que presentan cada pouco, supoño que estarían en condicións de afrontar. E agora, cando máis falla fai o investimento público, resulta que tamén queren a súa subvención…? Aínda que xa no segundo trimestre do ano, en pleno estado de alarma, volvesen ter beneficios? De verdade temos que pagarlle eses caprichos a quen podería compensar co seu capital todo o que perdemos no rescate bancario? En serio deben ir para aí os fondos da reconstrución…?

Supoño que este novo capítulo da súa carreira é recente de máis para que se poida incorporar á serie que a exministra González-Sinde escribe para Amazon Prime sobre a vida e milagres de Amancio. Si, para Amazon Prime, a plataforma de Jeff Bezos, a maior fortuna do mundo, pero –quen contaba!— inquilino de Ortega, que comprou hai dous anos o edificio de Seattle onde está a sede central do xigante do comercio electrónico. A operación só lle custou 655 millóns de euros. Que eu saiba, para iso non pediu subvención…

Para o que si se pediu, e obtívose —aínda que, desta vez, non foi el— é para a serie de marras. 240.000 eurazos vén de darlle a Xunta a un proxecto que promete ser audaz e incómodo na súa abordaxe dunha figura tan poliédrica. Non en van, está baseado no durísimo libro escrito por Covadonga O’Shea… Ehem.

Igual, se lle pagamos entre todos ese edificio onde vai construír uns estudios audiovisuais «coas últimas tecnoloxías», para a seguinte serie haxiográfica xa non precisa cartos públicos.

Aínda así, non sei se nos sairía a conta. Teño que preguntarlle ás rapazas de Bershka.

Música: The Blues Brothers: «I want all my money back»

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail