Os amigos do Bribón

Cando me chaman de Luzes para pedirme un texto sobre as amizades de Juan Carlos Emérito en Sanxenxo, pregunto que é a amizade. Se me pedisen un artigo sobre os amigos de Manolo Páez escribiríao sen problemas, mesmo que eu non saiba quen é o tal Manolo. Pois os amigos e as amigas de Manolo Páez ou de Manolita López non requiren unha idea sobre o que significa a amizade, que non manteñen relación ningunha co exrei. Na miña opinión, Juan Carlos non tivo unha amizade na vida. Escoite vostede a marabillosa canción de Amaro Ferreiro, «Homicidio involuntario», que conta dun xeito xornalístico como rematou violentamente a probable amizade entre Juan Carlos e o seu irmán pequeno, o pobre Alfonso Cristino: co cranio do cativo rebentado polo disparo do herdeiro dunha coroa outorgada por Francisco Franco ao Juan Carlos, o pinfloi do que me piden que relacione con supostas amizades.

Trátase de describir o ambiente no que Juan Carlos se move en Sanxenxo cada vez que vén finxir que regatea. Sorpréndeme que desde un medio como Luzes pregunten polas amizades de Juan Carlos en Sanxenxo. Nin en Sanxenxo nin en Vladivostok. Un fulano como Juan Carlos non ten amigos: ten serventes, vasalos, escravos, aduladores. Na súa vida coñecida non se lle recoñece un amigo; si socios en negocios turbulentos, compañeiros de fraudes, amantes razoablemente interesadas, servizos secretos, encubridores, xornalistas e políticos que recibiron favores, pero amigos, o que se di amigos, o home non tivo un en toda a súa vida.

Supoño que cando falan dos amigos de Juan Carlos Emérito en Sanxenxo, poñen como primeiro exemplo a Pedro Campos. Adoitan omitir o segundo apelido, a saber por que, seica porque Pedro Campos soa máis campechano que Pedro Campos Calvo-Sotelo. Coido que aí non hai unha amizade. A RAG di que a amizade é «sentimento de afecto e confianza entre amigos». Non sei, pero teño a idea de que se Juan Carlos de Borbón y Borbón tivera o nome de Pancho López Pérez, fillo de Lucas López e Paquita Pérez, Pedro Campos Calvo-Sotelo non sería o seu amigo. Outra cousa é que presidindo un club naútico en Sanxenxo, presentarse como amigo dun Borbón, por riba rei emérito, é moi conveniente. Aos membros dun elitista club de regatistas milmillonarios, prácelles que un Borbón sexa transportado dunha cadeira de rodas a un veleiro e tratalo coma a un rival que recolle unha non merecida medalla de ouro.

Pero amigos, o que se di amigos, penso que este home non tivo un na súa vida. A ver, foi educado
por Franco, protexido polos servizos secretos, foi coautor dun golpe militar, defraudador no Estado do que foi xefe. Alguén así non tivo amigos, nin os ten nin os terá, nin en Sanxenxo nin en ningures. É unha mostra dun ser desgrazado, triste, rosmón e condenado ao ostracismo ata polo seu fillo, que percorrerá o mesmo camiño, como todos os Borbóns. Un pobre home que, a piques de rematar a súa vida, non coñeceu a amizade.

Ilustración de Diego Giráldez.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail