As Meninas de Canido: qué é a arte máis que comunidade?

Ferrol.– Crecín nos noventa en Ferrol, onde nacín. Daquela, Canido era o barrio onde vivían algunhas amigas, onde non había moita cousa que facer, onde apenas había parques ou espazos agradables para xogar ou quedar. Ninguén ía a Canido se non vivías alí.

Esta fin de semana, sen embargo, toda a xente que coñezo pasou por esta zona alta de Ferrol. E non só a que coñezo, obvio: turistas do resto de Galiza e doutras partes do estado español, así como do estranxeiro, viñeron a esta xa consolidada cita das artes urbanas, a décimo cuarta edición do festival Meninas de Canido. Alí que fun.

Esta iniciativa, iniciada polo artista Eduardo Hermida en 2008, está detrás dunha reconversión non só física, senón tamén imaxinaria deste barrio ferrolán que hai dúas décadas estaba de capa caída. Como Ferrol, agora Canido mola.

Di a rumoroloxía local que foi unha teimosía de Hermida ante un veciño que borrou un debuxo nunha parede que comezaron a crecerlle os ananos. Non queres caldo, aquí tes tres cuncas. Fora como fose, o certo é que a invitación de reinterpretar o famoso cadro de Velázquez está imprimindo un novo carácter a esta zona da cidade, que hoxe presenta este «museo ao aire libre» como un dos seus principais reclamos turísticos –presente ata en FITUR, oes–.

Máis de 500 artistas teñen asinado nestes anos graffitis, murais, collages, intervencións no espazo público ou esculturas inspiradas nesta obra de 1956 que ten á princesa Margarida como centro, e que hoxe é xa unha icona pop máis. Dende o xoves pola tarde, tanto fachadas principais como os muretes máis recónditos eran pintados de branco preparándoos para o que viña. Calquera espazo é bo para expresarse. As lindes do barrio están, nestes últimos anos, ampliándose, chegando case ao centro pola avenida do Rei, tanto é o éxito da convocatoria.

Máis de 500 artistas teñen asinado nestes anos graffitis, murais, collages, intervencións no espazo público ou esculturas inspiradas nesta obra de 1956 que ten á princesa Margarida como centro, e que hoxe é xa unha icona pop máis

O venres pola mañá, a maioría das artistas estaban xa mans á obra: algunhas traían a idea ben pensada, outras ían improvisando, servíndose tanto de pintura como de calquera artefacto posible que potencie a creatividade. Os recunchos do barrio van, unha vez máis, cobrando vida; as obras integrándose cunha natureza desbordante que atopa ocos onde pode e enrédase coas edificacións.

Ás pezas xa fotografadas noutras edicións, como o can barroco que da a benvida na rúa Alegre, a Rosalía de Castro «meninizada» ou aquela na que Margarida quita a cara a modo de máscara na rúa Insua, únense este ano unha vintena máis da man de artistas consolidadas da arte da rúa como Sfhir ou El Rojo e doutros amateurs veciños e veciñas que interveñen coas súas interpretacións.

É ese un dos encantos desta pinacoteca a ceo aberto: que todo o mundo pode participar. Aparte das invitadas de cada edición, seleccionadas polo comité organizador, lánzase unha chamada aberta à proposta popular. Os muros –e o gusto da xente– non entenden de xerarquías en Canido e moitas das «pezas estrela» do barrio non están asinadas.

Unha das máis comentadas é aquela, na rúa Alonso López, na que se explica a complexa estrutura da obra de Velázquez, –que tanto admira Hermida– cunha gráfica que cuestiona ao público sobre a súa posición no cadro e que este ano volveuse tridimensional, engadindo unha maqueta que invita aínda máis á interacción.

Os transeúntes divírtense buscando as novas pezas e aquelas que marcaron as edicións pasadas, algunhas identificables por fitos como a homenaxe a Paula García –unha das iniciadoras do evento– en 2021, ou a xa mítica de 2017 na que a organización se entregou nunha campaña para que o misterioso artista Banksy deixara un trazo na cidade facendo anuncios ata en Inglaterra e deixando mensaxes para el nas paredes brancas do barrio. A polémica xurdiu uns meses máis tarde cando apareceu a pintada de dous gardas civís morreando nun calexón, adaptación inequívoca pero aparentemente falsa dunha das intervencións máis coñecidas do británico (a cousa deu tanto de si que foi obxecto dun documental; non deixedes de velo)…

Unha enorme «Hot Menina», unha barroca negra inspirada na activista afrogalega Yossi Hatillo, unha catwoman proclamando liberdade e «sentidiño», oda á vaca de Xanceda, tres princesas cubistas e un café-menina son parte das novas adquisicións deste 2022.

Unha enorme «Hot Menina», unha barroca negra inspirada na activista afrogalega Yossi Hatillo, unha catwoman proclamando liberdade e «sentidiño», oda á vaca de Xanceda, tres princesas cubistas e un café-menina son parte das novas adquisicións deste 2022

Nesta primeira fin de semana de setembro, –xa axendada polos locais como a finde das Meninas–, demos os últimos coletazos do verao cun ambiente que sobrepasou as artes plásticas. A proposta desta edición foi aberta polo pregón de Juanillo Esteban –a mítica voz do programa Xabarín Club da Televisión de Galicia–, e contou cun cartel musical heteroxéneo que reuniu entre outros a The Limboos, Travis Birds, NÜCA ou Sandra Calderón –que foi a única que se salvou da anulación da festa do domingo por culpa do temporal–.

Ademais disto, a rúa Poeta Pérez Parallé acolleu un xa consolidado mercadillo, onde se venderon dende traballos de Susana Bermejo ou Leandro Barea a cerámica de Sargadelos, xoias naturais de Fento do Vento, bolsos reciclados de Longa Vida, bordados de Parrumeira ou teas artesanais de Kukko & Kana. E merchandising con todo tipo de formas de Meninas, que tamén vende.

Entre os visitantes cruzámonos co elenco de Rapa, dos irmáns Coira, que está estes meses na cidade gravando a segunda temporada da serie. Tocoulles entón a Javier Cámara e Mónica López dar o punto de papel couché que todo festival precisa.

Por vivir agora lonxe e vir só unha vez ao ano, non deixo de abraiarme ante a capacidade de mobilización, non de presenza –que tamén–, senón de implicación, que xurdiu desta iniciativa e que vexo crecer co tempo. Xente de todas as idades séntese parte desta celebración e do renacemento deste barrio, que conta agora cunha das asociacións veciñais máis activas da cidade e é uns dos preferidos para a xuventude polas propostas culturais e de ocio que ofrece todo o ano. Non todo é Meninas, pero é innegable a contribución da iniciativa de Hermida nesta revitalización –que ata os aparcabicis e os sumidoiros teñen forma de boneca do XVII!–.

O aviso do Concello de alerta amarela por vento e choiva adiantou o peche da edición «formal» 2022. E digo formal porque as rúas non pecharon, e menos os bares: na zona do Cruceiro seguimos festexando ata ben entrada a noite. Facendo barrio. Porque ao final é iso, e o demais son só escusas.

Cartel deseñado por Susana Bermejo.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail