A Administración autonómica galega funciona en ocasións como unha tupida rede clientelar na que as entidades instrumentais da Xunta utilízanse para recolocar con grosas nóminas a quen perdeu os seus escanos, alcaldías, consellerías ou concellerías tras servir ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo.
A seguinte é unha relación de catorce altos cargos desas entidades ocupados por persoas que ocupaban postos executivos ou de representación nas institucións democráticas autonómicas e locais ou en empresas afíns ao PP, e a quen o Executivo autonómico premiou abríndolles de vez as súas ben remuneradas portas xiratorias despois de que esgotasen os seus mandatos.
Poderían ser máis e poderían ser menos. Porque esta información non pretende poñer en dúbida a valía técnica, política ou profesional desas persoas, nin cuestionar que merezan os seus postos e o salario que gañan, nin criticar a conveniencia de crear entidades instrumentais para xestionar o público (Feijóo manexa a través delas o 15% do orzamento da comunidade). O que si se pretende é alertar da reiteración no uso deses organismos coma se fosen chiringuitos, no sentido pexorativo do termo, é dicir, instrumentos financiados con diñeiro de todos que uns poucos utilizan para devolver favores ou pagar servizos prestados ao poder.
Jesús Vázquez Almuiña
Médico de profesión e ex alcalde de Baiona, o seu primo substituíuno na alcaldía cando Feijóo o nomeou conselleiro de Sanidade no 2015. A súa xestión estivo marcada pola continuidade dos recortes en persoal e medios na sanidade galega e pola progresiva privatización e desmantelamento do sistema público. Tras as eleccións autonómicas de xullo do 2020, Feijóo decidiu non renovarlle a confianza cando formou goberno en setembro, pero en novembro destinouno a un dos postos mellor remunerados da administración pública en Galicia: presidente da Autoridade Portuaria de Vigo cun salario de máis de 87.085 euros anuais.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Enxeñeiro de Camiños e presidente do Consello Económico e Social (CES). Foi conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas entre o 2009 e o 2014, cando Feijóo lle pediu que acudise en socorro do PP compostelán despois de que o alcalde da cidade, Ángel Currás, fose imputado na operación Pokémon. Á súa vez, Currás substituíra a outro compañeiro de partido, o rexedor Gerardo Conde Roa, condenado por un delito contra a facenda pública. Hernández ocupaba o posto 25 da lista do PP nas municipais e accedeu á Alcaldía en abril do 2014 tras a dimisión en bloque da xunta de Goberno local, para perdela un ano despois nas municipais do 2015. Mantívose catro anos como concelleiro ata que no 2019 Feijóo púxoo á fronte do CES, que se define como «foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas». Hernández cobra 77.463,44 euros ao ano.
Teresa Gutiérrez López
Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, foi concelleira do equipo de Agustín Hernández no Concello de Santiago ata o 2019. Agora cobra 73.911,54 euros ao ano como directora da Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia. Era empregada da Empresa Públicas de Obras e Servizos Hidráulicos, que a Xunta pechou no 2012, pero garantindo aos seus directivos que pasarán a ser persoal non laboral da Administración autonómica cos mesmos soldos que cobraban, considerablemente superiores aos dos funcionarios que obtiveron a súa praza cunha oposición. Non sería o caso de Gutiérrez, cuxo currículo oficial asegura que no ano 2005 “accedeu por oposición” ao organismo hidráulico autonómico.
Javier Domínguez Lino
Presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), a empresa pública participada por Naturgy pero propiedade ao 51% da Xunta e que xestiona a incineración e reciclaxe dos lixos que se producen en Galicia. Licenciado en Dirección e Administración de Empresas, Domínguez Lino era concelleira do PP en Poio (Pontevedra), onde en tres ocasiones tentou sen éxito facerse coa Alcaldía. Tres meses antes das municipais do 2015, Feijóo púxoo á fronte de Sogama cun salario de 73.684 euros anuais.
Rocío Mosquera Álvarez
Licenciada en Medicina e Cirurxía con especialidade en aparello dixestivo. É xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios. Foi xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e conselleira de Sanidade da Xunta na etapa dos maiores recortes de Feijóo en materia de sanidade pública, e na que o Executivo autonómico emprendeu unha purga sen precedentes nas xefaturas de servizo dos hospitais públicos para situar nelas a médicos afíns ao Partido Popular. Como xerente do Sergas e como conselleira enfrontouse a numerosas polémicas, como a negativa para facilitar tratamentos contra a hepatite C a enfermos que logo faleceron, a oposición amañada no hospital de Santiago en favor do seu marido, Manuel Bustamante, e a privatización do aparcamento do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído con fondos públicos. A presión social obrigou a Feijóo a cesala no 2015, pero menos de dous anos despois colocouna a dedo á fronte de Galaria en novembro do 2017, nun proceso tampouco exento de polémica. Un mes despois do nomeamento, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se anunciaba a suposta convocatoria pública para cubrir esa praza, que en realidade xa estaba asignada. Segundo a Xunta, Galaria presta «servizos asistenciais de alta tecnoloxía, explota infraestruturas sanitarias promovidas pola comunidade autónoma e desarolla actividades de consultoría no ámbito sanitario». Mosquera ten asignado un soldo de 68.454,16 euros.
Isidro García Téllez
Director xeral de Sogama. Enxeñeiro Industrial e natural de Huelva, foi director do complexo industrial de Ence nesa cidade e ata o 2011 director de Relacións Institucionais da empresa papeleira, que durante anos contaminou a ría de Pontevedra con mercurio, cuxa agresiva política comercial na compra de madeira encheu Galicia de eucaliptos e cuxo consello de administración abriu as súas portas xiratorias con soldos de seis cifras á ex ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino e ao ex conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo, cando cesaron nos seus cargos. No 2012 García Tellez foi nomeado director xeral de Sogama, que a Xunta concibe «como un instrumento operativo ao servizo da política ambiental de Galicia». Gana 64.309,44 euros ao ano.
Ana Isabel Vázquez Reboredo
Licenciada en Filoloxía Inglesa. Concelleira do PP en Pontevedra entre xullo do 2011 e xullo do 2015, no 2016 foi nomeada directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, a colosal, costosísima e fracasada aposta cultural de Manuel Fraga no Monte Gaiás, preto de Santiago. A Fundación ten por obxecto crear e xestionar no Gaiás «un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio para a interacción cultural». Vázquez Reboredo cobra por esas tarefas 60.515, 76 euros anuais.
Perfecto Rodríguez Muíños
Licenciado en Dereito. Alcalde da localidade pontevedresa de Ponte Caldelas polo PP entre o 2003 e o 2015. Feijóo nomeouno director xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tras perder as eleccións municipais dese ano. No organismo que agora dirixe, que a Xunta define como «a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais», Rodríguez cobra un salario de 60.515,76 euros anuais.
Alejandro López Dobarro
Secretario de prensa do Partido Popular de España en Arxentina desde o ano 2007. Feijóo nomeouno delegado da Xunta en Buenos Aires en xullo do 2009, apenas dous meses despois de acceder á Presidencia do Goberno galego. López Dobarro cobra 60.287 euros brutos ao ano nun organismo ao que o Consello de la Xunta encomenda «defender e garantir en Arxentina unha presenza institucionalizada do Goberno de Galicia, da súa cultura, da súa lingua, da súa economía e da cooperación».
Nava Castro Domínguez
Licenciada en Filoloxía Hispánica. Directora de Turismo de Galicia. Soldo de 60.287 euros. Filla de José Castro, alcalde franquista de Ponteareas (Pontevedra) desde 1968 ata o ano 2000, substituíu ao seu pai despois de que este fóra condenado a tres anos de cárcere por corrupción. Castro abandonou o PP e montou o seu propio partido para presentar á súa filla de candidata, pero pouco despois esta reintegrouse no PP para ocupar o escano que deixou libre no Parlamento de Galicia José Crespo, un dos principais imputados na operación Gürtel. Tamén foi deputada no Congreso.
Alfonso Cabaleiro Durán
Xornalista. Foi director de Cope Galicia, da Radio Galega e de TVE en Galicia, entre outros medios. Foi secretario de Comunicación de Manuel Fraga e protagonista involuntario dun vídeo viral no que o entón presidente da Xunta reconvíao en público por distraelo durante unha entrevista. Tamén foi secretario de Comunicación de Feijóo, quen no ano 2013 o nomeou director xerente de Galicia Calidade, a marca con que a Xunta certifica determinados produtos e servizos. Cabaleiro cobra 54.151,72 euros ao ano e acaba de ser nomeado conselleiro da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), onde os soldos roldan entre os 50.000 e os 70.000 euros.
Moisés Blanco Paradelo
Diplomado en educación infantil. Foi presidente do PP do Barco de Valdeorras, vicepresidente da Deputación de Ourense e, entre o 20012 e o 2020, deputado autonómico. A prinicipios de ano, despois de perder o seu escano, gañou unha oposición para ocupar o posto de subdirector de relacións cos grupos de desenvolvemento rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) cun salario de 54.151,56 euros. Os criterios do concurso eran o suficientemente flexibles como para que Blanco, profesor de música nun colexio relixioso, fóra o mellor puntuado dos catro candidatos que se presentaron a un posto técnico no que se supón que deben contar con experiencia e currículo relacionados coas funcións que se lles ecomendan. O mérito máis próximo do ex deputado nese ámbito era ter sido voceiro na comisión de Medio Rural do Parlamento galego.
Covadonga Rodríguez
Subdirectora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela. Filla de Dositeo Rodríguez, ex conselleiro de Presidencia con Manuel Fraga, ex candidato do PP á Alcaldía de Compostela e membro do Padroado da Fundación Cela cando a súa filla accedeu á institución. Ambos foron absoltos, xunto á esposa de Cela, Mariña Castaño, e outros membros da Fundación, dun delito de malversación por pactar unha indemnización de 150.000 euros para o ex xerente, Tomás Cavanna. Non existen datos sobre o salario de Covadonga Rodríguez, pero os soldos dos directivos das fundacións da Xunta oscilan entre os 40.000 e os 60.500 euros.
José Manuel Traba Fernández
Biólogo. Traballou para a Confraría de Pescadores de Fisterra e no 2002 converteuse en alcalde da localidade polo PP tras o falecemento do anterior rexedor. No 2011 foi detido pola Garda Civil no marco da Operación Orquestra, pola que varios alcaldes e concelleiros da Costa da Morte foron acusados de tráfico de influencias, prevaricación, suborno e falsidade documental. Traba foi exonerado de todos os cargos, e volveu gañar as eleccións ese ano, aínda que perdeu o Concello no 2015. Segundo a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), agora é asesor no gabinete da directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira. Agader non facilita os soldos dos seus asesores nin en que área específica asesora cada un, pero segundo CSIF a axencia destina 276.162 euros ao ano aos seis asesores da directora. Se esa cantidade rse epartira equitativamente, a cada un, incluído Traba, corresponderíanlle 46.027 euros ao ano.