Nunca máis o silencio. Deportados galegos nos campos de concentración nazis

Traballar nas historias esquecidas significa atopar, detrás dos silencios e xunto cos documentos,  centenares de relatos que nos mostran homes e mulleres de carne e óso. Introducirse no vida dos deportados en campos de concentración nazis é evidenciar un longo periplo de heroísmo e de forza. A Asociación Para A Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) leva un tempo traballando con investigadores e familiares para recuperar as súas historias, sepultadas durante anos. Os  seus  nomes aparecen en  listados pero o  seu sufrimento e o seu heroísmo  deben ser coñecidos individualmente  e debe significarse a súa loita pola liberdade.

Por iso, porque eran loitadores contra o fascismo, o Estado español favoreceu a súa deportación. Neste ano 2020 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) presentou os seus casos para incorporar á querela arxentina contra o franquismo, coa intervención da avogada desa querela, Ana Messuti, e o asesoramento dos investigadores Benito Bermejo e Carlos Hernández.

Co contacto cos familiares soubemos destas historias omitidas para os seus, o silencio imposto e a falta de información eran un furado na memoria da familia. E contáronnos historias de ilusión republicana, obreira; e soubemos de guerra, de resistencia, de tanques, de liña Maginot, de desembarcos, de stalags [abreviatura de Stammlager, a denominación que o III Reich lle deu a un campo para prisioneros de guerra na IIGM] e de moitas  historias de supervivencia.

Porque  o silencio, non saber o sucedido, calar tanto tempo e a desinformación mancou as familias, que sempre esperaron a volta dos seus;  e cando souberon da morte , pola carta enviada de Francia, ninguén se preocupou de coidalos e axudalos co loito.

Traemos as historias de Enrique Doval, de Coeo do Corgo, que volveu coa noite chea de pesadelos contada por Mero Iglesias, o seu amigo; O admirador de Rosalía de Castro, José Seijas de Carral, que escribía cartas cos seus poemas e que rescatou a investigadora Neves Villar; Damián Domínguez, estudoso de Ourense segue mergullado nas tebras buscando o periplo de Verísimo Rodríguez de AllarizJuan González del Valle, o intelectual amigo de Dieste, Alberti, Max Aub ou Borges, gaseado en Harteim que estudia Lázaro Louzao; Encarna Díaz é a memoria do seu pai Aurelio e do tío Vitorio Díaz Hortas, que viviron a morte e o triste exilio. María Torres, estudosa da deportación, lembra o futbolista de Vigo, Ricardo Rodríguez, tamén gaseado en Harteim; José Ferradás Pastoriza, de Bueu, foi queimado en Gusen e recordado polo seu sobriño José Ferradás; Manuel Rodríguez Louro, do Ézaro que vira «máis avións no seo que ghaivotas na praia do Ésaro un día de vendaval» e que o escritor Naval sempre reivindicou; E, por último, Abilio Álvarez Bernardo, sacado das tebras polo sobriño Rafael Adán.

Sempre presentes en nós.

Enrique Doval no documental «Mauthausen, regreso ao campo da morte», emitido pola TVG.

Enrique Doval Reija

(Coeo, Lugo – Preso nos campos de exterminio de Trier XII-D, Mauthausen e Gusen. Liberado o 5 de maio de 1945).

Por Baldomero iglesias, investigador e amigo.

Un día Antía Cal falou de Mercedes Núñez, a súa amiga, filla dun xoieiro de Bergondo emigrado a Barcelona. Relatou como, erguida en dignidade, declarou nos xuízos de Núremberg a experiencia dos crematorios. Ela contaba, e eu sen querer fun ás miñas memorias con Enrique Doval, O Cachimbas, o da Casa Cabrera de Coeo, na volta de Lugo. Enrique chegara a Mauthausen, escravo e no gume da morte. Por el coñecín a cruel historia. Era coxo dunha perna que metera na roda do tren para ter coartada e salvar a vida.

Puido volver alá e amosar, nun vídeo, os fornos onde estivera. «Non todos ían mortos», dicía. «Recolliamos a graxa para facer xabón», mais non hai quen lave canto alí se fixo.

Morreu en 1997 e nunca puido durmir ben cos espantos e pesadelos. Fuxira de Francia despois de loitar co exército republicano na 117 compañía. Collérono, e levárono ao campo de exterminio! Chegou a pesar 35 kg. Escapou collendo un tanque ao que lle pintaron a fouce e o martelo coa bandeira republicana.
Nos últimos tempos namorou dunha moza, e foi feliz. Gardo a cámara que me agasallou para non esquecer aquilo e, hoxe, evócoo agradecido.

José Seijas Ínsua

José Seijas Ínsua

(Carral 1911-Gusen 1942).

Por Neves Villar, investigadora.

Nostálxico de Rosalía de Castro, interesado en ter ao seu alcance unha gramática española para poder ensinar esta lingua no campo de concentración francés e conselleiro de seus irmáns; ás veces orgulloso do seu progreso na vida, outras con medo ao que lle podía deparar o futuro, pero sempre aferrándose á idea de poder volver a ver a súa familia. Así se mostraba José Seijas Insua nas cartas que lle facía chegar aos irmáns, unha vez rematada a Guerra Civil, desde a 109 Compañía de Traballadores Estranxeiros en Saint Cyprien (Francia). Cartas que a súa filla e neta conservan coma un verdadeiro tesouro.

Lonxe quedaba o seu Carral natal, onde seus pais rexentaban unha tenda de ultramarinos que lle deu a posibilidade de estudar e entrar a formar parte do corpo de Policía como Garda de Asalto; Tamén os bos momentos en Barcelona, onde fora destinado e residía coa súa muller, Julia Fuentes, e coa súa filla Olga, que garda na súa memoria, coma se fose hoxe, os paseos con seu pai montada no triciclo, ou como este pasaba o capote do uniforme por riba da súa nai. Tampouco falta o triste recordo de cando o veu por última vez, só con catro anos de idade.

Aínda que as cartas ían destinadas a seus irmáns, afíns á Falanxe, para poder pasar a censura e evitar represalias á súa muller e filla, que regresaran a Carral, eran estas as que lle inspiraban ánimos por sobrevivir.

A súa sorte, pola contra, faría que fose detido en Belfort e levado como prisioneiro de guerra a Fallingbostel (Alemaña) para máis adiante ser deportado ao Campo de Exterminio Nazi de Gusen, en Austria, onde falece o 6 de xullo de 1942.

Foto de grupo con Jose Seijas xa como exiliado en Francia.

Verísimo Rodríguez Ollero

(Paderne de Allariz, 1919 – Preso nos campos de concentración de Moosburg VII-A e Mauthausen. Liberado o 5 de maio de 1945 ).

Por Damián X. Domínguez Fernández, investigador.

Verísimo Rodríguez Ollero era un nome calquera ata que comezamos a indagar nos avatares da súa vida.

Cada documento que descubrimos non é un simple papel, é unha vivencia de Verísimo. E estamos aí, ao seu carón, intentando meternos na pel dun rapaz de 17 anos para achegarnos ás súas vivencias e penurias; Unha xeira que comeza loitando nas Milicias Galegas durante a Guerra Civil e que continúa camiño do exilio francés, onde remata nunha compañía de traballadores estranxeiros.

Seguimos ao seu carón camiño do Stalag VII-A de Moosburg, un campo nazi para prisioneiros de guerra. De alí partimos dentro dun tren de mercadorías con Mauthausen como última parada. Recorremos a pé o penoso camiño que o leva dende a estación ao inferno en vida. Descubrimos que é o prisioneiro ourensán máis novo en entrar nel. Tamén que forma parte do primeiro continxente de loitadores republicanos en acabar nun campo de concentración nazi o 6 de agosto de 1940.

Aliviados atopamos que sobrevive a Mauthausen. Por primeira vez esbozamos un leve sorriso. Trala liberación, Verísimo pérdese na bruma dos tempos, sen dúbida perseguido por lúgubres pesadelos.
Un triste peregrinar que nos remove por dentro. Non hai xeito de imaxinar todo o que viviu por devecer, por defender unha vida mellor e máis xusta. Agora tócanos recuperar a súa memoria, a súa historia. É de xustiza.

Rexistro de chegada a Mauthausen de Verísimo Rodríguez Ollero.

Juan González del Valle

(A Coruña, 1898- Hartheim, 1941).

Por Lázaro Louzao, fotógrafo.

Nado o 9 de outubro de 1898 na Coruña no seo dunha familia da alta burguesía conservadora, comeza os seus estudos universitarios no curso 1915/16 e a publicar en 1920, centrando a súa produción literaria ao redor da poesía, a prosa poética e a crítica literaria. Republicano de esquerdas e homosexual frecuenta os círculos literarios da época onde coñece, entre outros, a CastelaoDiesteBlanco AmorGómez de la SernaUnamunoAlbertiMax AubFrancisco AyalaAzorínRubén Darío ou Borges.

Comunicación de falecemento de Juan González Valle por parte da República francesa.

Publica a meirande parte da súa obra na revista Alfar, que chega a dirixir na última etapa coruñesa. En 1925, encargase da edición da primeira antoloxía poética de Valentín Lamas Carvajal. En 1927 é nomeado Académico Correspondente da RAG e imparte docencia no Instituto coruñés de Eusebio da Guarda, trasladándose no 33 a un instituto de Madrid.

No 36 apúntase voluntario no batallón do seu sindicato de ensino, a FETE, incorporado á 1ª Brigada Internacional ás ordes de Ramón J. Sender. De Madrid marchará a Valencia no 5º rexemento das milicias populares, encabezadas por Antonio Machado, e de aí a Barcelona. Durante este tempo continua a  impartir docencia e colabora con revistas ao servicio da causa republicana como Hora de España ou Nova Galiza.

Coa caída de Cataluña pasa a Francia onde é internado nun campo de concentración en Angoulême e de aí trasladado a Mauthausen en agosto do 40. En xaneiro do 41 transfíreno ao campo auxiliar de Gusen, e é finalmente gaseado no castelo de Hartheim o 26 de setembro dese mesmo ano, aos 42 anos de idade.

Aurelio Díaz Hortas

Aurelio e Victorino Díaz Hortas

(De Outeiro de Rei a Mathausen. Victoriano morreu en 1941, Aurelio sobreviviu).

Por Encarna Díaz, filla de Aurelio e sobriña de Victoriano.

Aurelio e Victorino Díaz Hortas naceron en Outeiro de Rei (Lugo), nunha familia de labregos. Dende moi novos traballaron no campo. Aurelio non quería ser un escravo e as súas inquedanzas levárono á Coruña. Entrou na Policía en 1934 e foi destinado a Barcelona onde coñeceu a súa esposa (Isabel) no estalido da Guerra Civil. No exército republicano chegou a tenente. Ao finalizar a guerra, os dous irmáns exiliáronse feridos a Francia. Ao pouco, Aurelio recibe unha carta na que o informan da morte da muller en España e de que a súa filla Encarna, de 6 meses, lle fora confiada a outro irmán en Galicia.

Cando o exército alemán invadiu Francia foron encerrados nun campo de prisioneiros de guerra. O 24 de xaneiro de 1941 foron deportados a Mathausen. Victorino,  polo seu precario estado de saúde, como xa non podía traballar, é trasladado ao campo de exterminio de Gusen, onde morre. Aurelio continuou en Mathausen e sobreviviu. Viu os seus camaradas morrer convertidos en esqueletos, entrar nos crematorios, enterrar os presos vivos ou meterlles a cabeza en alcatrán fervendo. Para comprender a barbarie que pasou nos campos é necesario telo visto e vivido.

Diploma do Goberno francés na honra de Victorino Díaz Hortas, «morto na defensa de Francia».

Salvárono as gañas de vivir. Ocupou  postos de traballo nos que ser indispensable. Foi carpinteiro, e adaptouse a numerosas situacións, sempre formando parte de comités clandestinos de prisioneiros.

Ao ser liberados, Aurelio foi a Francia, coa saúde delicada por anos de horror e desnutrición, e estableceuse en Grenoble. Como filla dun deportado vívese coa culpabilidade de ser feliz. Non poder falar con naturalidade cun pai obsesionado porque o horror que viviu non se volvera repetir xamais. E en calquera momento pode pasar, xa que o odio e o extremismo continúan o seu ascenso. Hai quen, a día de hoxe, segue afirmando que toda esta barbarie non pasou e que son historias de «roxos comunistas».

Ricardo Rodríguez Fernández

(Vigo, 1910-Hartheim, 1942).

Por María Torres, investigadora.

Ricardo non puido chegar a participar na Olimpíada Popular de Barcelona, para a que fora seleccionado. Non puido regresar nunca a Vigo, abrazar a súa familia, encontrarse coa súa noiva Mercedes. E tampouco puido volver xogar ao fútbol, a súa gran paixón. Todas as súas ilusións, ao igual que o seu corpo, convertéronse en cinzas.

Nace en Vigo, en 1910. Estuda no Colexio Minerva e comeza a xogar ao fútbol no Constitución. En 1928 ficha polo Ciosvín, equipo que se proclama Campión de España amateur, gañando a copa Presidente da República de Fútbol en 1931. O terceiro gol do encontro márcao o centrocampista Meana, o alcume co que era coñecido Ricardo.

O 17 de xullo do 36, Ricardo parte para Barcelona coa delegación galega que tiña previsto participar na Olimpíada Popular. Un día despois únese ás milicias republicanas e combate na contenda alcanzando o grao de Tenente de Infantería do Corpo de Seguridade.

Ricardo Rodríguez Fernández.

Cruza a fronteira francesa nos primeiros días de febreiro de 1939. Alístase na 22ª Compañía de Traballadores Estranxeiros e é capturado polos alemáns en xuño de 1940. Recluído no campo de prisioneiros de guerra de Fallingbostel, o 25 de xaneiro de 1941 depórtano a Mauthausen.

Apenas un año despois obrígano a subir a un autobús gris que o deixa aos pés do Castelo de Hartheim, un lugar do que ninguén regresaba, e onde foi asasinado nos primeiros días de febreiro de 1942.
A súa familia non volveu saber del nin coñeceu o seu destino final ata 1967. Seis anos despois recibiron unha indemnización coa suma de oito mil pesetas, que procederon a devolver ás autoridades alemás coa suxerencia de que os cartos fosen investidos en misas.

José Ferradás Pastoriza

(Bueu – Gusen, 1941).

Por José González Ferradas, sobriño.

A miña nai, como resposta ás miñas preguntas de infancia, contoume que o tío Pepe «morrera na guerra cos outros», que «o tío Pepe era dos outros!». A pesar disto, nunca deixei de buscalo. Sempre mantiven a curiosidade e a esperanza de coñecer a verdade. Agora seina grazas á investigación de María Torres.
O meu tío, José Ferradás Pastoriza, era natural do lugar da Rosa, en Beluso. Aprendera o oficio de carpinteiro, pero nos anos trinta dedicábase á pesca de baixura. Tiña dúas fillas coa súa compañeira Josefa Cabral.

Sindicalista e de ideoloxía socialista, tralo golpe de Estado de 1936 participa nalgunha acción para tratar de evitalo, pero perségueno e unha noite danlle aviso de que van ir por el e escapa da casa. A familia xamais o volveu ver.

Consegue chegar a Euskadi e traballar como voluntario nas canteiras de Martutene. Máis adiante integra a terceira compañía do Batallón México. Loita na fronte de Ochandiano e na liña de Baranbio. O seu nome figura nunha subscrición «a favor da loita de clases», na que colabora con cinco pesetas.
Trala contenda pasa a Francia e é confinado en Argelès sur Mer ata decembro de 1939, cando se enrola na Compañía de Traballadores estranxeiros núm. 107. Detido en xuño de 1940, pasa polos campos de prisioneiros de guerra de Belfort e Fallingbostel. Deportado a Mauthausen o 25 de xaneiro de 1941 nunha expedición de 1472 españois, na que tamén está o fotógrafo Francesc Boix, en abril trasládano a Gusen, onde morre o 20 de setembro de 1941. O seu corpo é cremado catro días despois.

Manuel Rodríguez Louro

(Ézaro, 1916- Hartheim,1941).

Por Francisco Fernández Naval, escritor.

Manuel Rodríguez Louro era o segundo de sete irmáns. En 1935 estaba afiliado ao Pósito de Pescadores do Pindo, aínda que el soñaba con ser zapateiro. No verán de 1937, para non seren mobilizados polo exército golpista, foxe ao Monte Pindo co seu irmán Joaquín.

Na tarde do 16 de outubro, con outros 11 fuxidos, secuestran o As, barco que recollía sardiña para a salga. A borraxeira protéxeos do avión enviado na súa busca. Sen combustible, ao pairo, tras capear un temporal, atópaos e dálles remolque ata Bristol o vapor inglés Etrib.

Da chegada informa o xornal Evening World do 22 de outubro. Unha imaxe amosa un grupo de mozos co puño en alto. Cantan a Internacional. Dunha taberna sae un home que lles di, en galego, que alí non convén esa canción.

Denegado o asilo, son repatriados a España por Cataluña. Todos, agás un, intégranse no exército republicano. Tras a derrota, Manuel Piñeiro, Miguel Ferrer, Manuel e Joaquín pasan a fronteira. Piñeiro falece no campo de concentración de Agde-Herault. Miguel e Joaquín conseguen embarcar no Winnipeg, o barco fretado por Neruda. Manuel é confinado no campo de Argelès-sur-Mer.

Integrado nos batallóns de traballo do exército francés, cae prisioneiro dos alemáns. Recluído no Stalag XII D Trèves, escribe á casa dicindo que estivo nunha batalla na que había máis avións que gaivotas na praia do Ézaro un día de temporal. Quizais Dunkerque. Deportado a Mauthausen nun dos primeiros trens con presos republicanos, ingresa no campo o 25 de xaneiro de 1941. Con punzón e tinta indeleble grávanlle no brazo o número 4148. O 16 de setembro é asasinado no castelo de Hartheim. Gaseado, anotan no rexistro. Manuel Rodríguez Louro, Marrolas. É necesario repetir este nome.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail