O Estado oculta o custo das vacacións da familia real en Marivent

A Coruña.- A noite do pasado martes ao mércores o pazo de Marivent reabriu as súas portas tras meses de obras. Como cada verán, Felipe de Borbón e Letizia Ortiz convidaron representantes políticos, económicos e sociais das Illes Balears á tradicional recepción organizada pola Casa Real. Unha imaxe que desde hai décadas marca o comezo da súa axenda institucional de agosto e serve para escenificar a presenza da monarquía nas illas. Antes de converterse no escenario habitual das vacacións dos Borbóns, porén, Marivent tiña un destino ben distinto.

O pazo foi construído entre 1923 e 1925 por encarga do pintor e coleccionista exipcio Juan de Saridakis. En 1966, tres anos despois da súa morte, a súa viúva, Anunciación Marconi Taffani, cedeu a leira e os xardíns á Deputación Provincial de Balears cunha condición expresa: que se destinasen a un museo dedicado ao artista e que permanecesen sempre abertos ao público. As institucións franquistas respectaron a vontade dos propietarios orixinais durante uns poucos anos, pero en 1973 a Deputación, presidida daquela polo arquitecto e urbanista José Alcover Llompart, acordou ceder o inmoble aos daquela príncipes de España, Juan Carlos de Borbón e Sofía de Grecia, para o seu uso como residencia de verán.

A decisión desencadeou un longo conflito xudicial cos herdeiros de Saridakis, que denunciaron nos tribunais o incumprimento das condicións da doazón. Ata 1988 non lograron que a Xustiza lles permitise recuperar cando menos os bens mobles que lles pertencían. Entre eles figuraba unha valiosa colección de arte da que Juan Carlos, Sofía e os seus fillos e fillas, netos e netas, puideron gozar durante anos en privado e con carácter exclusivo. Máis de cinco décadas despois, Marivent continúa a ser a residencia estival da súa familia e o museo imaxinado polo seu propietario orixinal nunca volveu abrir as súas portas.

O complexo foi ampliado, reformado e acondicionado con cargo ao orzamento público para adaptarse ás necesidades dos reis. A residencia de Son Vent, incorporada ao recinto e utilizada habitualmente por Felipe VI e Letizia Ortiz durante as súas estadías en Mallorca, foi remodelada por Patrimonio Nacional en 2004 cun investimento superior ao medio millón de euros. Este mesmo ano, o Govern balear gastou outro medio millón en obras de mellora e acondicionamento planificadas para estaren rematadas antes do regreso estival dos monarcas.

Dous actos na axenda oficial do rei

A recepción do pasado martes escenificouse como colofón deses traballos, coincidindo co inicio dos días de lecer e descanso familiar do rei na illa. Segundo a información sobre a súa axenda ofrecida pola Casa Real, Felipe VI só terá dous actos institucionais nas próximas semanas: unha breve viaxe oficial a Colombia este venres para asistir á toma de posesión do novo presidente, o ultradereitista Abelardo de la Espriella, regresar inmediatamente despois e, ao día seguinte, entregar en Palma os trofeos da Copa do Rei de vela.

O resto das súas vacacións, el e a súa familia gozarán do idílico complexo de Marivent, adaptado e xestionado con diñeiro público para o seu uso exclusivo por unha contía que segue a ser unha incógnita e que nin a Casa Real nin as administracións implicadas están dispostas a aclarar.

Entrada ao pazo de Marivent, en Mallorca / Foto: Barceló

Os preto de 30.000 metros cadrados de xardíns do pazo, con corenta especies vexetais diferentes e decorados con esculturas de Joan Miró, só poden visitarse nove meses e medio ao ano. Na Semana Santa e entre o 15 de xullo e o 15 de setembro quedan reservados para os reis e a súa familia. As dependencias interiores do edificio principal —uns 500 metros cadrados de casal distribuídos en varias plantas, con oito habitacións, amplos salóns e unha piscina aberta ao Mediterráneo— e dos seus anexos —ademais de Son Vent, durante o reinado de Juan Carlos de Borbón construíronse vivendas para as súas fillas Elena e Cristina— están destinadas ao seu desfrute exclusivo.

A estadía estival dos Borbóns en Mallorca adoita presentarse como un período de descanso privado salferido por algúns actos oficiais de carácter protocolario. Porén, a posta a punto do escenario no que se desenvolven eses días de lecer real continúa dependendo dos orzamentos públicos. Un estudo recente elaborado polos profesores da Universidade de Málaga Daniel Carrasco e Daniel S. Toledano para a Rede de Estudos das Monarquías Contemporáneas —un think tank monárquico— sitúa ese gasto moi por riba da imaxe dunhas simples vacacións familiares.

Os autores reconstrúen o custo efectivo do mantemento do pazo de Marivent a partir das informacións oficiais do Govern balear. Os últimos datos públicos corresponden a 2021: 973.265 euros orzamentados para a conservación do recinto, dos que se executaron 710.172 euros. O maior desembolso correspondeu ao persoal adscrito ao servizo do monarca no complexo, con 267.292 euros entre salarios e cotizacións sociais. A iso sumáronse máis de 442.000 euros en gastos correntes, nos que destacan os contratos de limpeza, seguridade e xardinaría, ademais das subministracións básicas, as reparacións e o mantemento das instalacións. Incorporando tamén a amortización dos investimentos realizados no inmoble, o informe calcula un custo total de 711.255 euros anuais.

O séquito

Esa cifra non inclúe boa parte dos servizos que fan posible cada verán a estadía da familia real. Os autores advirten de que arredor de Marivent gravitan outros gastos sufragados por distintas administracións públicas, desde os dispositivos de seguridade ata os desprazamentos oficiais, así como numerosos servizos de apoio que non aparecen reflectidos no orzamento do pazo, pero que forman parte do custo efectivo. Como, por exemplo, o traslado, aloxamento e manutención en Mallorca do persoal que integra o séquito de Felipe de Borbón, da súa esposa, da súa nai e das súas fillas.

Nos últimos meses, ademais, o Govern balear impulsou unha nova batería de obras de acondicionamento co citado investimento próximo ao medio millón de euros para modernizar instalacións, renovar espazos e adaptar distintas dependencias do complexo ás necesidades e desexos do xefe do Estado e da súa familia. Unhas actuacións que se suman a décadas de reformas e ampliacións financiadas con recursos públicos desde que Marivent deixou de ser o museo público ideado por quen llo doou ao Estado para, en contra da súa vontade, converterse na residencia de verán da familia real.

A estadía estival dos Borbóns en Mallorca preséntase como un período de descanso privado, pero sufragado con fondos públicos.

A escasa información oficial dificulta reconstruír canto custa realmente cada veraneo real en Mallorca. Certo é que a falta de transparencia foi unha constante da Zarzuela desde o inicio da transición, tanto durante o reinado de Juan Carlos de Borbón como durante o do seu fillo. A Casa de Felipe VI asegura que o seu orzamento non supera os 8,5 millóns de euros, unha cifra que podería aparentar austeridade porque é a mesma que manexan anualmente, por exemplo, o Padroado Municipal de Deportes de Castelló ou o Concello de Ortigueira.

En realidade, trátase dunha parte moi reducida, apenas o 8 %, do gasto total que xera a Monarquía e que é asumido maioritariamente por outras institucións do Estado. Os custos financiados por Patrimonio Nacional, os ministerios do Interior, Defensa, Asuntos Exteriores e outros organismos públicos elevan o custo do funcionamento da Coroa por riba dos 105 millóns de euros anuais. Desa cantidade, máis de 80 millóns destínanse ás nóminas dos máis de 2.000 funcionarios, militares e asesores que traballan ao servizo directo do rei.

581.000 euros en salarios da familia real

Con cargo ao orzamento da súa Casa, Felipe de Borbón percibe unha asignación anual de 290.000 euros; Letizia Ortiz, 160.000 euros; e Sofía de Grecia, 131.000 euros.

Público-Luzes preguntou á Zarzuela se algún dos tres sufraga con cargo ás súas retribucións salariais os gastos derivados das súas vacacións en Mallorca; se aboan do seu peto algún dos seus desprazamentos privados, a súa manutención diaria, a das súas fillas ou os convites a terceiras persoas; e se custean dalgún xeito o mantemento do pazo ou as facturas da electricidade, da auga, do gas e doutras subministracións durante os períodos que pasan nel.

Tamén preguntou se existe algún convenio, contrato ou acordo, máis alá da cesión acordada en 1973 pola Deputación de Balears, que regule a utilización da residencia por parte da familia de Felipe VI. No momento de pechar este artigo, a Casa do Rei non respondera a ningunha destas cuestións.

Este xornal trasladou preguntas semellantes ao Govern de Balears, presidido por Margalida Prohens (PP) co apoio de Vox, para coñecer se a Administración autonómica asume gastos adicionais derivados da presenza da familia real durante o verán e se existe algún documento que regule as condicións de cesión e utilización do complexo de Marivent. Tampouco obtivo resposta.

Canto custa?

A ausencia de explicacións impide responder con precisión a unha pregunta sinxela: canto lles custa aos contribuíntes o retiro estival da familia do xefe do Estado. Os orzamentos públicos permiten identificar algunhas pezas do crebacabezas —o mantemento do pazo, as obras de mellora, os servizos asociados ao complexo—, pero o custo global continúa repartido entre distintas administracións sen que exista unha cifra oficial consolidada.

Así, 53 anos despois de que o pazo de Marivent deixara de ser o museo público imaxinado por Juan de Saridakis e a súa viúva para converterse na residencia de verán do herdeiro designado por Francisco Franco como o seu sucesor na Xefatura do Estado, o inmoble continúa simbolizando un paradoxo difícil de ignorar.

Foi cedido para o goce de toda a cidadanía, mais permanece reservado ao lecer agosteiro da familia real. E a súa conservación, as súas reformas e os servizos que fan posible esa estadía seguen a financiarse cos impostos que paga esa mesma cidadanía que xa non pode acceder a el.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail