A Coruña.- A prima de Alberto Núñez Feijóo, Eloína Núñez Masid, ex xerente dos hospitais públicos de Santiago e a comarca coruñesa do Barbanza, tramitou dous contratos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que adxudicaron 3.931.924,43 euros a Eulen, a empresa que dirixe en Galicia e o noroeste de España a irmá pequena do presidente do PP, Micaela Núñez Feijóo.
O primeiro deles, por valor de 3.899.058,43 euros, adxudicou á empresa os servizos de seguridade dos hospitais e centros de atención primaria da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, na costa sur da Coruña. O segundo encargoulle por 32.866 euros a instalación dun sistema de videovixilancia nas unidades de hospitalización do servizo de psiquiatría deses mesmos centros.
Eloína Núñez, exconcejala do PP en Ourense e médica de profesión con praza de técnica superior de saúde no Servizo Galego de Saúde (Sergas), ascendeu á xerencia dos hospitais de Ourense poucas semanas despois de que o seu curmán alcanzara a presidencia da Xunta, en maio de 2009.
Vocal na executiva do PP galego
En 2017, Feijóo deulle a dirección dos cinco hospitais públicos de Santiago e O Barbanza, e en 2021, nomeouna vogal da executiva do partido en Galicia.
En canto a Micaela Núñez, seis anos menor que o presidente do PP, traballa en Eulen desde xullo de 2003; é dicir, seis meses despois de que Feijóo fora nomeado conselleiro de Política Territorial da Xunta de Manuel Fraga. Pasou de dirixir a delegación da empresa en Vigo á dirección provincial de Pontevedra e, posteriormente, á de Galicia.
Durante os mandatos de Feijóo na Xunta, Eulen recibiu da Administración galega contratos por valor de máis de 37 millóns de euros, polo que multiplicou as adxudicacións que obtivera cos gobernos anteriores.
Durante os mandatos de Feijóo na Xunta, Eulen recibiu da Administración galega contratos por valor de máis de 37 millóns de euros
Tal e como desvelou Luzes- Público en 2022, os expedientes de moitas desas adxudicacións mostran indicios e evidencias de que a empresa gozaba de trato de favor por parte dos organismos adxudicatarios, e mesmo de información privilexiada acerca das ofertas das súas competidoras, sobre as que a Administración galega debería gardar a súa deber legal de confidencialidade.
En 2016, xusto despois de que a compañía batera o seu récord de facturación coa Xunta, Micaela Núñez foi ascendida á dirección de Eulen para todo o noroeste de España, é dicir, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.
Un dos contratos máis caros
O contrato para os servizos de vixilancia e seguridade dos hospitais de Santiago e O Barbanza empezou a tramitarse en decembro de 2023 e é un dos máis cuantiosos que recibiu a empresa ata a data.
Tiña un prezo base de licitación de 4.064.208,62 euros e un valor total estimado —o máximo que a Administración calcula que pode alcanzar a factura sumando prórrogas e imprevistos— de 4.870.332,65 euros.
O 12 de decembro do ano pasado, Eloína Núñez asinou a resolución para o nomeamento dos seis membros da mesa de contratación que adxudicou o contrato. Case todos eran altos cargos nomeados por ela ou baixo o seu mando directo.
Núñez tamén subscribiu o resto da documentación do procedemento, salvo a resolución final da adxudicación, que o seu sucesor, Ángel Facio Villanueva —quen ata entón ocupaba a xerencia dos hospitais públicos de Ferrol— validou apenas unha semana despois de ocupar o seu novo cargo.
Ao concurso presentáronse tres empresas. Eulen levouno coa oferta máis barata e mellor valorada pola mesa.
A prima de Feijóo nomeou as mesmas persoas para formar a mesa que resolveu a adxudicación a favor da sociedade para a que traballa a súa prima Micaela do contrato para a instalación de cámaras de seguridade nos servizos de psiquiatría dos hospitais que ela dirixía.
O contrato tiña un orzamento base de 37.846,13 euros, que Eulen levou cunha oferta de 32.866 euros. Núñez Masid asinou a adxudicación o 20 de decembro de 2023.
Empresas competidoras
No expediente que a Xunta publicou na súa plataforma de contratación e na do Sergas non figura información algunha sobre se houbo ofertas de empresas competidoras nin sobre as puntuacións que no seu caso puideron obter.
Luzes-Público púxose en contacto con Eulen para interesarse pola opinión da empresa sobre os feitos descritos, pero á hora na que se terminou de escribir este artigo non puidera falar con ningún responsable da compañía.
Este diario tamén contactou co do Sergas, que asegurou que a administración autonómica sanitaria «cumpre de forma escrupulosa a normativa en materia de contratación pública, tendo como principal referencia a lei de contratos do sector público», que constitúe a lexislación básica estatal na materia.
«A adxudicación dos contratos públicos realízase a través das correspondentes mesas de contratación constituídas, cuxos membros son empregados públicos cualificados que realizan o seu labor conforme ao procedemento establecido», afirma o Sergas, que engade que contra as resolucións das mesas de contratación «poden sempre interponerse recursos».
Eloína Nuñez foi destituída o pasado mes de maio tras as denuncias das pacientes de cancro da súa área sanitaria, que alertaron dos atrasos e suspensións nas súas citas médicas.
Non se reincorporará á súa praza ata o ano que vén porque o Sergas lle concedeu un permiso de seis meses con soldo ao que, segundo a lexislación galega, non ten dereito.